mércores, 13 de xaneiro de 2021

Fina a pirata


 

Villar, Helena (2019). Fina, a pirata. Ilust. Abi Castillo. Vigo: Galaxia, col. Álbumes, 40 pp. (ISBN: 978-84-9151-354-4).

Este álbum ilustrado presenta un formato de tapa grosa e dura, concretamente unha encadernación en cartoné. Na súa cuberta atopamos en primeiro plano a imaxe de Fina, a protagonista da obra, que sostén na súa man uns anteollos, acompañada doutros debuxos como poden ser por exemplo: unha onda do mar, unha palmeira, a cola dunha serea, unha áncora sostida por una corda… Todos eles relacionados coa temática sobre a que versa a obra; o mar e os piratas. Tamén na cuberta, entre todos eses debuxos, atopamos o título da obra, cunha tipografía máis grosa coa finalidade de destacar sobre o demais. Xusto debaixo do título, atópase o nome da autora e se baixamos un chisco máis, o nome da ilustradora. Por outra banda, na contracuberta observamos tamén unha serie de debuxos, principalmente plantas e algas mariñas e, no medio de todas elas, un pequeno resumo sobre o contido da obra en letra de cor vermella, aínda que non chama moito a atención. Trátase dun formato atractivo para os nenos e nenas xa que conta cunha gran cantidade de debuxos e de tonalidades, ademais de contar cun tamaño adecuado e ser facilmente manipulable.

Esta obra conta a historia de Fina, unha rapaza que, tras un accidente que sufriu coa porta da súa casa dos Ancares, perdeu parte da perna esquerda. O seu pai fíxolle unha prótese provisional de pau para que así Fina puidese camiñar cando saíse do hospital e, cando ela volveu á escola, todos os seus amigos e amigas lle dicían que semellaba unha pirata. Grazas a isto, inventaron un xogo de piratas moi divertido na escola aínda que, con moitos inconvenientes; que non tiñan mar, nin barco… Pero coa axuda da profesora conseguiron arranxalo. Xuntos viviron moitísimas aventuras e experiencias ata que Fina recibiu a súa perna ortopédica e, polo tanto, deixou de ser unha pirata. Aínda así, interesoulles tanto o mundo do mar que coleccionaron un milleiro de libros relacionados co tema e Fina, de maior, quizais se licencie en Ciencias do Mar.

No interior, despois de atoparnos cunhas gardas do cor da area do mar cheas de pequenos debuxos tamén relacionados coa temática da obra (barcos piratas, sereas, áncoras, peixes, etc.) e unha páxina na que se nos volve amosar unha pequena imaxe da protagonista, Fina, atopamos a portada. Nela repítese o título da obra na mesma tipografía que na cuberta, o nome da autora e da ilustradora e a editorial.

En canto ao contido, destacar que se trata dunha obra que combina o texto con ilustracións a dobre páxina, sendo estas últimas as que máis espazo ocupan dentro do mesmo. As ilustracións son moi completas e atractivas visualmente. Teñen un estilo figurativo, que representa con detalle os diferentes personaxes e reflicten as emocións dos mesmos, os diferentes ambientes ou lugares nos que suceden os acontecementos, etc.

Por outra banda, a obra conta con pouco texto, que complementa ás ilustracións. Cabe destacar que o texto presenta o mesmo tipo de letra ao longo de todo o libro, non resalta ningunha palabra ou expresión. O que resulta atractivo do texto é que este se atopa inmerso nas ilustracións; forma parte delas, e isto pode chegar a ser interesante para o alumnado.

Coa lectura desta obra, pódense traballar diferentes temas dentro da aula de Educación Primaria que a propia historia trata tamén.

En primeiro lugar, as discapacidades físicas. Nesta historia, a protagonista perde parte da súa perna nun accidente e ten que ser capaz de continuar coa súa vida adaptándose á nova realidade que lle toca vivir. É un tema interesante xa que nas escolas, poden atoparse casos de alumnado con diferentes tipos de diversidade e discapacidade, polo que é importante concienciar aos nenos/as da realidade.

Con esta obra tamén podemos traballar valores como a amizade, a solidaridade ou o respeto. Neste caso, atopámolo nos compañeiros de Fina que, sabendo a discapacidade que agora padece, sempre se preoucupan por axudala e por adaptarse ás súas novas necesidades, por exemplo creando o xogo dos piratas polo feito de que Fina semelle unha muller pirata coa súa nova pata de pau. Tamén por parte da mestra, quen lles proporciona solucións á gran maioría de problemas ou obstáculos que se lles presentan aos alumnos. O feito de cooperar entre todos.

En último lugar, a motivación persoal. O feito de buscarlle sempre o lado positivo ás cousas, aínda que pensemos que non hai parte positiva, que é todo malo. É unha cuestión que considero moi importante e, polo tanto, que se debe traballar dende pequenos co propósito de que os alumnos e alumnas se sintan máis seguros de si mesmos.

Entre os recursos en liña a salientar sobre a obra son os seguintes: O primeiro é un breve vídeo no que Helena Villar Janeiro, a autora da obra, explica a importancia que ten concienciar aos nenos e nenas dende pequenos de cuestións como poden ser a morte ou a perda, polo que se trata dunha reflexión da propia autora sobre a súa obra. Villar Janeiro, Helena. (26 de setembro 2019). Fina, a pirata. Nós televisión. Recuperado de: h ttps://nostelevision.gal/fina-a-pirata/

En segundo lugar, atopamos outro vídeo no que na libraría Couceiro, situada en Santiago de Compostela, dúas mulleres conversan sobre a obra da que estamos a falar; Fina, a pirata. Nesa conversa destacan por exemplo os valores que se traballan nela como a amizade, a cooperatividade… e tamén fan referencia á autora do libro, Helena Villar. Libraría Couceiro: Fina a pirata. (11 de setembro de 2019). El Correo Gallego. Recuperado de: h ttps://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/libraria-couceiro-fina-pirata-CQCG12023 4 7


Alba Prado Blanco

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...