sábado, 24 de outubro de 2020

Lecturas compartidas dun avó que acende o lume. O caderno de Edua, de Helena Villar Janeiro

 

 





Helena Villar Janeiro (Becerreá, Lugo, 1940) é unha poeta, narradora e ensaísta galega que leva máis de catro décadas de intensa e recoñecida produción literaria. A calidade e orixinalidade das súas obras dirixidas á infancia e xuventude téñena convertido nunha autora clásica contemporánea da literatura galega para os máis novos (Roig, 1995, 2008; Roig et alii, 2007).

Entre as liñas vertebradoras da súa produción infantil e xuvenil a crítica ten salientado recorrencias como a ficcionalización dos máis diversos aspectos da vida cotiá da nenez, a atención á contorna familiar e social, a incidencia en modelos familiares acordes aos momentos históricos de cada época, os procesos de maduración das protagonistas, maioritariamente femininas, e os conflitos propios da infancia e adolescencia. Estes eixes contribúen a unha unidade da súa produción, que tamén salienta polo lirismo, a linguaxe moi coidada, a pegada da literatura de transmisión oral e unha non sempre disimulada retranca (Roig, 2015).

Villar Janeiro, aínda que se iniciou na literatura institucionalizada, implicouse activamente nos colectivos de renovación pedagóxica, consciente da necesidade en lingua galega tanto de obras didácticas coma literarias para a infancia. Unha tarefa que, como moitos outros docentes (Roig, 1995; Agrelo, 2012), asumiu a prol dunha normalización lingüística[1] e cultural que non existía na Galicia da década dos anos oitenta. É por iso que nas súas primeiras obras se reflicten moitas das preocupacións ao redor da escola e das súas necesidades de cambio, aspectos que continuaron presentes, en maior ou menor medida, en toda a súa produción, na que tamén aborda cuestións como os diferentes modelos de familias, a transmisión de valores de carácter universal ou as ambientacións urbanas, consciente da desgaleguización que nestes contextos sufría e sofre a infancia e xuventude.

A súa produción innovou en liña con autoras contemporáneas como María Xosé Queizán, María Victoria Moreno ou Ana María Fernández (Roig, 1995: 144-145) e contribuíu á constitución e consolidación do sistema con obras narrativas como O día que choveu de noite (Galaxia, 1985), Viaxe á illa redonda (Galaxia/SM, 1987), A cidade de Aldara (Casals, 1989), Ero e o capitán Creonte (SM, 1989) e A canción do Rei (Galaxia, 1991), tamén con poemarios como A campá da lúa (Xerais, 1999), Belidadona (Tambre, 2002), Na praia dos lagartos (Ediciós do Castro, 2004), Premio Arume de Poesía 2003, O souto do anano (Obradoiro, 2007) ou Dona e Don (Galaxia, 2004)[2], escrita esta última en colaboración co poeta Xesús Rábade Paredes. Estas obras narrativas e poéticas configuran un rico universo creativo no que proliferan elementos próximos ao imaxinario infantil e problemáticas propias da sociedade do momento no que cada obra foi escrita, ás que a autora sempre estivo moi atenta.

 

Relacións interxeracionais na obra de Helena Villar Janeiro

As relacións interxeracionais están moi presentes na produción de Villar Janeiro. Porén, hai algunhas obras nas que se converten en elemento vertebrador da trama, como ocorre en Viaxe á illa redonda (1987), galardoada en 1986 co II Premio Barco de Vapor, ou O avó de Pipa (Bruño, 1991). Como sinala Ferreira na panorámica galega deste monográfico, salienta a primeira destas obras por poñer en valor a sabedoría dos maiores e a súa capacidade para conectar a realidade co mundo do marabilloso a través das historias que lles transmiten aos máis novos, desenvolvendo un rico xogo metaliterario que se pon ao servizo dun proceso iniciático e de aprendizaxe (Blanco, 1991: 213-214). A segunda coloca o foco nas consecuencias do abandono do rural e da despoboación, que carrexa a soidade dos anciáns ou a súa desorientación cando son obrigados a vivir en contexto urbanos, alleos e violentos, no que só a complicidade cos máis novos, en especial os netos, pode mitigar este desarraigo.

A recorrencia á temática das relacións interxeracionais entre avós e netos está motivada, tal como a propia Helena Villar Janeiro ten explicado[3], pola súa experiencia vital, que non coñeceu a ningún dos seus avós. Esta carencia que sempre a marcou é mitigada na ficción polo retrato de figuras de anciáns que se aproximan do idílico, máis ca do rememorado ou experimentado. É aí que atopamos avós e avoas preocupados polas súas netas, modernos e activos, cómplices nos xogos e promotores da creación de mundos evocados do pasado que conectan co presente e configuran ricos universos imaxinarios.

