NÚÑEZ, MARISA (adapt.) (2009). Cocorico. Ilustr. Helga Bansch. Pontevedra: OQO, col. O, [36 pp.] (ISBN: 978-84-9871-156-1).
Cocorico é unha obra literaria adaptada por Marisa Núñez e ilustrada pola austríaca Helga Bansch. Desta autora galega gustaríame salientar que foi galardoada en 2007 pola Fundación Espace Enfants de Suíza co Primeiro Premio Internacional do Libro Infantil pola obra Chocolata.
Nesta ocasión decanteime por este álbum ilustrado, que é unha adaptación libre dun conto tradicional birmano, xa que me pareceu moi atractivo a simple vista e porque creo que a temática e os valores que transmite son moi interesantes para tratar co alumnado de Educación Primaria.
En canto ao formato da obra, en primeiro lugar cabe dicir que se trata dun libro en formato papel, de pasta dura e encadernado en cartoné, que conta cunha cuberta, unha contracuberta, un lombo e unhas páxinas que conforman o miolo.
Na cuberta destacan as cores elixidas e as ilustracións, así como tamén a distribución do texto: o título figura en maiúsculas e cun tamaño grande na parte superior central; o nome da editora recóllese na esquina inferior dereita; os nomes da autora e a ilustradora presentan un tamaño menor e aparecen debaixo do título e preto da marca editorial. Aínda que as ilustracións abranguen toda a pasta da obra sobre un fondo laranxa, da cuberta chama especialmente a atención a figura central pola súa cor e maior tamaño, o que capta a nosa atención nunha primeira ollada: o protagonista, o pitiño de cor amarela. Tamén podemos ver na cuberta a figura da galiña, de cor branca, aínda que cun tamaño diminuto en contraste co do protagonista, Cocorico. Esta parece que está ollando ao seu fillo como velando pola súa seguridade, xa que este ten que ter coidado co terceiro personaxe, Gato Pelado. Así, deste último na cuberta só podemos ver o seu rabo negro; para contemplar a figura completa debemos abrir o libro e visualizar toda a pasta en conxunto, é dicir, cuberta, lombo e contracuberta. Sen ler o texto das páxinas interiores, desta ilustración dedúcese que Cocorico intenta fuxir do gato, tratando de non tocalo nin pisar a súa cola para non correr perigo.
Deste modo, na contracuberta vemos outro cacho do rabo do gato e mais algo do seu corpo, que abrangue bastante espazo. Por outra banda, inclúe o nome e a icona da editorial, OQO, así como o código de barras, o ISBN e o nome da colección, “O”, destinada a lectores de entre 3 e 7 anos. Neste caso a obra non conta cunha sinopse.
Cando abrimos o libro, o primeiro que nos atopamos son as gardas (que tamén se repiten ao rematar o conto). A cor laranxa do exterior desaparece e atopámonos con brancos e amarelos, xa que mostran a evolución de Cocorico dende que se atopaba dentro do ovo ata que nace e sae del. Ao pasar de folla vemos os créditos sobre un fondo grisáceo, que figuran na parte central con letra moi pequena, atopando tamén unhas ilustracións onde se ve a Cocorico triplicado xogando con diferentes elementos e disfraces. Por último, na portada interior volvemos ver o título, a editorial, os nomes da autora e a ilustradora e, de novo, ao pitiño xogando en tres situacións diferentes (non é a mesma ilustración nin o mesmo fondo que o da cuberta).
As páxinas que conforman o miolo contan con pouco texto, xa que se trata dunha obra caracterizada pola lectura visual. Así, combinando algunhas colaxes e debuxando con liñas finas, a ilustradora consegue expresar a tenrura da historia e atrapar aos máis pequenos. As ilustracións, luminosas, de cores vivas, moi acordes co ritmo do texto, contribúen a perfilar os sentimentos dos personaxes: a inquedanza do pitiño, a dozura da galiña, a furia do gato…
Porén, do texto cabe resaltar aspectos como o tamaño de letra (acertado para o público ao que vai dirixido), que os diálogos están en letra grosa, destacando que cando fala o pitiño a letra é máis pequena e cando o fai o gato é moito máis grande, que as onomatopeas do gato e o pitiño aparecen en maiúscula e, por último, que, cando canta Cocorico, a letra está en cursiva. Pódese dicir que, en definitiva, cunha linguaxe sinxela e sacándolle moito partido ás palabras, Marisa Núñez logra transmitir emoción e chegar a todos os sentidos do lector.
O argumento deste conto é o seguinte: Cocorico é un pitiño que vive felizmente con Mamá Galiña. Un día, ela vai facer un biscoito e Cocorico ofrécese a saír en busca de leña para prender o forno. Niso anda cando o sorprende un gato xigante e perverso que o quere comer, pero Cocorico consegue salvarse prometéndolle a metade da merenda. Xa na casa, san e salvo, o pitiño lambón esquece o trato e non deixa nada do biscoito. Mamá Galiña enfádase e avísao de que vai aparecer Gato Pelado para devoralo. De súpeto, este peta na porta: vén en busca da metade acordada. Ponse furioso pero Mamá Galiña protexe ao seu fillo, axudándoo a saír do problema e facéndolle aprender a lección.
Nesta liña, paréceme unha obra moi acaída para traballar cos nenos e nenas de Educación Primaria porque trata sobre a necesidade de escoitar os bos consellos, do importante que é cumprir as promesas e da dificultade que supón aprender a compartir. Concretamente, sería moi adecuado traballar este conto cos máis cativos/as (Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria) debido á temática e aos valores que transmite: honestidade, humildade, honradez, cordialidade, tolerancia, empatía…
Deste xeito, algúns dos estándares de aprendizaxe que se traballarían, de acordo co currículo de Educación Primaria (Decreto 105/2014), serían (Bloque 2: ler): interpretar e comprender, de maneira xeral, a información de ilustracións e descodificar de forma axeitada na lectura de textos moi sinxelos.
Con todo, pódese dicir que Cocorico precisa dunha reflexión sobre algúns dos códigos cromáticos empregados nas imaxes e que distan moito dos obxectivos de respecto e traballo a prol da diversidade: o negro é sempre o malo, mentres que o branco é pureza e protección. Isto é, trátase dunha obra infantil que incide en estereotipos. Se non queremos que o noso alumnado incorra neles, deberemos tratalos e analizar os significados neste contexto na busca de alternativas e outras lecturas posibles.
No blog da biblioteca do CEIP Amadeo Rodríguez Barroso (Ourense), publicouse unha entrada con materiais realizados polo alumnado a partir da lectura de diferentes obras, e entre as que se atopan un debuxo feito por un neno sobre Cocorico xa que lle gustou e o quere recomendar. Por outra banda, gustaríame citar tamén unha entrada do blog dun colexio de Lugo, a cal se titula “O pitiño Cocorico” e onde nos propoñen actividades para traballar o conto, así como diferentes recursos audiovisuais sobre o mesmo: unha película (Stop Motion) e unha canción en galego. Por último, cabe destacar que na canle de YouTube da editorial, OQO Filmes, hai subidas catro curtametraxes animadas onde Cocorico vive novas aventuras: Cocorico - Axuda, Cocorico - Bufo, Cocorico - Polos pelos e Cocorico - Cigu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario