mércores, 25 de novembro de 2020

O papaventos de Laura

 


Canosa, María. (2011). O papaventos de Laura. Ilustración: Iglesias Padrón, Daniel.  Ourense: Deputación Provincial de Ourense. 116pp. (ISBN: 978-84-92554-46-1).


Elixín esta obra achegándome á biblioteca do campus, onde pedín recomendación e dixéronme que esta contaba cun premio de literatura infantil e xuvenil. Este feito pareceume interesante e animoume a ler esta novela. 


Esta obra presenta unha encadernación rústica. Na cuberta, branda, aparece o papaventos preso na nube, imaxe que será referencia ao longo de toda a historia e que nos pode dar unha idea sobre o argumento do libro; ademais, aparecen os nomes da autora e o ilustrador, todo isto sobre un fondo ocre, que nos dá sensación de estar vendo un solpor de verán, no que o ceo está alaranxado. Na contracuberta, atopamos a Editorial así como a referencia ao premio Pura e Dora Vázquez de Literatura Infantil e Xuvenil, sobre o mesmo fondo que a cuberta. 

Na primeira das lapelas aparece unha nena tendo conta dun fío que se estende ata a outra, na que vemos o papaventos. As gardas son monocromáticas en laranxa e non conteñen ningunha ilustración. A páxina de créditos contén información sobre a editorial, autora, ilustrador, coordinación, así como o ISBN ou o Depósito Legal. Xa na portada atopamos unha ilustración diferente á da cuberta. Nela aparece unha nena sentada ao pé dunha árbore, xunto coa información que contiña a cuberta.

En canto ao texto, obsérvanse parágrafos sinxelos, un tamaño de letra medio-grande cun espazo interlineal sinxelo. As ilustracións a media páxina que aparecen en tons cálidos, ocres e alaranxados, serven de acompañamento ao texto, mais unicamente con elas non seríamos quen de seguir a trama da novela. Nelas aparecen reflectidas cousas das que nos fala o texto, como todos os xoguetes que garda a protagonista no cesto, as galletas que lle dá súa nai para o almorzo, o seu soño de ser profesora de voo de papaventos... Na maioría destas imaxes atopamos desbordamentos, é dicir, partes do debuxo que temos que imaxinar, pois non aparece a imaxe completa, senón que lle falta un anaco, como cando está Laura sentada a carón da árbore e vemos o longo fío do papaventos, sen apreciar este; ou cando vemos a man da nai de Laura dándolle galletas, mais non a súa cara nin corpo. 

Dende o punto de vista do argumento, Laura vai á praia voar o seu novo papaventos, cando un incidente provoca que este quede atrapado nunha nube á cal queda preso durante varios días nos que lle vai contando a Laura as aventuras que vive subido a aquela nube. 

Entre as potencialidades da lectura desta obra para a Educación Primaria, cabe sinalar que podemos abordar diferentes estándares de aprendizaxe recollidos no currículo de Educación Primaria, como os referidos á comprensión lectora a través de propostas como: ver que lle transmite ao alumnado só a cuberta, que contan atopar dentro do libro só vendo esta parte, que lles inspira, se lles parece interesante, etc. Por outra banda podemos propoñer a lectura da obra e elaborar logo un esquema/resumo no que se inclúan as ideas principais, a análise dende o punto de vista formal, é dicir, tipo de texto, se atopan recursos literarios ou outros aspectos; sería outra forma de traballar con O papaventos de Laura no cuarto curso de Educación Primaria. 

Dende a área de ciencias naturais e sociais, esta obra é quen de achegarlle aos nenos unha nova visión do que é o ciclo da auga, non vivida dende o chan, como nós o vemos sempre, senón dende a perspectiva das propias nubes, e como elas se encargan de recoller e devolver a auga ao seu curso. Así, podemos incluír nesta área, estándares de aprendizaxe como: explicar como se produce o ciclo da auga e as súas fases, relacionando estas coa paisaxe da contorna próxima, coñecer diferentes tipos de clima e a influencia da actividade humana neles. De xeito transversal podemos traballar o coidado do medio ambiente, para a prevención de catástrofes medioambientais ou como afecta a intervención humana no cambio climático.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...