Como expliquei na clase de galego unha mañá, este
libro pertence a outra persoa a cal mo deixou sen ningún problema. Eu coñecía a
autora Fina Casalderrey pero nunca souben do O misterio do cemiterio vello ata agora.
👉 Casalderrey, F. (2006). O misterio do cemiterio vello. Madrid: Editorial SM, col. O Barco de Vapor, nº 23, 143 pp. (ISBN: 84-348-6352-9).
Volume de tapa branda, de dimensións de 19 cm x 12 cm
e encadernación rústica. Na cuberta aparece o seu título, o nome da autora, da
editorial, o número de edición e unha ilustración colorida onde vemos a dous
nenos baixando por un burato. Na contraportada totalmente laranxa aparece un
breve resumo do contido, a referencia ao premio outorgado á obra no 1996, a
idade a partir da que está recomendada esta lectura e, por último, o código do
ISBN. Na cabezada está o número do libro, neste caso é o 23 e no lombo comezando
dende arriba cara a abaixo temos o título, o nome da autora e a Editorial SM. Xa
no interior e na páxina anterior do comezo da historia aparece unha dedicatoria
da autora a Rocío, Marcos e Lúa; o índice aparece ao final, na última páxina.
Aínda que o título é O misterio do
cemiterio vello, a trama non se centra só nese asunto, senón que David vainos
contando anécdotas da súa vida con moito detalle e precisión, sen deixar nada
polo camiño. David, é un neno de oito anos moi curioso pero inocente, cre todo
o que lle din ata tal punto de tomar en serio algo con sentido figurado. No seu
grupo de amigos máis íntimos está Branca, unha rapaza moi valente, da que
presume por ser a súa moza. Ao longo do conto vivirá con ela moitas aventuras e
axudaralle a resolver o misterio do cemiterio vello, mentres que Xocas, o seu
irmán maior, lles proporciona o material necesario para investigar (lanternas,
gravadoras…). Finalmente, déronse conta de que na vida non todo é o que parece,
pero se non fora por eles, ninguén resolvería o misterio.
O ilustrador do conto é Manuel Uhía.
As imaxes son todas en branco e negro pero con moi boa calidade. Distínguese
perfectamente o que se está a facer en cada unha delas e axudan a meterte máis
na escena. Considero que para os nenos e nenas que o lean, estas ilustracións
do libro serven de guía e facilitan o camiño da imaxinación para entrar no
mundo que Fina Casalderrey creou.
Entre as potencialidades da obra cabe salientar o
tratamento das emocións e de valores como a amizade, a lealdade, a
solidariedade, a sinceridade… que deberíamos traballar tamén na aula coma
futuros docentes.
Indirectamente trata temas tabú como
a pobreza, o racismo e a violencia doméstica, aspectos que permiten reflexionar
sobre situacións complexas e analizalas dende un punto de vista crítico. Por
último, a doada lectura cun vocabulario apto para as súas idades xunto coas
ilustracións, considero que axudan e incentivan a imaxinación dos nenos e nenas
para meterse dentro da escena.
Para finalizar ca recensión, temos
unha páxina web como recurso educativo da obra nun blog chamado “Revoltalingua”
que consta con moitas máis aportacións doutras obras e temas variados.
👉Moreira
Souto, Diego. O misterio do cemiterio vello de Fina Casalderrey. (Martes, 3 de
decembro de 2013). Revoltalingua. Recuperado de: http://revoltalingua.blogspot.com/2013/12/o-misterio-do-cemiterio-vello-de-fina.html.
Que teñades bo día!
Ningún comentario:
Publicar un comentario