domingo, 10 de xaneiro de 2021

Vagabundo

 



Lalín, David (1989). Vagabundo. Barcelona: Sotelo Blanco Edicions, col. A Porta, nº5, 22pp. (ISBN: 84-7824-037-3)

A obra escollida para este traballo é Vagabundo, escrita por David Lalín. É unha obra que lle mercou miña nai a miña irmá para aprender a ler, e que eu herdei uns anos máis adiante.

Dende o punto de vista do formato, a obra presenta un formato regular e con tapa branda. Na parte superior da cuberta observamos a imaxe dun neno e o seu amigo o triángulo, o título do libro, autor e ilustradora e a editorial na que se editou o libro. Na contracuberta aparece toda a información sobre o libro, un breve resumo, e o resto de obras que presenta o autor de acordo con este formato.

O conto fálanos da historia de Fuco, un neno ao que lle gusta moito viaxar. Un día queda sen ideas e a nai dálle un libro do seu tío que o inspirará para viaxar a lugares inesquecibles. Alí coñece a moitos novos amigos e amigas, pero por diversas razóns ten que abandonar cada un dos lugares nos que se atopa. Ao volver á casa ensínalle á nai os recordos de todos os sitios que visitou e explícalle cada unha das aventuras que viviu.

As ilustracións deste libro teñen unha grande importancia, principalmente é un libro para aprender a ler ou para mellorar a fluidez lectora, polo que as ilustracións xogan un papel moi importante. En primeiro lugar aparecen sempre na páxina dereita, polo que o primeiro que ven os nenos e as nenas é a ilustración, o que lle permitiría ler o libro sen necesidade do texto. En segundo lugar, as ilustracións axudan ás persoas que lemos o libro a viaxar co protagonista e a sentir o mesmo que sente el en cada un dos mundos que visita, incluso chegamos a meternos na súa pel cando vai a mundos onde o mancan ou onde están tristes, transmitíndonos esa mesma sensación. Ademais, as imaxes aparecen con cores moi vivos, o que nos fai sentir aínda con maior claridade ese mundo imaxinario. Todo o libro está ilustrado por Àngels Castelltort.

Entre as potencialidades da lectura desta obra podemos destacar a fomentación da lectura e a motivación a nenos e nenas. Baixo o meu punto de vista esta é unha obra moi importante porque visualmente potencia a lectura, xa que tanto as ilustracións como a contracuberta atraen e animan chaman a descubrir as accións que van pasar ao longo da historia. Non é unha obra moi ampla e está adaptada para ser traballada en idades do primeiro ciclo de Educación Primaria, xa que ten unha lectura sinxela e clara. Tamén me parece importante para traballar a creatividade, antes de ler o libro nenos e nenas poden crear a súa propia historia a partir das ilustracións e despois poñer unha en común e incluso chegar a presentala en conxunto. Unha das cousas máis importantes que presenta este libro é que está escrito en galego, xa que a maioría de libros que se lle dan a nenos e nenas para aprender a ler están en castelán e penso que o fomento da lectura na súa lingua e o traballo sobre esta debe ser máis continuo e valorado do que está sendo ata o momento actual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...