Richardson, Justin; Parnell, Peter e Cole, Henry (2005). Con Tango son tres. Trad. Senra Gómez, Sandra e Senra Gómez, Óscar. Pontevedra: Kalandraka.
Con Tango son tres é un álbum ilustrado impreso en papel e encadernado en tapa dura que consta de 32 páxinas En canto á súa forma, presenta un formato rectangular. Na cuberta aparecen os protagonistas desta historia, tres pingüíns que ocupan moito espazo visual, a pesar de que no fondo pódese atopar unha sobria representación do seu “espazo natural” que, neste caso, queda en segundo plano. Na parte superior dereita, atópase o título do libro, no que cada palabra ten un tamaño diferente, destacando “Tango” sobre as demais. Na parte inferior dereita atópanse os nomes dos autores e, na parte inferior esquerda, o nome da editorial.
Ao abrir o libro, na portada, atopamos de novo o título e os nomes dos autores. Ademais, aparece de novo a ilustración dos pingüíns, neste caso, sen a cría.
A historia céntrase nunha parella de pingüíns que viven nun zoo. Esta parella está formada por Roi e Silo, que viven no zoo da cidade de Nova York. Na época de xestación dos ovos, esta parella formada por dous pingüíns macho, incubaban unha pedra. Na natureza, os pingüíns só incuban un ovo, aínda que poden pór dous. En xeral, abandonan un ao saber que non é viable sacar adiante a dúas crías. O coidador, ao decatarse de que outra parella abandona un dos seus ovos, decide darllo a esta parella de pingüíns, que comeza a coidalo en lugar da pedra. Así, comeza a súa aventura para ser pais e, finalmente, dese ovo nacerá Tango... Pois como o coidador dixo: “Fan falla dous para bailar un tango”.
En canto ás ilustracións, podemos dicir que ocupan gran parte de todas as páxinas, acompañando ao texto e tratando de representar o que se está a contar. As cores son variadas, pero non demasiado vívidas. Estas ilustracións, no inicio do libro, atópanse cargadas de detalles que procuran representar dun xeito fiel a contorna do zoo, así como os animais que viven nel.
Ao avanzar a historia e centrarse nos pingüíns, as cores comezan a ser de tons máis fríos, como a cor azul, branca ou negra, nun intento de evocar o hábitat destes animais que, como xa sabemos, viven en lugares fríos, sobre placas de xeo e preto do mar.
Todas as ilustracións axudan ao lector ou lectora a visualizar a historia, pois acompañan ao texto.
Este álbum ilustrado permite traballar múltiples contidos. Nunha lectura quizais máis superficial, poderíase traballar o animal protagonista, o pingüín. Deste xeito, poderíase utilizar esta historia para coñecer a dito animal, a súa descrición física, o seu hábitat xunto á súa localización ou a súa alimentación, entre outros aspectos. Tamén permitiría coñecer outros animais similares a este ou totalmente opostos, ademais de poder aproveitar o coñecer o seu hábitat para estudar os climas principais que existen no noso planeta, os continentes ou mesmo a localización de países.
Por outra banda, nunha lectura máis profunda e baseada nos sentimentos e valores, poderíase traballar a diversidade e o respecto a ela. Ensinar os diferentes tipos de familia que se poden dar na sociedade e a importancia de respectar a liberdade sexual dos demais. Por outra banda, tamén permite traballar a intelixencia emocional na aula cos nenos e nenas e desenvolver a capacidade da empatía: recoñecer as emocións dos demais como, neste caso, no desexo da parella de pingüíns por formar unha familia e ser pais ou o amor que senten o un polo outro.
Por último, este libro tamén permitiría traballar o respecto aos animais. Grazas á humanización dos protagonistas, os nenos e nenas poden entender que os seres vivos tamén teñen sentimentos e que merecen, ao igual que os nosos iguais, ser respectados. Ademais, que a historia ocorra nun zoo, permite reflexionar sobre o feito de que os seres vivos teñen que ser libres.
Recursos en liña
Lectura do libro Con Tango son tres, por parte dunha alumna do “CEIP de Caión”: https://www.youtube.com/watch?v=k9kclSiyt58&t=56s&ab_channel=CEIPdeCai%C3% B3n
Ningún comentario:
Publicar un comentario