domingo, 8 de novembro de 2020

¿Quen me quere adoptar?


CASALDERREY, FINA (2005). ¿Quen me quere adoptar? Ilust. Mª Fe Quesada. Vigo: Xerais, Merlín, nº 156, [64 pp.]. (ISBN: 84-9782-359-1).


Co obxectivo de tratar o bloque de Educación Literaria presente no currículo de segundo de Educación Primaria, traballaranse os seguintes estándares de aprendizaxe a través da lectura e as súas potencialidades: ler textos, en voz alta e en silencio, buscando sempre o interese do alumnado para fomentar a lectura noutros contextos e incrementar a súa expresividade lectora; participar activamente en dramatizacións de textos literarios apropiados para o seu nivel; e valorar as obras literarias como un medio de comunicación e de ocio persoal –o B5.3, o B5.5 e o B5.6

Para abordar estes estándares, o tema escollido foi a soidade das persoas maiores. Considero que esta cuestión é necesario abordala para que os/as nenos/as a coñezan, xa que na actualidade son moitas as persoas maiores que padecen o abandono e a soidade. Ademais, a perspectiva literaria permite reflexionar sobre unha cuestión relevante, como é que a adopción non ten idade e os discentes teñen que coñecer esta realidade e comezar a vela dunha forma natural e sen sorprenderse, á vez que se contribúe a concienciar da necesidade de evitar, dentro do posible, os sentimentos de angustia que outras persoas poidan sentir.

Para traballar esta temática, considero que o libro ilustrado que mellor se adapta a estes contidos é ¿Quen me quere adoptar?, unha historia cunha moral positiva e cun forte simbolismo, ademais da calidade das ilustracións.

De detérmonos con detalle na análise da obra, pódese dicir que dende o punto de vista do formato, no peritexto pódese observar a tapa branda deste libro ilustrado, cunhas dimensións de 13.5 x 19 cm, a referencia á editorial Xerais na marxe inferior dereita e á colección Merlín na marxe superior, xunto cos seus respectivos anagramas. Unha característica de Xerais é marcar as obras literarias infantís con indicadores de diferentes cores para clasificar as lecturas por idades. Neste caso, ¿Quen me quere adoptar? ten un indicador azul na súa contraportada, o que quere dicir que é para nenos/as de 7 anos en adiante. Esta é unha edición rústica cosida a fío. As gardas non son significativas, son espazos en branco. Tamén conta cunha lapela a cada lado da encadernación, onde na primeira se pode ler uns pequenos apuntamentos biográficos e bibliográficos da ilustradora e da autora, Mª Fe Quesada e Fina Casalderrey, respectivamente, e na última as achegas da autora á colección “Merlín”.

Na cuberta pódese ver que o nome de escritora se resalta mediante caracteres de maior tamaño e grosor fronte ao da ilustradora, para marcar a xerarquía dentro dos libros ilustrados. A ilustración que conforma a cuberta quere ser un adianto do que vai acontecer no interior do libro: tal e como o título indica, coa tipografía máis grande, pódese prever que vai haber unha adopción. Por outro lado, no centro da ilustración atópase un ancián cargando unha maleta e un gato. Os dous transmiten felicidade polas súas expresións faciais, ademais de que o ambiente que os rodea é alegre e colorido. Esta imaxe vólvese repetir na portada, pero nunha gama de grises.

Na segunda páxina hai unha dedicatoria da autora a Ana, Ainoa e Alejandro. Mentres que na contraportada pódese ver o avance dun diálogo que sucederá no interior da historia, onde se ve que Manuel vai “fabricar a felicidade”, aínda que non saibamos como, fomentando deste xeito a curiosidade.

No seu interior, a letra é grande en minúsculas e as ilustracións son a dobre páxina e sen numerar. Estas acompañan ao pequeno texto de cada folla para comprender na súa totalidade a historia que se vén contar. As imaxes son necesarias para entender o contido do libro e que teña sentido. Cada debuxo está asinado pola súa ilustradora, Mª Fe Quesada.

No referido ao contido, o gramado da edición é en papel groso e ten unha impresión de boa calidade. Foi escrito orixinalmente en galego, aínda que tamén se encontra traducido ao castelán, ilustrado por outra debuxante. A súa lectura é convencional, de esquerda a dereita, sen empregar ningún elemento interactivo, a pesar de que se ve compensado porque propicia a curiosidade do alumnado.

O argumento xira ao redor de Manuel, un mestre xubilado que se sente moi só na súa casa, na que viven el e mais o seu gato. É por iso que decide buscar unha familia que o queira acoller. O interese reside en que o máis habitual é ver que o/a adoptado/a sexa un/unha neno/a. En cambio, o alumnado pódese sorprender cando vexa que é Manuel o que busca ser adoptado. Despois desta descuberta, o suspense estriba en descubrir que familia das que se ofrecen a adoptalo logra ese cometido.

O texto está narrado en terceira persoa desde a omnisciencia parcial, o/a lector/a pode saber o que pensa e sente Manuel en todo momento, o cal permite establecer unha empatía co ancián. Ademais este libro ilustrado presenta unha estrutura circular: Manuel mirando as estrelas, Manuel espertando e ollando ao paxaro e Manuel merendando e lendo libros. A diferenza reside en que ao final do relato xa non se sente só e olla a vida cunha perspectiva diferente. Utiliza unha linguaxe adaptada aos seus destinatarios, nenos/as de 7 anos en diante e, por conseguinte, un vocabulario sinxelo, con algunha que outra palabra non tan usual que poden achar en calquera dicionario. Adicionalmente, quedan recollidas diferentes figuras literarias, como reiteracións progresivas–cartel que utiliza Manuel para darse a coñecer e no que vai aumentando en diferentes ocasións os seus intereses e habilidades–, a personificación da lúa con sentimentos e metáforas como “regaláronlle tres sorrisos” ou “fabricar a felicidade”. 

As ilustracións constan dunha disposición a dobre páxina, con efecto de movemento en certas ocasións. A ilustradora, Mª Fe Quesada, utiliza acuarelas para representar os personaxes e ambientes con cores vivas e alegres. Estas imaxes, as cales adoitan sufrir un desbordamento, axudan a comprender a historia escrita. A soidade dos maiores, como aspecto central da obra, tamén queda reflectida en diferentes ilustracións. Un claro exemplo é a imaxe na que Manuel avanza polo seu corredor con varios reloxos colgados. Todos sinalan a mesma hora, feito que indica que o tempo lle transcorre moi amodo. Esta idea vese amplificada pola expresión facial que amosa o personaxe, unha tristeza absoluta. Ademais, a diferente tonalidade das escenas permite asociar cores cálidas ao fogar, amosando así o bo acollemento que recibe Manuel por parte da súa nova familia.

Outrosí, os personaxes comparten trazos físicos comúns, como o nariz e as meixelas vermellas. A ilustradora utiliza aspectos físicos como medio para sinalar actitudes: a primeira familia que ve Manuel (nai e fillo) ten un aspecto atrapallado e con olleiras, representando a maldade e a desorde amosada no fragmento textual cando lle “ordena” ir con ela e o neno remata por darlle unha patada; en troques, a segunda familia, que é coa que decide marchar, transmite dozura, materializada na actitude coa que se dirixen a Manuel. Tamén se pode incluír á lúa dentro dos personaxes porque amosa ter sentimentos. Ao inicio do relato, está triste porque as estrelas están agochadas e no desenlace semella estar contenta porque están xogando coas nubes. En realidade, a lúa está sempre igual, en ningún momento estivo triste ou feliz. A razón é que Manuel a vía triste porque el o estaba. Asimesmo, a presenza do gato do ancián, Sol, é entretida para os/as nenos/as, xa que buscan a súa silueta imaxe tras imaxe. 

De entre as potencialidades cabe sinalar que a lectura deste libro ilustrado permite tratar múltiples temas: o valor dos libros, o potenciamento do afecto entre xeracións sobre todo as relacións do alumnado cos seus maiores–, a solidariedade, a amizade, a soidade dos maiores, a morte, as relacións familiares e a adopción. A pesar de que moitos son considerados temas tabús cos que conversar cun neno/a, é necesario que saiban da súa existencia. 

O alumnado de Educación Primaria debe comezar a coñecer a realidade, facerlle ver e coñecer outros aspectos da vida non tan compracentes. ¿Quen me quere adoptar? aborda estes contidos da forma natural, falando da morte coma unha viaxe e ata facendo da soidade unha situación cómica coa que os/as nenos/as, coa súa inocencia, se rirían e unha persoa adulta sentiría mágoa. Pódese ler desde estas dúas perspectivas.

Dentro da aula de segundo de Educación Primaria, a cal nos parece a máis apropiada para ler a traballar con esta obra, os valores mencionados poden ser tratados en diferentes propostas didácticas. Seguindo os posibles obxectivos propostos do currículo, poderíase organizar unha dramatización da obra e representala, tanto para os/as máis pequenos/as coma para cursos superiores, xa que cada nivel a interpreterá desde unha das dúas perspectivas. Así mesmo, poderíase realizar un caderno máxico para traballar a competencia oral e escrita, onde o alumnado deseñaría o seu formato e resumiría a historia, coa axuda do docente, e debuxaría o libro ilustrado segundo a súa interpretación, ao mesmo tempo que se grava a lectura por fragmentos repartidos entre os/ as estudantes por igual para que o caderno se poida escoitar e ler simultaneamente. Outra alternativa podería ser o deseño de entrevistas para que o alumnado a leve a cabo na súa contorna máis próxima –os seus avós/as, coñecidos/as maiores, etc.– e se decaten da disparidade de sentimentos.

En canto aos recursos, non son moi abondosos os que aparecen en liña de acceso libre sobre este libro, mais puiden atopar unha gravación audiovisual do libro ilustrado por estudantes de 3º e 4º curso de Educación Primaria, QUEN ME QUERE ADOPTAR, e un proxecto de contacontos realizado por unha bibliotecaria do Concello de Cambre en tempos de pandemia para animar os/as rapaces/zas: #QuedaNaCasa cunha sesión de #contacontos. Tamén cabe sinalar que na ficha do catálogo da páxina web da súa editorial, Xerais, se especifica que ¿Quen me quere adoptar? recibiu o Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) en 2006 e chegou á publicación da súa oitava edición.


Referencias bibliográficas:

Ceip de Leirado (2013, decembro 7). QUEN ME QUERE ADOPTAR [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://youtu.be/lkDZAs2dif8

Concello de Cambre (2020, abril 24). #QuedaNaCasa cunha sesión de #contacontos [Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://www.facebook.com/ConcelloCambre/videos/1605531719601852

Xerais (s. d.). Quen me quere adoptar? Recuperado de https://www.xerais.gal/libro.php?id=1150346


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...