CARLE, ERIC e PENA, MONTSERRAT (2020). A eiruguiña comellona. Ilust. Eric Carle. Madrid: Kókinos, col. world of Eric Carle, 26pp. (ISBN: 978-84-92750-67-2).
O conto que nós escollemos é A eiruguiña comellona, un clásico universal escrito e ilustrado por Eric Carle e publicado por primeira vez en 1969. Debido ao seu gran éxito, está traducido a máis de 50 idiomas e en diferentes formatos: con desplegables, cun peluche, en branco e negro para poder pintalo…
Trátase dun álbum ilustrado onde se nos conta a historia dunha eiruga. Ela comeza sendo moi pequena e ten moita fame, polo que pasa todo o conto comendo. A medida que avanza o relato imos observando do que se vai alimentado até que, finalmente, vemos a transformación que sofre.
A edición que nós manexamos é un libro de cartoné de tamaño rectangular. O fondo é totalmente branco e nel destacan imaxes a toda páxina con cores vivas e rechamantes que complementan á perfección a parte escrita. Grazas a elas o alumnado pode aprender as cores e tonalidades dentro da materia de educación artística. Esta obra conta cunha tipografía igual en todas as súas páxinas. Trátase dun texto breve e sinxelo de ler cuxa letra (maiúsculas) e vocabulario son acordes á idade recomendada. A diferenza de tamaño de algunhas páxinas así como a repetición dalgunha parte do texto, permite unha lectura dinámica deste conto. Tamén destaca que non conta con numeración das páxinas.
O propio formato da obra permite a experimentación do alumnado cos buratos, a través dos cales se supón que foi pasando a eiruga. É un libro de fácil manexo, cuxas páxinas de diferentes tamaños xogan co traxecto inferencial que describe a eiruga. Deste xeito permite unha manipulación e lectura de descuberta. Este percorrido ofrécenos un amplo abano de temáticas para unha aula, en concreto para 1º de Educación Primaria. Na clase, á hora de contar a historia, o docente pode levar a cabo un xogo participativo no que o alumnado teña que traballar de forma activa para ler o texto. É dicir, nenos e nenas dirán, cada vez que o docente llo indique, “roendo roendo”, un fragmento que se repite en sucesivas páxinas.
A posibilidade de empregar esta obra para asentar o hábito lector en primeiro de primaria, permite ademais, conectar a través dun mesmo elemento diferentes áreas do currículo. Dende a lingua galega fixaremos a nosa atención tanto no bloque 5 (relacionado coa educación literaria, a produción, valoración e lectura de textos adecuados) como ao bloque 2 da comunicación escrita: ler, con contidos como a comprensión de textos e interpretación da información das ilustracións.
Ademais destes dous amplos bloques da área lingüística, podemos ver transversalmente contidos doutras áreas de coñecemento. A área de ciencias sociais está presente cando se mencionan os días da semana mentres que para a área de ciencias naturais, o conto permite tratar contidos como os animais, a metamorfose da eiruga, a importancia do coidado dos mesmos e o respeto polo medio, así como a alimentación saudable. Na obra, vemos como á eiruga, ao rematar de comer alimentos da cúspide da pirámide alimenticia, lle doe a barriga e, ao día seguinte, para sentirse mellor, só come unha folla verde. En canto á área das matemáticas, nenos e nenas poden aprender os números e a contar, podemos dicir que se trata dun conto numerario grazas as froitas e aos seus furados.
Por último, en canto á educación musical, na obra desenvolve un papel fundamental a musicalidade que permite a repetición dos vocábulos “roendo, roendo”. Para ampliar coñecementos, pódese visualizar o vídeo realizado por Maruxaledicia, (https://www.youtube.com/watch?v=agfyJxrorkI&ab_channel=maruxaledicia) quen canta unha canción sobre a Eiruguiña Comellona. Grazas a el o alumnado mostrará interés e realizará unha reflexión persoal sobre a lectura e as múltiples posibilidades que ofrece.
Esta obra permite realizar múltiples actividades que impliquen tanto ao alumnado de primaria como ao de infantil. Os nenos e nenas de primeiro curso de primaria poden facer contacontos ou dramatizacións con monicreques e representalas diante dos máis pequenos, favorencendo así o interese pola lectura en ambas etapas educativas. Ademais, a través do coidado de vermes de seda, nenos e nenas poden experimentar un suceso vivencial, no que coñezan en primeira persoa como é a metamorfose do animal protagonista do conto.
Por último, resaltar que grazas a esta obra nunha aula pódense traballar diferentes dinámicas onde poñeremos en práctica un aprendizaxe colaborativo, interesante, motivador e transversal ao currículo para o alumnado.
Bibliografía
DEL VAL, VANESA (2014). 9 Versiones distintas para leer a la pequeña oruga glotona. Recuperado de http://aulateadelossoles.blogspot.com/2014/08/la-pequena-oruga-glotona-en-distintos.html
Diario Oficial de Galicia, G. (2014). Decreto 105/2014, de 4 de septiembre, por el que se establece el currículo de la educación primaria en la Comunidad Autónoma de Galicia. Diario Oficial de Galicia, 171, 37406-38087.
Sandra Alfaro Rodríguez
Miriam Blanco Fernández
Andrea Couceiro García
Ningún comentario:
Publicar un comentario