martes, 29 de decembro de 2020

A historia do RAINBOW WARRIOR


MARTÍNEZ, ROCÍO (2008). A historia do RAINBOW WARRIOR. Pontevedra: Kalandraka, Libro Amigo dos Bosques GREENPEACE, [30 pp.]. (ISBN: 987-84-8464-671-6).

Co obxectivo de abordar o bloque 5, Educación Literaria, presente no currículo de quinto de Educación Primaria utilizarase a lectura como recurso para promover os seguintes estándares de aprendizaxe: valorar a literatura como unha fonte de coñecemento ilimitada e unha forma de ocio persoal, mellorar a expresión oral a través da lectura en voz alta e de dramatizacións na aula, ademais de coñecer e respectar diferentes culturas e costumes –o B5.1.2, o B5.2.2, o B5.5.1 e o B5.7.2.

Para abordar estes estándares, o tema escollido foi o coidado do medio ambiente e a concienciación dos efectos negativos que provocan as intervencións humanas na natureza. Considero que esta cuestión é imprescindible, xa que na actualidade abondan numerosos problemas ecolóxicos, a extinción de especies animais e o quentamento global, entre outros. Por conseguinte, o alumnado debe ter unha educación ambiental apropiada, a cal se pode conseguir a través das múltiples posibilidades que ofrece a perspectiva literaria.

Un álbum ilustrado que se adapta a estes contidos é A historia do RAINBOW WARRIOR, unha historia significativa da que se pode aprender e que deixa moito que reflexionar, ademais da gran calidade das ilustracións que inclúe. A pesar de ser un álbum ilustrado, require dunha comprensión e coñecemento da realidade que o alumnado de 5º xa adquiriu previamente nos cursos anteriores.

De detérmonos con detalle na análise da obra, pódese dicir que dende o punto de vista do formato, no peritexto pódese observar a tapa dura que alberga a este álbum ilustrado, cunhas dimensións de 27 x 21 cm, encadernado en cartoné. As gardas son significativas e nelas pódese ver un barco navegando polo mar e no que unhas persoas de cor verde alzan bandeiras brancas. Tamén hai persoas en terra levando a un peirao próximo materiais para fabricar ou remodelar e pintar o barco. No mar hai peixes e golfiños nadando tranquilamente, mentres que no ceo se observan gaivotas voando. Na segunda garda repítese esta imaxe, pero sen rastro da pegada humana. Por outro lado, o libro non conta con lapelas nin cun indicador de idade.

Na ilustración que conforma a cuberta pódese observar que o mar rodea e resalta a imaxe central, coma se fose unha illa. Nela atópase o título e unha ilustración do barco xunto con dúas pequenas lanchas que portan persoas vestidas de cor verde con bandeiras brancas.

A primeira vista, o arco da vella pintado no barco cargado de xente “verde”, xunto coa pomba debuxada na proa e as bandeiras brancas, transmiten felicidade e tranquilidade, semellando que o propósito do barco é o de buscar a rendición e a paz. Esta última poderíase intuír que é do medio mariño, xa que é a paisaxe definitoria da cuberta: mar, animais, rochas, icebergs, algas e illa. Por outra banda, na contracuberta está debuxado un mapamundi e nel pódense localizar dúas baleas e o barco en cuestión.

As palabras RAINBOW WARRIOR quedan enfatizadas no título con letras máis grandes e dunha cor azul máis escura, en contraposición co resto da tipografía amosada na cuberta. O nome da escritora e tamén ilustradora, Rocío Martínez, está escrito cunha tipografía máis pequena ao carón do barco, e a editorial Kalandraka debaixo deste. Na portada vólvese repetir esta distribución. Adicionalente, na primeira folla fai unha breve dedicatoria a Marina, Santi, Elenita, Iker e María de la Prada, e adícalle un especial agradecemento a Miguel Ángel de Soto, amigo seu de Greenpeace. Tamén fai unha breve alusión á orixe desta historia grazas a unha conversa familiar na que un parente lle contaba á súa filla a historia do Rainbow Warriror.

No seu interior, a letra é grande e en minúsculas, e as ilustracións abranguen unha cara, situadas todas elas á dereita; aínda que tamén hai algunha ilustración a dobre páxina. Estas imaxes veñen acompañadas por un breve texto e son necesarias para entender o contido e que o libro teña sentido. É máis, a historia pódese comprender sen o texto, só son necesarias as ilustracións.

No referido ao contido, o gramado da edición é en papel groso, reciclado e de boa calidade. Escrito orixinalmente en castelán, conta con varias traducións a outros idiomas como o galego, o portugués ou o catalán. A súa lectura é convencional, de esquerda a dereita, aínda que pode ser considerado como interactivo porque inclúe un recurso ampliable sobre a historia do Rainbow Warrior, un mural despregable na garda final. Tamén é unha lectura lúdica, xa que as ilustracións conteñen un forte significado simbólico que os/as nenos/as tratarán de descubrir.

O argumento xira ao redor de dúas baleas que interpretan os roles de nai e filla. A balea nai cóntalle á súa filla a historia do Rainbow Warrior a través dunha canción. Tras cumprirse a profecía da tribo Cree, un grupo de persoas loitan contra as catástrofes causadas no mundo. Para iso, utilizan un barco abandonado e noméano “Rainbow Warrior”, que utilizan para concienciar á xente e tratar de evitar máis catástrofes a nivel mundial. As persoas que se viron prexudicadas con esta actuación tentaron de acabar co seu propósito afundindo o barco, o cal rematou converténdose nun refuxio de animais mariños. En honra a este barco, construíuse unha réplica.

Narrado en terceira persoa de omnisciencia total, o/a lector/a de entre 10 e 12 anos pode saber o que pensan e senten as dúas personaxes, o que permite empatizar con ambas e formar parte da historia como unha personaxe máis. En canto á caracterización das personaxes, as baleas nai e filla personifican unha relación humana entre elas: a filla é preguiceira e a nai insiste para que lle faga caso. Por tanto, entre as figuras empregadas, pódese destacar a personificación das baleas con sentimentos, ademais da reiteración da profecía da tribo Cree ao inicio e final da historia. Por isto mesmo, a estrutura da historia é un ciclo.

As ilustracións, pintadas con lapis de cores e coa técnica pastel mediante trazos que rebosan finura, acompañan o relato e están cargadas de gran forza simbólica: os animais, como a foca ou a balea, teñen debuxado no seu interior unha recompilación de viñetas que dividen o animal en tres, coma se se tratase dun antes e despois do efecto que tivo o Rainbow Warrior na biodiversidade mariña, unha evolución progresiva na historia da súa especie. A primeira viñeta transmite o sufrimento provocado polos seres humanos a estes animais, a segunda invoca a aparición do Rainbow Warrior coas súas características bandeiras brancas e a terceira a solución que atopou a esta problemática. Tamén me gustaría destacar que, nunha das ilustracións onde os guerreiros do Arco da Vella constrúen o barco, a ilustradora pretende sinalar o paso do tempo coa contraposición dos cromatismos negro e branco: día e noite, nubes de chuvia e neve. Outra cor sempre presente é a azul, coa que se representa ao medio mariño. As páxinas non están numeradas e as ilustracións atópanse na cara dereita. Esta é unha técnica de uso habitual na lectura porque é o primeiro que se ve ao pasar de páxina.

De entre as potencialidades cabe sinalar que a lectura deste libro ilustrado permite abordar múltiples temas que son de trato actual: o coidado do medio ambiente, a reciclaxe, a ecoloxía, a paz ou o compañeirismo. Tamén representa nas ilustracións a morte sen ningún reparo, abordando un tema tabú para o lectorado infantil. É moi importante concienciar sobre a problemática que sofre a natureza na actualidade e os medios ao noso alcance para contribuír ao seu detemento. O libro actúa como punto de partida para reflexionar e involucrarse na mellora do sistema ecolóxico.

Dentro da aula de quinto de Educación Primaria, a cal me parece a máis apropiada para ler e traballar con esta obra, os valores mencionados poden ser tratados con diferentes propostas didácticas. Seguindo os posibles obxectivos e estándares propostos do currículo, poderíase organizar unha dramatización, xa que é a mellor forma de mellorar a competencia oral. Cada estudante tería un papel e se disfrazaría para interpretalo correctamente. Esta obra sería presentada tanto en cursos superiores coma inferiores, xa que se busca un grande impacto no maior número de espectadores/as posible. Outra actividade de poslectura para fomentar unha participación activa do alumnado é facer un debate sobre que propostas e medidas ecolóxicas pensan que se poden levar a cabo no noso día a día que contribúan á mellora do medio ambiente para despois aplicalas noutros ámbitos, como nas súas casas.

En canto aos recursos, o Informe de literatura publicado en 2008 presenta unha ficha bibliográfica e un resumo do álbum ilustrado, ademais de incluír unha recensión e unha referencia publicadas no Faro de Vigo sobre A historia do RAINBOW WARRIOR. Na plataforma de Youtube tamén atopei unha gravación audiovisual feita polo alumnado de 1º de Educación Primaria subida como conmemoración do Día do Libro e na que len en voz alta a historia, en acompañamento de debuxos feitos por eles/as mesmos/as. Outrosí, hai unha entrada no blog de Greenpeace na que fala do guerreiro do Arco da Vella, os personaxes de cor verde que se encontraban dentro do barco.

Na páxina web da súa editorial, Kalandraka, destaca os premios que acadou o álbum ilustrado: SELECCIÓN LOS MEJORES no Banco do Libro de Venezuela e en 2010 o Plan Nacional de Lectura PNL Portugal. Adicionalmente, ten un certificado ecolóxico “Libro Amigo dos Bosques” e na páxina permite ver o libro en dixital. Por último, resaltar que a publicación deste álbum ilustrado coincidiu co Día Mundial da Terra.

 

González, N. (15 de decembro de 2011). ¡Bienvenido Guerrero del Arcoiris! [Mensaxe nun blog]. Greenpeace. Recuperado de http://archivo-es.greenpeace.org/espana/es/Blog/bienvenido-guerrero-del-arcoiris/blog/38406/

Informe de Literatura (2008). Recuperado de http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2008/Informe_Literatura_2008.pdf

Kalandraka (s. d.). Recuperado de https://www.kalandraka.com/a_historia_do_rainbow_warrior-978-84-8464-671-6-galego-572.html

Pirracasaspatacas (2014,  maio 1). A historia do Rainbow Warrior [Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://youtu.be/8KjnPPwAWnk

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...