Villar, Helena e Costas, Ana (2017). Contos do Sol e da Lúa. Santiago de Compostela: Alvarellos Editora, 76 pp. (ISBN: 978-84-1646-017-5).
Este libro nada máis miralo decatámonos de que presenta un formato apaisado e as tapas brandas e suaves. Esta obra está conformada por unha serie de contos que están creados para ler a soas ou en familia. Na cuberta atopámonos cunhas imaxes que axudan a inferir algunhas das temáticas que abordan os sete contos do interior. O título vese seguindo a silueta da lúa e situado no centro da cuberta, achegándose cara á parte posterior da mesma. Xusto debaixo, observamos unha lúa, á súa esquerda o sol e na parte inferior da cuberta aparecen diversos personaxes que aparecen nos contos. O nome da autora e da ilustradora aparecen na parte superior da cuberta. Na contracuberta atopamos varios personaxes e algúns obxectos, que despois atoparemos ao longo da obra. Xa na portada observamos o título da obra coa mesma forma que na cuberta, pero como ilustración só aparecen unhas follas.
Respecto ao formato do interior do libro, podo dicir que en cada conto aparecen varias ilustracións que axudan a poder entender mellor a historia. Estas ilustracións, creadas por Ana Costas, están compostas especialmente para o alumnado de Educación Primaria, fomentando o interese pola lectura.
Dende o punto de vista argumental, os sete contos tratan dos principios da ética educativa. Entre estes destacan os valores cívicos da solidariedade, da igualdade na integración das diferenzas ou o coidado do medio natural. Esta obra está escrita para que sexa atractiva para os lectores e as lectoras infantís; son historias fantásticas que se alternan con outras que tratan a realidade complexa na que viven os nenos e as nenas galegas na actualidade.
Os sete contos conteñen o seguintes títulos: “Unha mañan de Chuvia”, “Viaxe a Cogomelia”, “O corzo Branco”, “Os tres regalos dos Reis”, “Coas alas de Kovar”, “A auga do lago Bled” e ” As historias de Anahí”. De comentar algún deles, dicir que por exemplo no conto “Coas alas de Kovar”, obsérvase como se traballan os valores cívicos de solidariedade. Neste conto Kovar é un neno que chega dende outro país a un colexio novo. Xa na aula, Kovar senta diante de todo xunto con Xermán, un neno que ten unha enfermidade nos músculos. Estes dous alumnos, co paso do tempo, forman unha grande amizade, xa que Kovar axuda en todo a Xermán, en particular cos seus problemas para andar coa cadeira de rodas. Ao longo da historia Kovar segue axudando a Xermán e ao mesmo tempo faise amigo de toda a clase, coa que finalmente crea unha orquestra de música.
As ilustracións neste libro teñen a mesma importancia ou incluso máis que o texto, desta forma as imaxes recrean o contido do texto. As ilustracións nestes contos son realistas, xa que indican o que acontece na historia. Sobre estas ilustracións cómpre salientar que o ilustrador fai uso de moitas cores, tanto brillantes coma escuras, que dan énfase e axudan a comprender a historia do conto.
Entre as potencialidades da lectura desta obra dirixida para un público de entre 6 e 12 anos, salienta a reflexión sobre diversos valores cívicos que debemos ter no noso día a día. Entre estes valores destacan a solidariedade, o respecto, a humildade e a cooperación. Por exemplo no conto de “Coas alas de Kovar”, Kovar e Xermán axúdanse en todo momento, mostrando o valor da solidariedade e a cooperación un polo outro.
Considero que os contos son algo moi importante para os nenos e nenas nesta etapa, xa que estimula a memoria auditiva, visual e a rítmica. Os mestres e mestras, temos un papel moi importante, xa que non é nada sinxelo espertar ese gusto pola lectura no alumnado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario