Cao, Isabel
e Asensi, Xaime (2003). O verdadeiro
señor Pepe. Vigo: Ir indo, col. O Elefante Contacontos, nº 30, [32 pp.],
(ISBN: 84-7680-412-1).
Primeiramente, analizaremos o seu formato. É un libro ilustrado. Na cuberta aparece un chamativo
debuxo dunha persoa fumigando, o título da obra, os nomes da autora e do
ilustrador (o da autora con letra algo maior, e situado enriba do do ilustrador).
Tamén atopamos un logotipo da editorial na parte inferior e un pertencente á
colección na parte superior. Na lapela encontramos unha breve nota con datos autobiográficos da autora e do seu
traballo.
Na contracuberta aparece un resumo conciso de O verdadeiro señor Pepe xunto ao debuxo dun espantallo. Na parte inferior aparece de novo o logotipo da editorial xunto ao código de barras. Na lapela final atopamos algúns datos sobre o ilustrador, Xaime Asensi. No canto aparece o título da obra, o nome da autora e o número da colección. As ilustracións que ten son moi visuais (de bo tamaño e policromáticas). A maiores, as cores son bastante vivas. A letra é de moi tamaño e ten forma redonda. O libro non ten gardas.
Para facer unha sinopse da obra, adxuntamos, inicialmente, o "resumo conciso" que aparece na contracuberta: “O señor Pepe pode ou non pode ser o verdadeiro señor
Pepe. Aí reside o misterio do conto. Un pequeno equívoco que dá pé a esta
historia de viñas, uvas, ilusións e festa final”. Un resumo que, como se infire ao ver que
aparece na contracuberta, non debe dar detalles relevantes nin contar alén do
esencial para crear interese no lectorado.
A historia comeza desvelando que o
señor Pepe é viticultor e descríbese a que se
dedica no seu traballo. Un día, rematada a xornada de traballo e volvendo á súa
casa, o señor Pepe atópase con Xaquín, quen se mostra interesado en mercar o
seu viño, do que lle deron moi boas referencias. Acordan verse outro día. Xa na
casa, Pepe comenta coa súa dona, Xoana, o interese de Xaquín no viño, e xuntos
planean que facer co diñeiro que lles reportará a venda. El decide elaborar un
espantallo con globos para soltalo o día da verbena da aldea, como signo de
ledicia e celebración. Esa mesma noite ponse mans á obra, coa axuda da súa
filla Xoaniña. Chega o día da verbena e mentres Pepe, ataviado co seu mellor
traxe, agarda sentado no xardín por Xoana e Xoaniña, pasa por diante Xaquín,
quen lle pregunta se é a casa do señor Pepe. Este dille que non, e asegúralle
que el é o seu irmán xemelgo. Tras un xogo de nomes entre Xosé e Pepe, revélalle
que si que é o verdadeiro señor Pepe. Botan os dous a rir e Xaquín mércalle
todo o viño. A festa comeza e o señor Pepe bota a voar o seu espantallo. O seu
soño está cumprido. A xente da aldea aplaude e todos comparten a súa ledicia.
Respecto ás potencialidades da obra para Educación Primaria, en primeiro
lugar é necesario falar do público ao que está destinado esta obra. O verdadeiro señor Pepe encádrase no
primeiro ciclo de Educación Primaria (1º e 2º de Primaria, 6-7 anos). Eu lin
esta obra cando estaba en 2º de Primaria.
A primeira potencialidade que amosa
esta obra é a de dar a coñecer entre o alumnado o mundo vitivinícola, dar a
coñecer esta forma de fruticultura, aspecto importante sobre todo na cidade, pois paréceme importante facerlles ver que o viño que ven
dentro dunhas botellas de vidro no supermercado, na casa, nos restaurantes… sae
do campo e con esforzo e moito traballo detrás.
A segunda potencialidade está relacionada
máis directamente co coñecemento da contorna e do medio natural: o mundo
vitivinícola, o viño, as vendimas… son unha realidade, pero son unha realidade
que aquí, en Galicia, está moi presente. É dicir, non só coñecer o mundo, senón
coñecer o mundo que nos rodea, o máis próximo.
A terceira das potencialidades é a reflexión que propicia sobre a propia identidade, pois pódese aproveitar a confusión de Xaquín sobre a identidade do señor Pepe para presentarlles ás alumnas e alumnos a seguinte cuestión: Somos nós ou deixamos de selo segundo o que levemos posto? É algo moi interesante a tratar co alumnado, mais ao seren de 1º/2º de Primaria, habería que pensar ben como facelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario