O libro escollido para a realización desta recensión crítica foi O misterio dos fillos de Lúa, un relato infantil escrito por Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951). É considerada unha das mellores autoras galegas de literatura infantil e xuvenil e obtivo diversos premios como, por exemplo, o Premio Nacional de Literatura en 1996.
Decanteime por este
libro por ser unha das miñas lecturas pendentes, xa que sempre me chamou a
atención o xeito que ten esta autora de enfocar temas de transcendencia social
en libros infantís. A maiores, xa de cativa na escola escollía as súas
historias para me mergullar nas horas de biblioteca.
CASALDERREY, FINA (1995). O misterio dos fillos de
Lúa. A Coruña: SM, col Barco de vapor, nº 89, [124 pp.] (ISBN:
84-348-8582-4).
O formato é unha encadernación de tapa branda. Na cuberta
aparece representada unha imaxe nocturna da gata protagonista sentada nun
tellado ao carón dunha cheminea. Está mirando á lúa, a cal fai referencia ao
seu nome. É unha ilustración que xoga coas luces e sombras. Sobre a imaxe, mirando
por orde dende a parte superior á inferior, atopamos o nome da colección, o da
autora e o título do libro nun tamaño máis grande. A continuación aparecen os
dous premios que recibiu a obra e, na parte inferior, o nome da editorial.
Na contracuberta aparece un breve resumo da historia e
unhas palabras sobre a autora. O formato é de cor laranxa, o que nos indica que
é para unha idade recomendada de 8 anos en adiante. No lombo atopamos ademais o
número da colección. Non presenta solapas.
O tipo de letra desta obra é de tamaño medio; conta con
124 páxinas numeradas e está organizada en 28 capítulos. Ademais presenta
algunhas ilustracións pouco nítidas en branco e negro. Estas só teñen a función
de representar determinadas escenas e acompañar ao texto, non son
imprescindibles para comprender a lectura.
O argumento da obra relata a historia dun neno chamado
David que vive no seo dunha familia formada pola súa nai, o seu pai e mais o
seu irmán, Xocas. Tras mudar da cidade ao campo, Xocas atopa unha gatiña
abandonada nun cemiterio, decide levala á casa e tras convencer á súa nai,
póñenlle o nome de Lúa. A historia comeza cando Lúa pare uns gatiños que
desaparecen. David e máis a súa noiva Branca veranse somerxidos na resolución
do misterio.
Considero que a lectura deste libro é moi recomendable
para o 4º curso de Educación Primaria, xa que é unha narración extensa adaptada
a nenos e nenas cunha linguaxe moi sinxela, o tratamento de valores como o amor, a convivencia coa familia, o
respecto polas mascotas e mais a curiosidade polos feitos que ocorren ao noso
redor. Ademais, esta obra cumpre con abondosos estándares de aprendizaxe
do currículo de Educación Primaria. Entre eles destaca o bloque 2, relacionado
coa lectura, no cal aparece reflectida a comprensión de ilustracións
relacionadas co contido do texto ao que acompañan, e máis a descodificación das
palabras sen dificultade. Ambos estándares son necesarios para realizar esta
lectura. Por outra banda, no bloque 5 relacionado coa literatura, destácase que
o alumnado deberá ser capaz de ler en silencio diversas obras e textos da
literatura infantil no idioma galego.
En canto ás potencialidades que presenta esta obra,
atopamos multitude de aspectos cos que podemos traballar nun futuro como
docentes. O primeiro que destacaría é a intriga, tema principal do relato. Con este
tema, o cal é axeitado e cautivador para os nenos e nenas de Educación
Primaria, poderíamos traballar algúns estándares de aprendizaxe, como pode ser a
capacidade de inferencia dos/as discentes ofrecendo opinións e valoracións
sobre a lectura. Desta forma, cada un pode
dar o seu punto de vista sobre o que pensan que ocorreu cos gatiños, fomentando
así a imaxinación e creatividade.
Ademais, paréceme moi interesante o feito de destacar os
valores que transmite, como son as relacións de convivencia coa familia e o respecto polos animais, entre outros.
Así como levar a cabo a lectura desta historia en voz alta, co obxectivo de
fomentar nos nenos e nenas a fala en galego.
Con relación aos recursos en liña sobre esta obra de Fina
Casalderrey, podemos atopar algúns deles no CEIP Viaño Pequeno, un colexio
público situado nun contexto urbano en A Coruña. Este conta con blog da biblioteca propio no cal se
presentan diversas entradas con multitude
de book-trailers da
obra contados por nenos e nenas, coma un contacontos animado que axuda aos
pequenos de primaria a interesarse pola lectura deste libro.
Por último, gustaríame destacar unha visita na que
entrevistaron a Fina Casalderrey nun colexio para animar aos máis pequenos a
ler esta obra. Pódese atopar aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario