Casalderrey, Fina (2006). O
misterio dos fillos de Lúa. Ilustrador Manuel Uhía. Madrid: Edicións SM,
colección O barco de vapor, serie laranxa, n 21, 128 pp. (ISBN:
978-84-348-4674-8).
A obra escollida foi O misterio
dos fillos de lúa, un relato infantil recomendado para nenos e nenas dende
os 9 anos de idade e publicado pola escritora galega Fina Casalderrey. Este
volume presenta unha tapa branda, sinxela, co debuxo dun gato mirando á lúa
enriba dun tellado e a característica cor laranxa do borde, propia da serie
laranxa da colección “O barco de vapor”. A obra está composta por 28 capítulos
breves (entre 3 e 6 páxinas de media), cunha letra que favorece a lectura dos
potenciais lectores/as. Ademais contén 8 ilustracións, todas elas situadas na
parte dereita das páxinas e en branco e negro, simulando a pintura dun lapis
sobre o papel. Grazas a elas os nenos e nenas poden pórlle cara aos personaxes
da obra, como a Branca ou a David. Estas non están moi definidas pero reflicten
correctamente a acción que se describe na obra, dándolle máis importancia ao
contido, ao texto, que ás imaxes.
Dende o
punto de vista do contido, o relato trata dun neno de oito anos, chamado David,
que xunto coa súa moza e compañeira de clase, Branca, intentan resolver o
misterio dos fillos da súa gata Lúa, a cal ten gatiños e estes desaparecen da
noite á mañá. Despois de días intentando resolver o misterio, pistas seguidas,
trampas postas e tras un novo parto de Lúa, Flora, a nai de David, confésalles
algo aos pequenos: o que pasara era que o can dos da botica matara aos gatiños
de Lúa, pero non quería que os nenos o pasaran mal, por iso non lle dixeran
nada. Ademais, o pai de David enterrara os gatiños na eira para que os nenos
non se decataran do sucedido. David e mais Branca resolveron o misterio e
gozaron moito dos novos gatiños e, por suposto, da súa gata Lúa.
Coa lectura
desta obra, os nenos e nenas poden potenciar o seu amor á lectura. Fina
Casalderrey consegue escribir como se de un neno de 9 anos se tratase, o que
facilitará a comprensión da historia por parte dos lectores e o que axudará a
empatizar cos dous personaxes principais. Tamén creo que representa unha
oportunidade para que os nenos, xa dende pequenos, coñezan autores e autoras
galegas e algunhas das súas obras. Con esta obra pódense traballar diferentes
aspectos: primeiramente podemos tratar o amor aos animais, xa que tanto David
coma Branca fan todo o posíbel para que a súa gata Lúa e os seus gatiños estean
ben; por outra parte, outro tema que podemos traballar é a curiosidade, un
comportamento que ambos os protagonistas presentan ao longo de toda a obra e
que os leva á creación e á resolución dun misterio; a amizade tamén é un tema
moi presente neste relato, xa que David e Branca contan un co outro en todo o
momento para resolver o misterio.
Por último,
cabe mencionar que hai unha edición desta obra en liña, que representa unha boa
oportunidade para observar as variacións que unha obra pode sufrir a través dos
anos e a adaptación a outros medios, como o dixital. Tamén existen numerosas
traducións a idiomas como o castelán, catalán ou bretón, o que facilita a súa
lectura a través do mundo. Na rede poden atoparse entrevistas feitas a Fina
Casalderrey sobre a obra, nas que predominan as preguntas como “Como naceu esta
historia?” ou “Costou moito escribir esta historia?”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario