CASALDERREY,
Fina (1995). Dúas bágoas por Máquina. Ilust. Lino Fernández. Galicia:
Edicións Xerais, col. Merlín,
102 pp. (ISBN: 84-7507-640-8).
Para esta recensión crítica, a obra elixida
titúlase: Dúas bágoas por Máquina. A súa autora é Fina Casalderrey,
unha das mellores escritoras galegas de literatura infantil e xuvenil e Premio Nacional de Literatura Infantil
e Xuvenil en 1996.
Esta obra foi
galardoada co premio Merlín en 1991. É un libro moi sentimental, trata dunha
temática tan importante como o respecto aos animais, a responsabilidade, a
amizade, entre outros temas. Eu escollín o libro por un motivo básico, o 14 de
xullo de 2020 morreume a miña cadela, ela chamábase Alegría e levaba 12 anos comigo.
Resulta que este libro xa o lera en Educación Primaria, cando o lera Alegría acababa de chegar á miña vida
(5º de primaria). Entón no Ciclo de Literatura “Sen tabús. Ler para Pensar” cando
falou Fina acordeime da obra e sobre todo da miña querida cadeliña.
En canto ao
formato, mencionar que conta con 102 páxinas divididas en seis capítulos e un
epílogo. Este libro ten unhas dimensións de 19x14 e está encadernado con cartón e en formato papel.
Trátase dunha cuberta de tapa
branda, na parte de arriba atópase
a colección e o ilustrador en letra pequena, para dar paso ao título cunha
letra en tamaño maior e por debaixo en letra de menor tamaño o nome da
escritora, para finalizar abaixo aparece a editorial. Na parte dereita aparece
unha ilustración, na que se atopan Máquina bicando a Xusta,
que sorrí amosando felicidade. Porén, na contracuberta aparece unha breve sinopse da obra, e vólvese indicar o nome da
editorial, o código de barras e o debuxo da colección “Merlín”. Ademais tamén
informa do premio obtido en 1991.
Antes de tratar
sobre o argumento, mencionar que a autora pretende propoñer unha historia
realista que introduce ao lectorado
nun mundo de sentimentos e proporciona
unha ferramenta para enfrontarse á morte, á tristeza e ao medo de perder
seres queridos.
O argumento da obra xira ao redor de Xusta, que é a
protagonista, quen tiña un can que recibía o nome de Máquina. Nunha ocasión
Máquina desaparece durante varios días pero Xusta e Moncho (o seu irmán)
argallan un plan para ir a buscalo. Entón non van a escola, pero non conseguen
dar con Máquina a pesares do rebumbio que se montara. Pero este can, a pesar de
que llo regalara o seu pai, non era moi querido pola familia, só o quería Xusta
e o seu avó (que xa morrera). De feito foi o pai quen o abandonara nunha estrada.
Arrepentido do que fixera,
decidiu buscalo pero resulta que xa non estaba. Porén, un día cando Xusta ía
subir ao autobús da escola apareceu correndo Máquina.
A obra ten un final triste, xa que Máquina consegue
salvar a vida da avoa, que ía ser atropelada, pero non conseguiu salvar a súa.
Cando a avoa viu a Máquina morto caéronlle dúas bágoas (de aí o título). Co
paso do tempo, Xusta farase veterinaria e ten unha foto de Máquina no seu
despacho. En definitiva, a historia de Máquina conmove pola súa sinceridade e tenrura.
Fálanos dunha amizade que vai máis aló das palabras e supera os límites da incomprensión
e presenta este punto de vista sobre o trato aos animais que nos fai
reflexionar.
En canto ás ilustracións, aparecen ao longo de todo o libro e todas seguen un denominador
común: están en branco e negro con diferentes matices de azul. Esta cor azul
serve para resaltar os elementos importantes. De feito, Máquina aparece sempre
de azul. Algunhas das imaxes son a páxina completa e outras ocupan só unha pequena
parte e serven de acompañante ao texto. Todas elas presentan moita
expresividade, é dicir, expresan perfectamente o que se quere transmitir.
Esta obra é
adecuada para nenos e nenas de 5º e 6º de educación primaria. Entre as potencialidades
que presenta a obra pódense salientar: o tratamento dos animais, a partir desta
obra os alumnos/as deben reflexionar sobre as accións que son incorrectas e as
accións que si o son cando se ten mascotas. Tamén esta obra é moi útil para
traballar cos valores da lealdade e a amizade, por iso Xusta está disposta a
todo por Máquina. Por outra banda, grazas a esta obra pódese traballar co
alumnado o tratamento da morte dos seres queridos, xa que moitos non teñen
aínda a concienciación necesaria para afrontar estes problemas. Esta obra tamén
serve para traballar a responsabilidade, algo que é fundamental nestes cursos,
xa que se está formando a súa personalidade. Outros aspectos que salientan da
obra son: o valor que tivo Xusta
de se enfrontar ao descoñecido ou por exemplo a capacidade de Moncho de solidariedade
ou de axuda aos demais.
Por último rastrexando
pola rede atopamos por exemplo este enlace:
https://blog.xerais.gal/duas-bagoas-por-maquina-lido-pola-sua-autora-fina-casalderrey-video-de-trafegando-ronseis/.
Atopamos a súa autora Fina Casalderrey lendo o libro dentro dunha serie de escritores
e escritoras lendo os seus propios
textos.
Ramiro
Bello Martín

Ningún comentario:
Publicar un comentario