domingo, 3 de xaneiro de 2021

Ás de mosca para Anxo

 Casalderrey, Fina e Uhía, Manuel (2002). Ás de mosca para Anxo. Vigo: Edicións Xerais, col. Sopa de Libros, n 6, 144 pp. (ISBN: 978-84-8302-863-6).


A obra escollida foi Ás de mosca para Anxo, un relato infantil recomendado para o alumnado dos cursos máis altos de Educación Primaria, ilustrado por Manuel Uhía e escrito pola autora galega Fina Casalderrey. Cabe destacar que este relato foi a miña lectura obrigatoria en 6º de Educación Primaria na materia de Lingua Galega.

Este volume presenta unha tapa branda, co debuxo dunha nena enriba dun tellado, apoiada na cheminea e mirando cara a un lado, coma se estivera na procura de algo/alguén. Ademais, esta cuberta presenta a característica cor verde do borde, propia do rango de idade dos 10-11 anos da colección “Sopa de Libros”. A obra está composta por 32 capítulos breves (de 4 páxinas de media), cunha letra que favorece a lectura dos potenciais lectores/as. Ademais, contén ilustracións, todas elas en branco e negro, simulando a pintura do lapis sobre o papel. Estas ilustracións reflicten a acción que se describe na obra e, aínda que non están moi definidas, grazas á súa gran calidade artística podemos pórlle cara aos personaxes da obra. 

Dende o punto de vista do contido, esta obra que comeza “in extrema res” trata dunha nena de 11 anos con necesidades especiais, Estrela Canedo, que comeza o curso nun novo colexio, onde a súa relación cos seus compañeiros de clase non é precisamente boa, xa que ninguén lle fai moito caso. Un día na clase ábrese un debate sobre a liberdade debido á noticia do secuestro dun empresario. O alumnado expresa a súa opinión de diferentes maneiras (poemas, redaccións, contos..) pero Estrela, despois dun malentendido coa súa nai, comeza a pensar que a persoa secuestrada é o seu pai (quen está en Alemaña por traballo) e escribe unha carta aos secuestradores para que o traten ben. Esa carta emociona a toda a clase e entre todos deciden enviala aos xornais como apoio para que solten ao empresario secuestrado e, de súpeto, o día que a carta foi publicada no xornal O Oeste, Estrela desaparece. Os seus compañeiros buscárona sen parar e, despois de dous días desaparecida, Estrela aparece enriba do tellado, lugar ao que adoitaba ir con frecuencia. Ingresárona no hospital, xa que levaba días sen comer nin beber e cando chegou o seu pai, que regresara neses dous días, Estrela sentiu que con ese sacrificio conseguira o seu obxectivo (xa que cría que se realizaba algo importante, os secuestradores soltarían ao seu pai). Días despois desta desaparición, os xornais denominaban a Estrela como “deficiente mental”, o que causou controversia entre a súa clase. Os seus compañeiros e compañeiras, que xa lle colleran un cariño especial a Estrela, decidiron enviar unha carta ao director do xornal alegando que non podían denominar “deficiente mental” a unha compañeira súa, senón que era moito máis intelixente do que os adultos pensaban e que debería ser tratada como se merecía. 

Coa lectura deste relato e grazas á súa fácil comprensión e á posibilidade de empatizar cos personaxes da obra,  o alumnado pode potenciar o seu amor á lectura. É unha boa oportunidade para que os nenos e nenas, xa dende pequenos, teñan un certo coñecemento sobre autores galegos, podendo presentar os seus logros máis importante e algúns dos seus títulos máis destacados. 

Con esta obra pódense traballar diferentes aspectos: primeiramente, podemos tratar a superación das dificultades, a confianza en si mesmo e o espírito aventureiro, xa que Estrela non ten en conta as súas propias necesidades especiais para fuxir da casa e conseguir todo o que se propón (a liberación do empresario secuestrado). Tamén podemos tratar as relacións humanas, tanto na escola como na casa, a amizade, a inocencia ou a solidariedade, temas presentes ao longo da obra que se relacionan directamente coa propia protagonista.  Outro tema importante a tratar é a integración e a diversidade, xa que, como mencionei anteriormente, a protagonista desta historia ten necesidades especiais. É un tema transversal que pode traballarse na aula falando co alumnado sobre o comportamento dos compañeiros e compañeiras de Estrela, co fin de que se decaten do que está mal e traten de evitalo se teñen a oportunidade nun futuro.

Por último, destacaría que existe a tradución desta obra ao castelán, ademais de diversas noticias en xornais coñecidos sobre a súa publicación, xa que foi a primeira obra escrita despois de que a autora tivera acadado o Premio Nacional de Literatura Infantil co relato O misterio dos fillos de Lúa
















Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...