Namentres buscaba
algunha obra literaria que me chamase a atención das que teño na casa, lembrei
esta ao pouco de comezar. Tanto o meu irmán maior coma min lemos este libro da
autora Fina Casalderrey durante as nosas respectivas etapas da Educación Primaria.
CASALDERREY, FINA (2007). O estanque dos parrulos pobres (8ª ed.).
Ilust. Teo Puebla, Premio Edebé de Literatura Infantil. A Coruña: Rodeira, col.
Tucán 8+ laranxa, nº 1, 195 pp. (ISBN 978-84-8349-098-3).
Dende o punto de vista
do formato, o volume é de tapa branda e cunhas dimensións de 13x19’5 cm,
escrito por Fina Casalderrey e con algunhas ilustracións de Teo Puebla. Conta
con 168 páxinas e o seu custo aproximado é de 9 euros. Ademais, podémolo atopar
no mercado traducido ao castelán, catalán, éuscaro, chinés, coreano e mesmo ao
braille. A súa lectura vai destinada a un público infantil e xuvenil, a partir
dos seis ou oito anos de idade. Aínda así, resulta ser unha trama conmovedora,
polo que tamén se pode recomendar a un público de máis idade.
O deseño das cubertas
foi realizado por César Farrés e nelas observamos a cor laranxa que se repite
en cada libro da serie laranza da colección “Tucán”. Este é un dos elementos
que o editor emprega para que o lectorado identifique de maneira doada e
directa a colección, facilitando a súa busca servindo como estratexia desde o
punto de vista comercial. Na tapa, podemos observar a unha nena asomada pola
ventá mentres dirixe a súa mirada cara ao ceo nocturno, as estrelas e a lúa;
unha imaxe que ocupa gran parte do espazo e a cal representa á protagonista
nunha escena importante. Na parte superior e en cor branca aparece o nome da
colección en letras grosas e maiúscula, xunto co seu tucano como emblema; o
título da obra literaria tamén en letras grosas e o nome da autora cunha
tipografía, neste caso, máis fina. Os tres datos manteñen un tamaño de fonte similar. Cabe mencionar que no ano
1995, a escritora Fina Casalderrey recibiu o Premio EDEBÉ de Literatura
Infantil, referencia incluída na cuberta. Por último, na parte inferior
encontramos o nome da editorial e o número de edición (8ª edición).
En xeral, o lombo, a
parte dun libro onde van unidas as follas, é o primeiro que o
consumidor/comprador ve nas bibliotecas e librarías. Co paso do tempo, adquiriu
un valor esencial xunto coas cubertas como elementos identificadores. Nel atopamos
a editorial, o título da obra, o número que ocupa dentro da colección, o nome
da autora, a recomendación de idade (+8) e un pequeno debuxo dun libro aberto
sendo lido. Por outro lado, temos a contracuberta ou contratapa, que contén o
código de barras e o ISBN do libro na esquina inferior esquerda, o nome da
editorial co mesmo debuxo do lombo por riba, a páxina web, un pequeno resumo no
centro do espazo con letra ben visible, o símbolo do tucano, a recomendación de
idade, a mención do premio EDEBÉ e na parte superior un fragmento da imaxe da
cuberta (soamente aparece a cara da protagonista, unha estrela e parte da lúa e
das flores).
No interior hai unha
portadiña co título, o nome da colección co tucano e a mención do premio. Ao
virar a páxina observamos a portada co título e a mención do premio de novo, o
nome da autora e do ilustrador, así como da editorial co debuxo por riba xa
citado anteriormente. Séguenlle a páxina de dereitos que reúne
datos atinentes á súa reserva, ao copyright da autora e da editorial, o ISBN, o
Depósito Legal e os nomes dos integrantes que formaron parte dese xurado do
Premio EDEBÉ en 1995; e outra de agradecementos persoais por parte da autora.
No índice recompílanse os capítulos e as súas correspondentes páxinas.
Profundando máis nos
capítulos, estes sempre comezan nunha páxina impar co seu número e título
situados na parte superior central; o corpo da historia ocupa tanto as páxinas
pares como as impares. O tamaño da fonte, a súa tipoloxía e disposición sobre o
espazo adáptanse de maneira moi doada á idade dos rapaces, converténdose nunha
fácil e áxil lectura para eles. En ocasións aparece un encabezamento que amosa o numerado na parte exterior das páxinas e uns
pequenos debuxos de plantas no interior. Este encabezamento sepárase da trama
por dous trazos grosos que semellan ser o chan. O discurso textual baséase
nunha narración en primeira persoa introducindo pequenos diálogos que axilizan a lectura.
A intriga está narrada
pola protagonista, Noema Afonso, unha nena de sete anos que se divirte e
aprende moitas cousas co seu avó Pablo, a quen admira pola súa sabedoría e xoga
con el a morrer. Unha acción fácil de executar, soamente se tiñan que tombar,
pechar os ollos, apoiar unha man sobre a outra e aguantar un chisco a
respiración.
No referido ás
ilustracións, estas teñen un papel secundario neste relato, dado que funcionan
como apoio ao texto e reflecten imaxes da historia que se narra. De feito, ilustracións non son
imprescindibles, posto que o libro se podería ler igualmente ben sen elas.
Cumpren cunha función puramente estética, ambientando a trama e creándose a
partir do texto. As distintas gamas de cores utilizadas son vistosas e
agradables á vista do lector, cuns trazos sinxelos e enmarcadas nalgúns casos.
Destacamos a diversidade de estampados que aparecen na indumentaria dos
personaxes e a súa autenticidade (por exemplo: a pucha do avó Pablo). Ademais,
naqueles capítulos onde o texto remata nunha páxina impar, na posterior aparece
un debuxo dun estanque cun parrulo no medio.
Entre as potencialidades da lectura desta obra para nenos e nenas de 6 a 12 anos,
cabe sinalar que é unha historia que permite levar á aula un tema tan difícil
como o da morte. A protagonista non mostra medo ante ela, posto que o seu avó
lle di que desta forma poderá estar xunto coa súa muller, a avoa de Noema. Ao
longo da trama observamos a naturalidade necesaria que se precisa para que os
nenos e as nenas comprendan o ciclo da vida, sendo o xogo e as risas unha boa
ferramenta para conseguilo. No texto o recurso ao humor e a inocencia infantís
permiten unha desdramatización da realidade, a través de estratexias como, a equiparación que fan da morte co momento no que desaparecen todos os
dentes (páxina 53, capítulo 7: “Ó Rato Pérez non se lle poden facer trampas”).
Á súa vez, permite traballar de maneira paralela a intelixencia emocional a
través dunha actividade tipo diario, na que o alumnado deixe escritas as súas
sensacións e os seus sentimentos co remate do día.
Entre os recursos en
liña de acceso aberto sobre a obra, salientamos o seguinte:
CEIP Saco e Arce. (2020, Abril 20). As
familias contan1 [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=6qdux6KBWSI
Ningún comentario:
Publicar un comentario