Ademais das obras citadas, esta temática adquire unha especial relevancia en O caderno de Edua, que seleccionamos para este comentario. Este relato saíu do prelo por primeira vez en 2010 da man de Xestión Literaria Galega[4] para conmemorar o Día das Letras Galegas dese mesmo ano e para celebrar tamén o Ano Xacobeo. Reeditouse en 2015 da man de Sushi Books e foi publicado en éuscaro no mesmo ano co título Eduaren koadernoa[5].

Nesta obra pódense identificar as constantes da produción de Villar Janeiro, ao centrarse de novo no contexto familiar, no proceso de maduración, no protagonismo feminino e, sobre todo, na relación entre a nena protagonista, Edua, e o seu avó César. Todo comeza o día que Edua celebra o seu décimo aniversario, feito que agarda con grande ilusión porque a familia lle vai regalar un ordenador portátil. Porén, a mañá dese día tan sinalado toda a aldea aparece cuberta co manto dunha enorme nevarada, o que impide acudir á vila para mercar o aparello. Ante a preocupación da familia, o avó César atopa a solución ao problema ao lembrarse dun obxecto que leva décadas gardado nun vello baúl: un caderno que lle enviou un tío emigrado na Arxentina sendo el novo e que nunca se atreveu a empregar. Este agasallo convértese no detonante dun proceso de aprendizaxe que desenvolve a vocación nacente da rapaza: ser escritora ou debuxante, camiño que inicia da man do avó, guía e cómplice dos seus avances na exploración das potencialidades da escrita e da imaxe.

A escrita no caderno convértese nun elemento de reforzo da relación avó-neta, ao ser o ancián o que supervisa e segue os textos e debuxos da nena, o que lle conta relatos e poemas que ela transcribe, o que a asesora ante a súa primeira entrevista a uns peregrinos cataláns que pasan polo Cebreiro e o que a aconsella ante outras vivencias que traslada ás páxinas en branco do vello caderno. Deste modo, Edua convérteo nun coidado documento que comparte só co avó ata o día que se lle escapa unha referencia a el na clase, o que levou á mestra a animala a que llo ensinara. Sorprendida polo coidado e sensibilidade do traballo, a mestra anima a Edua a que se presente a un premio escolar, que gaña, o que lle dá a oportunidade a toda a familia de acudir á Casa de Rosalía para recoller o galardón, nunha viaxe que sen dúbida muda para sempre a vida da nena.

A obra ambiéntase na aldea do Cebreiro, lugar asociado ás peregrinacións xacobeas e de forte carga emocional para a autora[6], o que se transloce na lectura da propia obra, tal como sinala Ramón Nicolás (2015), que a define como un pracer porque se constrúe “con esa alquimia máxica que compón o talento, o vagar compositivo, o emprego dunha exemplar riqueza, o acerto argumental e, paréceme, que moita e moi feliz memoria”. Afirmación que corroborou a propia autora ao manifestar: “Hai moitos cariños meus dentro deste libriño”[7], entre os que son de salientar as referencias á poeta Rosalía de Castro e á súa Fundación, que foi presidida durante anos pola propia Helena Villar Janeiro, un máis dos seus compromisos coa terra e a cultura, tal como ela mesma ten manifestado[8].

 

O avó César

Helena Villar Janeiro presenta en O caderno de Edua unha familia tradicional, composta polos proxenitores, a filla de dez anos e o avó, do que non se especifica a liña de cosanguinidade paterna ou materna. Residentes na aldea do Cebreiro, o avó César vive coa familia e ten unha estreita relación coa neta Edua, entre outras razóns porque é o que máis tempo pasa con ela, dado que os pais son labregos e teñen que atender a facenda e os traballos no campo.

O retrato do ancián caracterízase pola sensibilidade, a súa preocupación constante polo benestar e a educación da neta e tamén polo seu interese en aprender. Precisamente é a través da estreita relación coa nena que se constrúe o perfil do ancián, quen é definido como un avó “diferente”: “El estaba xubilado e bastante tiña con atender a casa polo día, botar unha man nalgúns labores e ocuparse de lle axudar a Edua no que precisaba” (p. 41).

En reiteradas ocasións o avó César aparece vinculado a un lugar simbólico da casa: a lareira. Este lugar, asociado ao calor, ao lume, é tamén onde se produce a conexión entre o pasado e o presente a través da transmisión de saberes entre as xeracións:

 

Na casa de Edua conservan a lareira e acéndena todo o inverno. Cando vai moito frío, desde a mañá cedo. O avó César, que vive coa familia, é quen atende o lume e quen máis tempo pasa coa nena, pois os grandes teñen que traballar cos animais e o agro. Na lareira das carrochas é onde o avó lle conta as historias máis bonitas e lle fala de como eran as cousas sendo el neno. A Edua, a lareira parécelle guai, aínda que, ás veces, faga algo de fume, os ollos piquen un chisco e haxa que fretalos con coidado (p. 8).

