martes, 8 de febreiro de 2022

Os soños na gaiola



Manuel María (1968). Os soños na gaiola (9º ed.). Vigo: Xerais.


Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa branda que consta de 96 páxinas e que está ilustrado por Xaquín Marín.

Na portada aparecen ilustracións que tratan de representar os contidos dos poemas, con cores vívidas, pódese distinguir o medio rural, unha vaca, unha igrexa, un barco, un gaiteiro e un labrego. Na parte inferior dereita da cuberta podemos atopar o logotipo de “Bocaberta” (programa de dinamización lingüística da Xunta de Galicia); á esquerda, o logotipo da editorial “Xerais” e o logotipo de “Voces á orella” (campaña de dinamización lingüística) e, por último, na parte superior esquerda, o logotipo da colección/serie “Merlín”. Case no centro, atopamos un recadro branco no que aparece o título do libro e o nome do autor e do ilustrador. Na contracuberta, atopamos un resumo do poemario e na parte inferior o código de barras que contén o ISBN e a editorial de novo.

Se abrimos o libro, na solapa, atopamos dúas pequenas biografías do autor e do ilustrador. Para rematar, destacar que hai un índice na parte final do poemario.


Os soños na gaiola está formado por 6 bloques que recollen 50 poemas relacionados co mundo infantil galego. Concretamente, “O mundo”, recolle poemas dedicados á lúa, ó arco da vella ou ao río, entre outros. A temática dos poemas tratan da identidade galega e a defensa do propio, do mundo infantil e o universo rural, ademais da necesidade de contar coa literatura, en concreto coa poesía, como método para axudar aos nenos e nenas a entender e construír o mundo que os rodea.

En canto aos poemas, podemos dicir que as estruturas son sinxelas tentando soar rítmicas. Así, son poemas doados de lembrar, xa que procuran ser repetitivos cun vocabulario fácil na súa maioría. En canto ás ilustracións, - que non aparecen en todos os poemas - de cores negras, laranxas e amarelas, reflicten ao/s protagonista/s, aportando ao lector unha imaxe visual.

Este poemario permite traballar a lectura, especialmente a poesía e a recitación. O contido dos poemas permitirá traballar vocabulario e coñecer - cunha representación visual - diferentes entidades ou elementos que se atopan presentes no mundo infantil galego, pero tamén xeral. Ademais, ofrece a posibilidade de traballar a memorización e o ritmo. Tamén a pronuncia, xa que nos poemas se repiten palabras de grupos consonánticos que ás veces poden resultar complexos (como “ch” ou “rr”), reiteradamente. Finalmente, este poemario permite visibilizar a importancia da lingua galega e revalorizar e reforzar a nosa identidade, así como a necesidade da literatura e da poesía como parte da nosa vida.







Recursos en liña

Álbum: Os soños na gaiola (1978), do cantante galego Suso Vaamonde. Ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=SU2c4HLMVMQ&list=OLAK5uy_nwbnC bRkROTuEA9KZCD6c6kb3neIo_WK8

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...