martes, 29 de decembro de 2020

Maruxa

 



Mejuto Rial, Eva María (2014). Maruxa. Ilust. Ana Mafalda Milhões Aires. Pontevedra: OQO Editora, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-490-6).

 

A miña elección foi o álbum ilustrado Maruxa, de Eva Mejuto e Mafalda Milhões para traballar con nenos e nenas de primeiro de Educación Primaria. Elixín este álbum ilustrado porque me parece moi interesante a combinación das imaxes cos valores de igualdade de xénero que se queren transmitir. Cabe destacar a súa sinxeleza, a cal me pareceu moi axeitada, sobre todo para este primeiro ano de Educación Primaria. Por último destacar os valores que se transmiten con esta obra, xa que é importante transmitilos aos nenos e nenas dende pequenos.

Con respecto ao formato, podemos dicir que se trata dun álbum ilustrado de 23x25 cm, de tapa dura e encadernación en cartoné. Maruxa ten 28 páxinas e conta con ilustracións moi significativas. Non contén solapas. Na cuberta podemos destacar que aparece o título en letras vermellas moi rechamantes e aparece unha ilustración de Maruxa con cara de angustia facendo as tarefas do fogar. Enriba do título atopamos o nome da autora e da ilustradora e máis abaixo observamos o nome da Editorial “OQO”.

Este álbum ilustrado trata sobre Maruxa que vive na aldea con Pepiño. A historia baséase na rifa que inician Maruxa e Pepiño. Maruxa sempre tiña que facer as tarefas do fogar: cosía, barría e labraba mentras que Pepiño cantaba, folgaba e durmía. Ata que un día, Maruxa, que era moi astuta e tiña unha grande habilidade para a retranca, decidiu dárlle unha lección a Pepiño mandándolle comprar todos os ingredientes para facer o pan. Finalmente, Pepiño déuse de conta de que as tarefas do fogar estaban mal repartidas e decide cambiar de actitude.

Con respecto ás ilustracións, cabe dicir que son moi significativas por recrear a historia e ampliar a información do texto. Teñen texturas e son de tipo figurativo. A maioría das ilustracións do álbum ilustrado son de Maruxa pedíndolle a Pepiño ingredientes para facer o pan, cunha evidente retranca,mentres tenta que o seu home tome consciencia de todo o labor que ten que facer ela soa na casa. Finalmente, Maruxa consegue o seu obxectivo e Pepiño comeza a axudala.

A lectura deste álbum considero que é de interese para os nenos e nenas de Educación Primaria, pois permite reflexionar sobre a desigualdade de xénero dentro do fogar, en particular no reparto das tarefas. Estes valores son fundamentais na etapa de Educación Primaria porque considero que son temas que os nosos alumnos e alumnas deben de coñecer dende moi pequenos.

En canto aos recursos en liña, é de destacar un stop-motion realizado por nenos e nenas de 1º de Educación Primaria do CEIP Carballal en Marín. Paréceme un recurso en liña moi interesante para compartir cos nosos alumnos e alumnas, deste xeito, poderíamos complementar a lectura co audiovisual. Ver en https://youtu.be/VuX6KG472qc

 

Nerea Durán Pérez

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...