mércores, 18 de novembro de 2020

O estanque dos parrulos pobres




Para a realización deste traballo tivemos que escoller un libro que fose adecuado para alumnos e alumnas de Educación Primaria e que tivese potencial á hora de presentalo ao noso alumnado. Eu elixín unha obra que tiven que ler en terceiro de primaria e que me marcou, por iso penso que é unha boa elección

O libro que eu escollín foi O estanque dos parrulos pobres, escrito por Fina Casalderrey, correspondente á oitava edición desta obra. A editorial é Rodeira, pertencente ao grupo EDEBÉ, que se centra na publicación de libros en galego tanto infantís coma xuvenís. A editorial divide os libros en coleccións segundo a idade para a que están recomendados, neste caso a colección é Tucán Laranxa, recomendado para nenos e nenas de máis de oito anos. Conta con vinte e dous capítulos repartidos en 165 páxinas. Ademais esta obra é gañadora do premio EDEBÉ de Literatura Infantil.

 

Casalderrey, Fina (1996). O estanque dos parrulos pobres. Ilust. Teo Puebla, Barcelona: Rodeira, EDEBÉ, col. Tucán Laranxa, 165 pp. (ISBN: 978-84-8349-098-3).

 

Con respecto ao formato do libro é de tapa branda, coa portada e contraportada a cor, tanto as imaxes como o fondo, que é laranxa pola colección á que pertence. Lese a través da sucesión de páxinas e de esquerda a dereita, non hai desdobrables nin elementos que corten esta sucesión. O libro ten as seguintes medidas, 19x13x0,9 cm. No interior non ten gardas e o texto está situado no medio, a excepción das páxinas onde hai ilustracións, nas que o texto se sitúa enriba destas. As ilustracións non son abundantes mais si atopamos algunhas durante a lectura. A letra é grande e os títulos están escritos en letra grosa.

O estanque dos parrulos pobres é unha obra narrativa. Podemos clasificala coma un conto breve e realista. Distínguense personaxes e faise énfase na súa evolución, ten unha trama e un narrador en primeira persoa protagonista, pois conta a historia desde a súa propia percepción, desde o punto de vista que coñece.

A historia trata sobre unha nena chamada Noema que vive cos seus pais e o seu avó materno. Ao longo da lectura descubrimos a boa relación que teñen a nena e o avó, como ela cre todo o que el lle conta, a súa historia como pirata e algunhas outras historias das que Noema non quere perder detalle, pois sabe o intelixente que é o seu avó. Un día o avó sofre unha trombose e a partir de aí a nena escoita falar aos pais de que o avó vai morrer. Ela decide falar con el sobre o tema, porque sabe que el non mente e deciden xogar a morrer, pois os vellos morren, como ela sabe, e así cando o avó morra, xa sabe como facelo. Pasan os días sen que os pais o saiban e o avó regálalle unha moeda que gardaba con cariño para que o recorde sempre. Chega o día en que morre e ela non está triste, nin chora, como prometera. Noema sabe que o avó soubo morrer e que volverá con moitos regalos como o fai o seu pai cando volve de traballar. Finalmente ela recorda, estando na casa dunha amiga, que o avó lle dixo que se quería falar con el debería facelo a través da estrela que ela sentise máis preto dela. Porén despois de máis de dez días a estrela non aparecía, por iso decidiu ir ao estanque dos parrulos pobres e coa moeda que o avó lle regalou, pedir que esa noite aparecese a estrela. E así foi, esa noite a estrela apareceu e conseguiu falar co seu avó.

No libro non hai imaxes en todas as follas nin en cada capítulo, pero si que hai algunhas que acompañan a historia que se nos narra. Delas non depende o sentido da historia, é dicir, pódese entender a trama do libro sen a necesidade das imaxes, aínda que estas mostran perfectamente o que se nos está a contar. Desta maneira podemos encontrar imaxes a cor que ocupan unha páxina completa, van rodeadas dun marco, que segundo a ilustración teñen unha cor ou outra. Normalmente podemos ver a Noema co seu avó, pero tamén hai imaxes onde a vemos coa súa amiga Pili Canosa ou ela soa. Logo temos dúas imaxes que seguen a descrición anterior, son en cor e cun marco, pero ocupan pouco máis de media páxina, nelas sae Noema soa. Por outra banda, temos as imaxes que son moi pequenas, son ilustracións dunha cousa ou persoas, sen contexto, pois ao contrario que as imaxes anteriores, non teñen un fondo, senón que se centran en mostrar algo moi concreto. Por último encontramos unha imaxe repetida en todos os capítulos que rematan en páxina impar, ocupando toda a páxina par seguinte. É unha imaxe moi representativa pois se trata dun parrulo que nada nun estanque, e tanto o animal como a construción toman un moi importante sentido, sobre todo no final, por iso penso que é a imaxe máis recorrente. O formato é o mesmo, a cor e cun marco, neste caso sempre de cor verde e o tamaño non é de páxina completa, senón que é un cadro coa imaxe dentro, situada no centro da páxina.

A elección deste libro, entre outros motivos, foi que ten moito potencial para nenas e nenos de Educación Primaria. Con el podemos traballar valores e rememorar experiencias que o alumnado pasar pois durante a lectura pódense abordartemas que se poden chamar “tabú” como a morte ou discusións familiares, e con iso podemos facer unha investigación na aula sobre como se senten en relación a eses temas. Tamén se poden tratar valores como a familia, o amor pola familia e polos demais, a amizade… Na obra atopamos estes temas dende a morte ata a amizade, dende unha perspectiva infantil, que é a mellor maneira de chegar a eles, facéndoos coñecedores de temas cotiáns considerados “tabú”.

En relación aos recursos en liña de acceso aberto sobre a obra, non atopei nada en galego, nin actividades, nin vídeos, nin un blog que faga unha reflexión sobre esta. Porén, encontrei dous recursos interesantes que poderíamos traballar na aula en castelán. O primeiro é unha serie de actividades con preguntas sobre o libro para completar despois da súa lectura. O enlace é o seguinte: https://www.planlector.com/descarga.asp?idDoc=858&d=Act37tncast15.pdf 

Por outra parte encontrei un Booktuber, que son nenos ou nenas que len libros e deciden contar o argumento, se lles gustou ou non as obras ou se as recomendan e gravarse en vídeo para logo subilo á rede, neste caso Youtube, este é o enlace onde Matías cóntanos dende Arxentina o argumento do libro en dous minutos e medio: https://www.youtube.com/watch?v=CRFFpTBFQzc 

 


   

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...