Casares, Carlos (2007). A galiña azul. Ilust. Trichi, Ilda, Mima
e Alberto García Alonso. Vigo: Galaxia, col. Árbore, 40 pp. (ISBN:
978-84-9865-010-5).
A obra escollida presenta un formato de tapa dura e
grosa; concretamente trátase dunha encadernación en cartoné. Na súa cuberta
podemos apreciar unha serie de debuxos que non seguen unha colocación ordenada;
entre eles atopamos unha galiña azul, un camión, unha árbore, unha casa e un
axente de policía. Con estes debuxos intuímos que se refiren a cuestións
presentes no contido da obra e que teñen algunha relación. Entre todos estes
debuxos que se atopan desordenados na cuberta, atopamos o título (A galiña azul); que se presenta nas
mesmas tonalidades que os outros debuxos e en letras minúsculas, polo que non
destaca de forma significativa. Ademais, o título semella estar escrito por un
neno ou nena xa que presenta unha tipografía infantil, ao igual que os debuxos,
os cales están realizados con pouca precisión e por fóra dos bordos.
Esta obra está formada por unha serie de cinco
historias: “O peixe da fonte do xardín”, “A bomba da felicidade”, “A galiña
azul”, “A formiga esquiadora” e “O final da historia da galiña azul”. A
protagonista é Ana, unha nena galega que por motivos familiares e persoais tivo
que marchar a Santander a vivir. As cinco historias que compoñen este libro
están narradas como vivencias que unha persoa que marcou os primeiros anos de
vida de Ana, lle escribe e envía co fin de contarlle o que acontece na súa vila
natal e coa finalidade tamén de que ela non esqueza nunca a súa terra e a súa
esencia galega.
No interior, despois dunhas gardas lisas e en cor
azul, aparece a portada na que se repite o título da obra acompañado dun debuxo
doutra galiña azul, o nome do autor e dos ilustradores e ilustradoras e por
último, o nome da editorial e a colección á que pertence a mesma obra. A
seguir, aparece a carta dirixida a Ana, na que se lle explica o sentido dos
relatos e a intencionalidade dos mesmos.
En canto ao contido do libro, podemos destacar que se
trata dunha obra con ilustracións e texto a dobre páxina sobre un fondo branco.
Os títulos das cinco historias aparecen en cores azul e amarelo de forma
alternativa e cun tipo de letra máis grosa co fin de chamar máis a atención. O
texto da obra presenta nas súas páxinas diferentes formatos e cores, a medida
que vai cambiando a historia e os personaxes de cada unha delas.
Por outra banda, as ilustracións seguen o mesmo patrón
cás da cuberta: debuxos de carácter infantil realizados con pouca precisión.
Ademais, apreciamos que todas as ilustracións empregan as mesmas tonalidades;
cores primarias como o azul, vermello, amarelo, verde… Destacan, polo tanto, en relación co texto e ao tratarse
de debuxos infantís, poden resultar atractivos para os nenos/as, xa que poden
pensar que son debuxos coma os que eles ou elas mesmos/as realizan. As ilustracións,
ademais, presentan unha clara relación co texto que se está a ler, xa que representan o que a historia está contando.
A través da lectura desta obra pódense tratar e
traballar diversos temas e aspectos na aula con nenos e nenas de Educación
Primaria.
Valores como a amizade ou o amor; os vínculos
emocionais que se establecen coas persoas ao longo da nosa vida. Ttamén os
vínculos emocionais que se crean coa nosa terra natal; a importancia de valorar a nosa cultura, a nosa lingua, os nosos
costumes. A esencia que temos, no
noso caso, polo feito de ser galegos e galegas.
Por outra banda, sería posible tamén tratar aspectos
como a xenerosidade, a solidariedade, a empatía… xa que na maioría das
historias que contén a obra, destacan este tipo de valores. Así coma a
importancia de coidar aquelo que queremos e que nos importa.
Entre os recursos en liña sobre a obra, son de salientar:
Blog crítico de teatro. Nel realízase unha pequena opinión
crítica sobre esta obra e a súa
relación cos máis pequenos. Álvarez, H. (24 de julio de 2017). ‘A Galiña Azul’,
o lo infantil desde el rigor y el respeto. Recuperado de: https://butacaenanfiteatro.wordpress.com/2017/07/24/a-galina-azul-o-lo-infantil- desde-el-rigor-y-el-respeto/
A
galiña azul. Carlos Casares. Teatro. CEIP Ortigueira. 2017. Recolle unha
representación teatral realizada por nenos e nenas. É unha forma divertida
sobre todo para os máis pequenos;
ademais dunha actividade interesante complementaria á lectura da obra.
Ceip
Ortigueira. (2017). A galiña azul. Carlos Casares. Teatro. CEIP Ortigueira.
2017. [YouTube]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=1ErRSURfQTA
A
galiña azul. Cra de Rianxo. Neste caso, represéntase a obra escollida con
animacións feitas a man. A lectura está realizada tamén por nenos e nenas de primaria.
CraTube.
(2017). A GALIÑA AZUL. CRA DE RIANXO.
[YouTube]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=kSDPYp7cJ2M
A
galiña azul con pictogramas. Trátase dunha lectura da mesma obra representada a base de pictogramas; imaxes, texto e
animacións.
Martínez,
M. (2017). A galiña azul con pictogramas.
[YouTube].Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=LG8rI2j31Vg

Ningún comentario:
Publicar un comentario