xoves, 7 de xaneiro de 2021

Dúas bágoas por Máquina

    A obra literaria escollida para a Educación Primaria é a primeira edición de Dúas bágoas por Máquina. É froito do traballo de Fina Casalderrey e contén ilustracións de Lino Fernández. O libro foi publicado por primeira vez por Edicións Xerais de Galicia no ano 1992, en Vigo (Galicia). Obtivo numerosos recoñecementos como o Premio Merlín de Literatura Infantil, en 1991.

Casalderrey, F. (2017). Dúas bágoas por Máquina. Ilustrador Lino Fernández. Vigo: Edición Xerais de Galicia, col. Merlín, 120 pp. (ISBN: 978-84-8302-565-9).

O volume presenta un formato da obra convencional, un libro de 19x14, escrito en prosa, feito para ler en vertical. O texto, escrito cunha letra acorde aos lectores/as ao que vai destinado, está acompañado de fermosas ilustracións que lle confiren unha maior forza expresiva ao relato. Na cuberta predomina a cor laranxa e verde. Na parte superior atópase o título en letras grandes e de cor negra. Debaixo deste hai un debuxo dunha nena que abraza un can marrón.

Dúas bágoas por Máquina conta a historia da grande amizade entre Xusta e o seu can chamado Máquina. O can xa desaparecera antes, pero nunca tardara tanto en regresar. Xusta non é quen de soportar máis a dor que lle produce pensar que ó seu amigo pódelle estar pasando algo malo e decide ir buscalo. Na súa casa, todos menos o seu defunto avó, teñen certa manía a Maqui, polo que a nena  lle pide axuda a Moncho, o seu irmán, que aínda que non ten moito interese en recuperar o can, acepta axudar a Xusta.

A busca é un completo desastre. Non o atopan e aínda por riba forman un gran rebumbio na escola e na propia vila. A nena atópase desesperada. Non entende como o seu leal amigo non regresa á casa. Os días pasan e de súpeto nunha conversa familiar á avoa (a cal lle tiña xenreira ao can) escápaselle que o pai, que quedara no paro, abandonara a Máquina no alto dun monte. A pequena Xusta séntese traizoada e ata que non van buscar o can ao lugar onde o deixou o seu pai, non o perdoa. Porén, o seu amigo non se atopa alí.

Un bo día, á saída do colexio, chega o esperado reencontro; Xusta ve ó lonxe ao seu can correr na súa dirección. Marchan a casa e os dous viven grandes aventuras xuntos. O final de Maqui chega cando o coche do panadeiro está a piques de atropelar á avoa e entón, el tira coa avoa para salvala, con tan mala sorte que o coche o mata. Pasado o tempo, Xusta chegará a ser unha gran veterinaria e aínda que compartirá a súa vida con outros cans, nunca ningún se parecerá ao seu Máquina.

O relato acompáñase das ilustracións de Lino Fernández. Son uns debuxos sinxelos e expresivos, feitos con tonalidades negras e grises. Os aspectos que se queren resaltar están en cores azuis. Algunhas das ilustración son a páxina completa e outras ocupan un anaco desta.

Dende o meu punto de vista, a obra escollida é un recurso axeitado para traballar cos nenos e nenas de quinto e sexto de educación primaria. Na historia, móstrase a importancia de diversos valores que todo alumno/a nesta etapa debería interiorizar. Por unha banda, a amizade. Xusta e Máquina coa súa relación, ensinan a importancia de ter un ou unha compañeira de vida que te queira, te coide e que sirva de refuxio en situacións complicadas. Ademais, ámbolos dous preocúpanse pola seguridade e felicidade do outro. Por outra banda, a fidelidade. Por moito tempo que pase, Xusta non é quen de se esquecer do seu amigo e non deixa de buscalo a pesar das adversidades. Tampouco quere outro can porque sabe que ningún podería ocupar o lugar de Maqui.

Outra ensinanza importante deste relato é o respecto polos animais. É necesario que nenos e nenas sexan capaces de desenvolver un sentimento de coidado e agarimo por estes. Deste xeito, seremos quen de crear unha sociedade onde o sufrimento e o maltrato animal se teña en conta.

A valentía é outro valor que se manifesta nesta obra. Xusta ignora o medo que sente ante as situacións de perigo ás que se enfronta, xa que ten claro o seu obxectivo: atopar a Máquina. O can tamén pasa por alto varios perigos co fin de protexer e evitar que a nena sufra.

En canto aos recursos, salientar o blog dun centro de Cangas onde alumnos e alumnas comparten as súas valoracións sobre o libro: http://unmontedeideas.blogspot.com/2011/01/duas-bagoas-por-maquina-e-unha-preciosa.html; tamén o vídeo no que Fina Casalderrey le algúns fragmentos de Dúas bágoas por Máquina con unha alumna: h ttps://blog.xerais.gal/duas-bagoas-por-maquina-lido-pola-sua-autora-fina-casalderrey-video- d e-trafegando-ronseis/. Por último, facer referencia a un recurso da páxina de Anaya onde se presenta un documento con varias actividades sobre comprensión lectora.

h ttps://recursos.grupoanaya.es/catalogos/proyectos_lectura/IJ00251701_9999999954.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...