martes, 29 de decembro de 2020

O misterio dos fillos de Lúa



CASALDERREY, FINA (1995). O misterio dos fillos de Lúa. Ilust. Manolo Uhía. Vigo: ediciones SM, col. O Barco de Vapor (Serie Laranxa), nº 21, 128 pp. (ISBN: 84-348-4674-8).

Para esta segunda recensión literaria, a obra escollida é O misterio dos fillos de Lúa, de Fina Casalderrey, libro sobre o cal se darán máis detalles en relación ao seu formato, argumento e as súas potencialidades a continuación.

No tocante ao formato da obra, contamos cun libro cunhas dimensións de 11,9 centímetros de largo e de 18,9 de alto e con cuberta rústica e de tapa branda sen orelleiras no interior. Nesta cuberta podemos encontrar os datos claves da obra, como o son o título, o nome da autora, da editorial e da colección, ademais dunha serie de premios que a obra conseguiu no pasado. Acompañando estes datos podemos ver unha ilustración a cor de Lúa, a gata protagonista da historia, sendo dita ilustración traballo de Manuel Uhía.

Unha vez aberto o libro atopamos dúas páxinas en branco e inmediatamente a portada, a cal segue un formato similar ao atopado na cuberta pero sen a fotografía que caracteriza a esta e sen os datos da colección. Pasada a portada podemos observar unha páxina con datos da edición e unha dedicatoria da autora: “A Marcos e a Rocío. E a Lúa (que tamén é da casa)”. Tras ela, comeza a historia. Esta abarca 119 páxinas, organizada en 28 capítulos curtos dunhas 4 páxinas de media, aproximadamente. Os dous primeiros capítulos serven como introdución e presentación de personaxes e os dous últimos como desenlace do argumento, estando os 24 capítulos restantes dedicados ao nó. O formato que atopamos ao longo de toda a historia é o mesmo, caracterizado este polo uso dun formato de texto estándar acompañado de ilustracións en determinados puntos da narración. A fonte e tamaño empregados son sempre os mesmos agás no texto do título do capítulo e en determinados puntos onde atopamos ilustracións de notas por exemplo. Rematadas as 119 páxinas de historia, atopamos o índice da obra, que describe a división en capítulos da mesma, tal e como se citou anteriormente. Tras el e dúas páxinas en branco, podemos observar o conxunto de obras da colección “O Barco de Vapor”, tanto da serie laranxa como da vermella. Para rematar, temos a contracuberta, onde salienta a sinopse do libro entre o nome da colección, a idade recomendada (9 anos) e o código de identificación do ISBN.

En canto ao argumento, podemos destacar a tres personaxes principais. Por un lado temos a Lúa, protagonista dos acontecementos da obra. Esta é unha gata que foi rescatada por unha familia nun cemiterio e unha vez adoptada, tras parir dúas veces, perdeu os seus fillos en misteriosas condicións. Por outro lado temos o narrador da obra, David, un neno de 8 anos que é o dono da gata, aínda que fora o seu irmán quen a rescatara. Por último encontramos a Branca, a súa veciña, compañeira de clase e amiga. Xuntos, co terceiro embarazo da gata, tentan descubrir ao longo da historia quen foi o suposto ladrón dos gatos de Lúa para resolver así o misterio da desaparición destes. O principal sospeitoso durante a obra é o señor Indalecio, veciño dos protagonistas, pero finalmente descobren que foi o can do boticario do pobo quen en realidade matara os gatiños e que non había ningún ladrón en realidade. Por outro lado, Lúa remata a historia dando a luz os 4 gatiños dos que estaba embarazada.

Neste caso atopámonos cunha obra literaria acompañada por ilustracións que complementan a narración, aínda que estas aparecen de forma esporádica e non constantemente. Isto pode deberse a que xa falamos dun libro recomendado para idades próximas ao último ciclo de Educación Primaria, onde quizais, polo menos neste tipo de obras, o máis apropiado sexa deixar voar libremente a creatividade da mente dos alumnos e alumnas. Estas ilustracións de gran calidade adoitan ocupar unha páxina enteira (normalmente a dereita), están en branco e negro e, debido a isto último, dan moito protagonismo á técnica do sombreado con lapis. Destaca sobre todo o tratamento das figuras humanas e animais.

Xa no tocante ás potencialidades, considero que esta obra trata algunhas temáticas de suma importancia para as idades a que vai dirixida. Por un lado temos as relacións interpersoais, tanto no ámbito familiar como no eido da amizade. É neste último onde podemos destacar a amizade entre David e Branca, a cal representa de maneira moi apropiada os valores que teñen que estar presentes nunha relación deste tipo, como son a lealdade, o interese, a confianza... Por outro lado, David cumpre unha promesa, aquela pola cal Lúa pasa de ser a súa gata a ter tamén como dona a Branca, o que pon de relevo a importancia de cumprir o prometido ou de non mentir, algo que ás veces de neno (ou de non tan neno) se fai máis do debido. Por último, abórdase o mundo animal. A importancia que David lle dá á súa gata, pode ser un bo exemplo de como se debe de tratar a un animal doméstico e máis nun contexto coma o actual de concienciación contra o abandono e o maltrato animal, unha das grandes lacras da humanidade sen dúbida algunha. Tamén se pode aprender a partir do relato, características sobre os gatos dende unha perspectiva inocente, sobre todo aquelas que teñen que ver co ámbito reprodutivo. Ademais de todo isto considero que o eixe central da historia, a intriga, pode manter o alumnado enganchado á obra, algo que pode ser útil para fomentar o gusto pola lectura e crear así hábitos lectores que os axuden a acadar determinadas competencias.

Afortunadamente ao tratarse dunha obra bastante coñecida e vendida, pódense atopar diferentes recursos en liña en relación coa mesma na rede. En primeiro lugar, podemos atopar na rede book trailers da obra como este: https://www.youtube.com/watch?v=25fGelXpwyY ou este https://www.youtube.com/watch?v=wetf4t2oOXY, onde con debuxos e ilustracións do libro de fondo, se fala do seu argumento, da autora ou da opinión persoal dos usuarios que os colgaron na rede. En segundo lugar, atopamos unha páxina onde a propia Fina Casalderrey (https://axendacultural.aelg.gal/tag/o-misterio-dos-fillos-de-lua/) le diferentes fragmentos das súas obras, estando o segundo vídeo do portal adicado á obra na que nos centramos esta vez. Xa para rematar, tamén podemos atopar dous enlaces que nos levarán directamente a unhas fichas con diferentes actividades de postlectura relacionadas cos personaxes e o argumento do libro: https://ecat-server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/ES198436_12973.pdf e tamén en: https://ecat-server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/ES198436_12972.pdf.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...