 

Por iso, nos días de frío é o avó o encargado de facer “o lume para que quentase a casa todo o día” (p. 31) e tamén o que lle conta historias de antano antes de iren á cama. El transmite o seu legado e busca garantir a súa pervivencia, convertendo a neta en depositaria, pero tamén transmisora, ao ser a que escribe moitas das poesías e relatos que el lle canta e conta:

 

por iso Edua sabía contos do lobo, da aguia e do raposo. E tamén que antes as nenas e os nenos ían menos á escola, porque axudaban na casa pastoreando as ovellas e as vacas, e axudando a traballar. Que non había luz eléctrica e que, pola noite, se alumaba primeiro con ganzos de uz, e despois con petróleo e con carburo. Que finalmente chegara a luz eléctrica, a de agora. Primeiro tampouco había coches. E despois tampouco había vitrocerámica, nin tractores, nin teléfono, nin radio, nin televisión... Tamén, por todo iso, os invernos eran durísimos baixo a neve (pp. 26-27).

 

Pero a súa transmisión non é só a través do patrimonio inmaterial da oralidade, senón tamén nos ritos e feitos que reflicten o sentido das tradicións, por iso é el o que apaña “uns ramalliños de acivro para adornar a mesa e o corredor, porque xa estaba moi cerca o Nadal” (p. 10). Do mesmo xeito que é o encargado de decorar a casa para celebrar o aniversario, “colocando ramallos e poñendo globos de colores no comedor” (p. 12).

Estea legado adquire a súa máxima expresión ao se materializar nun obxecto que o ancián garda dende hai décadas e que permanece gardado nun baúl que garda no faiado e no que, ata o de agora, nunca deixara remexer á nena. Non obstante, ante a imposibilidade de poder ir mercar o agasallo prometido para o seu aniversario, un portátil, César decide acompañar a súa neta e desvelarlle o que hai dentro deste baúl onde garda obxectos e lembranzas persoais:

 

Vou buscar algo ao baúl do faiado. Edua está moi intrigada con ese baúl. Sempre me pregunta que hai dentro. E eu creo recordar que ten gardada unha cousa que lle gustará. Deixádeme isto a min. Malo será que non poida amañalo. O demo sabe máis por vello que por demo, e eu xa teño os meus anos (p. 16).

 

A oportunidade de poder ver o que garda este misterioso baúl, medio de madeira e medio de pel, convértese en descuberta das lembranzas que garda César. Nel aparecen libros, fotografías, documentos e obxectos que remiten cara a outras épocas, lembranzas que configuran as vivencias do ancián e que comparte coa neta. Unha partilla que vai precedida dunha nova aprendizaxe: a necesidade de saber agardar, de ter paciencia e dominar a impulsividade. A visión daquel “baúl e todo o que tiña dentro [que] era máxico” (p. 36), sela un novo compromiso entre ambos os dous. Aquel “caderno de pastas duras color azul ceo que tiña na capa unha meniña vestida con roupa de conto xunto duns cadeliños, e a carón dunha fiestra con testos de xeranios colorados por diante dun peitoril” (p. 36) inicia unha nova etapa na vida da nena, que comeza a escribir e debuxar nas súas páxinas, supervisada e asesorada polo avó. O caderno convértese nun novo elo entre avó e neta, nun símbolo da transmisión entre ambas as xeracións e dun novo futuro, pois mentres o vello César non foi quen de escribir nas súas páxinas en branco, Edua comeza a escribir e fraguar o seu desexo: chegar a se converter en escritora, debuxante ou xornalista. Este camiño de exploración, de aprendizaxe do amor pola palabra escrita da cativa toma como referente a memoria da tradición oral que atesoura o vello César. É así como se fragua unha historia de palabras e imaxes que mudarán o futuro da familia.

Outro aspecto a destacar é a complicidade e colaboración que se establece entre nena e ancián no manexo do portátil: “O de mercar o ordenador era un asunto tramado entre ela e o avó, porque o ían ter a medias. O avó era quen ía poñerlle a internet, que os papás dicían que iso custaba moito. Así que o ían usar os dous” (p. 22). Esta decisión sen dúbida pon de manifesto outra dimensión da personalidade de César, home curioso, inquieto e con ganas de aprender, capaz de adaptarse aos avances e ser consciente das posibilidades que lle ofrecen:

 

O avó andaba moi contento aqueles días. A de cousas que se podían facer co aparello aquel! Podía pedir cita para o médico, escribirlles a dúas fillas, que tiña unha en Barcelona e outra en Bilbao, e aos outros netos, que eran curmáns de Edua e non os vía máis que uns días no verán. Pero agora mandábanlle fotografías que podía mirar cando quixese. Mesmo estaba pensando en buscar tamén os parentes de Buenos Aires... Para iso era marabillosa a internet na casa (p. 42).

