mércores, 24 de novembro de 2021

A princesa que bocexaba a todas horas.

Referencia: GIL, Carmen & ODRIOZOLA, Elena (2005). A princesa que bocexaba a todas horas. Pontevedra: OQO editora. (ISBN: 849657302-8)


Descrición do formato: Atopámonos ante un álbum ilustrado impreso en papel, con tapas duras e composto por 36 páxinas. A cuberta do libro presenta uns tons claros que semellan estar nunha densa néboa. A dereita, a figura dunha rapaza cun vestido lila e o cabelo curto, coa boca aberta, ruborizada e levando as mans a boca. Detrás desta, fura o nome da editoral en vertical. Na parte inferior hai unhas pequenas flores verdes que lle dan un pouco de profundidade. A esquerda, figura o título da obra en grande e un pouco máis abaixo o nome da autora (Carmen Gil) e o da ilustradora (Elena Odriozola). Na contracuberta atopamos o mesmo fondo, sen a figura da rapaza, e co logotipo da editorial e o código ISBN a esquerda. En canto á portada, aparece  de novo unha rapaza de costas cun vestido de cor lila e o cabelo curto, cunha pequena flor branca enriba da cabeza; semella que leva unha man á boca. Ao seu carón, un paxariño bocexando. Tamén conta cunha páxina de título de créditos con toda a información pertencente ao libro. 

Argumento: a historia está narrada en terceira persoa omnisciente e sen divisións en capítulos, xa que se trata dunha historia curta. Os personaxes son o rei e a raíña (os pais da protagonista), a princesa (a protagonista), os servos de palacio e o fillo dun criado (o amigo da princesa). A peripecia coa que nos atopamos é a dunha pequena princesa que bocexa a todas horas. Que será o que lle ocorre? Acaso ten fame? Sono? O rei xa o tentara todo e perdera todas as esperanzas de que a súa filla deixara de bocexar, que para colmo era algo bastante contaxioso, xa que todos os membros do palacio bocexaban como ela. Ata que un día, aparece un rapaz que a fai rir e a nena deixa de bocexar. 

Ilustracións: ocupan ambas páxinas, alternando o texto ás veces na dereita e outras na esquerda, son ademais unha lectura visual e paralela ao que nos están narrando. Atopamos páxinas cheas de cor e con grandes ilustracións que ocupan todo o espazo. A ilustradora caracteríza aos personaxes femininos con grandes e alargadas fracións (grandes pescozos, longas pernas) e aos personaxes masculinos, grandes e grosos. As cores varian en función da escea, empregando cores máis cálidas cando os dous rapaces xogan e máis escuras cando a princesa se atopa dentro de palacio bocexando. 

Potencialidades: Esta obra ten múltiples potencialidades en educación primaria, tanto para nenos/as de 9 anos ata de 12. O que se nos conta é como unha nena que estaba aburrida sempre facendo o mesmo encerrada en palacio, atopa un amigo e xogando con el comeza a divertirse. 
Na sociedade na que vivimos, na que cada vez os nenos e nenas están máis pendentes dos aparellos electrónicos, por en valor os xogos no exterior é moi importante. Ademais tamén doutro valor fundamental que está implícito na obra: a amizade. A princesa ata que se rodeou dunha persoa da súa idade, coas mesmas ganas de xogar e de pasalo ben, non deu parado de bocexar. 

Aspectos destacables: é importante destacar que estamos ante unha obra con recoñecemento, xa que foi galardoado en 2006 co segundo premio ás mellores ilustracións na categoría de Libro Infantil e Xuvenil, outorgado polo Ministerio de Cultura. 

Recursos en liña: podemos atopar varios vídeos na CRTVG infantil, de nenos e nenas representando a obra e un blog do CEIP plurilingüe Mosterio de Caaveiro cunha representación teatral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...