 

Unha nova situación que lle dá a oportunidade de observar a Edua que o avó César “era un alumno aplicado e obediente, que atendía con interese as explicacións para non se trabucar. Tiñan quendas, e así ela tamén xogaba e facía apuntamentos que despois pasaba ao caderno” (p. 44). Caderno e ordenador portátil, o tradicional e moderno, reflicten unha estreita relación que evidencia a visión entre idealizada e amorosa dunha nena cara a un “avó [que] era un encanto”, pero que tamén cando “se enfadaba, cumpría ameazas” (p. 26).

 

A modo de conclusións

Por todo o dito, Helena Villar Janeiro constrúe neste relato unha ben artellada historia do amor que se profesan un avó e a súa neta. Eles son os artífices dunha vivencias que marcan as vidas de ambos os dous e constrúen un universo rico e cheo de afecto, complicidade e comprensión.

Ademais das recorrencias que vertebran a produción infantil da autora tamén se afonda nas relacións interxeracionais e créase un universo ficcional que remite cara aos lugares da infancia da creadora, así como algunhas das súas paixóns, entre elas a figura de Rosalía de Castro e a súa obra; o amor pola palabra, a súa afección á fotografía, a recreación de personaxes femininas e os seus procesos de maduración e o papel da escola como promotora da equidade, impulsora do talento e lugar de oportunidades. Unha obra que contribúe a crear hábitos lectores de calidade e fai lectores competentes.

 

 

Referencias bibliográficas

AGRELO, E. (2012). El compromiso de maestros y maestras en la constitución del sistema literario infantil y juvenil gallego. En Rui Ramos e Ana Fernández Mosquera (eds.), Literatura Infantil y Juvenil y Diversidad Cultural/Literatura para a Infância e Juventude e Diversidade Cultural. Vigo/Braga: ANILIJ/ELOS/Centro de Investigação em Estudos da Criança, 15-38.

BLANCO, C. (1991). Literatura galega da muller. Vigo: Edicións Xerais de Galicia

NICOLÁS, R. (2015). Alquimia máxica. La Voz de Galicia, “Fugas”, 2 de outubro. Recuperado de O caderno da crítica, en https://cadernodacritica.wordpress.com/2015/10/05/o-caderno-de-edua-de-helena-villar-janeiro/ (consultado o 7/7/19).

ROIG RECHOU, B.-A. (1995b). Helena Villar Janeiro: unha mestra na Literatura Infantil e Xuvenil galega, Adaxe. Revista de Estudos e Experiencias Educativas, 11, 139-152.

ROIG RECHOU, B.-A. (2008). La Literatura Infantil y Juvenil Gallega en el siglo XXI. Seis llaves para entenderla mejor/ A Literatura Infantil e Xuvenil Galega no século XXI. Seis chaves para entendela mellor. Madrid/Santiago de Compostela: Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil/Xunta de Galicia.

ROIG RECHOU, B.-A. et alii (2007). Produción canonizada na literatura infantil e xuvenil galega (1960-1985). En GOMES, J. A. e B.-A. ROIG (eds.). Grandes autores para pequenos leitores. Literatura para a infancia e a juventude: Elementos para a construção de um cânone. Porto: Deriva Editores, 53-94.

ROIG RECHOU, B.-A. (2015) (coord.). Historia da Literatura Infantil e Xuvenil galega. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

 



[1] Temática que tratou máis a fondo en Os equipos de normalización lingüística nos centros de ensino (Xunta de Galicia, 1993).

[2] Todas elas estudadas en obras como Roig (2015).

[3] Manifestacións que a autora ten feito en diferentes contextos, como por exemplo a Feira do Libro de Rianxo en 2019.

[4] Que agasallou vinte e cinco mil exemplares con motivo do Día das Letras Galegas aos clientes dos seus supermercados Gadis, nunha aposta pola lectura en lingua galega entre a infancia e a xuventude, como se pode seguir en https://www.gadisa.es/noticia/gadisa-edita-un-libro-infantil-inedito-de-helena-villar-janeiro-sobre-o-camino-de-santiago-para-conmemorar-o-dias-das-letras-galegas- (consultada o 24/06/2019).

[5] En tradución de Garbiñe Ugarte Grazianteparaluzeta, segundo se pode ver en http://bibliotraducion.uvigo.es/traduccions_ver.php?id=6532 (consultado o 1 de xullo de 2019). 

[6] As súas orixes familiares e a súa infancia desenvolveuse nas terras próximas de Becerreá e a súa propia filla leva o nome de María do Cebreiro.

[8] Como na entrevista “Nunca nos puidemos negar a facer cousas que o país necesitase”, recollida en Coralia en http://coralia.gal/helena-villar-janeiro/ (consultado o 2 de xullo de 2019).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...