venres, 1 de xaneiro de 2021

Rubicundo

 Para a realización deste traballo seleccionei o libro Rubicundo de María Canosa coma segunda proposta de obra literaria para educación primaria.  O motivo da elección foi que despois da lectura do relato, considero que ten moitos temas que traballar, e que pode chegar a motivar o gusto pola lectura en nenos e nenas. Está recomendada de nove anos en diante, co cal, a partir de terceiro de primaria podemos comezar a presentalo. Ademais esta obra foi finalista do Premio da XXIX edición do Merlín de Literatura Infantil en 2014.


Canosa, María (2015). Rubicundo. Ilustradora Nuria Díaz. Vigo: Edicións Xerais (3ª edición), colección Merlín, 85 pp. (ISBN: 978-84-9914-821-2).


Con respecto ao formato do libro, presenta unha tapa branda e está composto por 85 páxinas, que se len a través da sucesión das mesmas e de esquerda a dereita, non hai desdobrables nin elementos que corten esta sucesión. Non existe unha división por capítulos durante a obra, porén aparece unha separación máis ampla do normal, o que fai que comece o seguinte parágrafo coa primeira letra en grosa, cada unha ou tres follas. Todo o fondo da cuberta é unha ilustración dun dos personaxes principais da obra, xunto co seu gato, nunha noite escura. Ademais, o título da obra xunto co nome da escritora e ilustradora atopámolos nun cadro coa letra de cor negra e fondo branco, xusto encima atópase o nome da colección e na esquina esquerda o da editorial. Na contracuberta, enriba dun fondo amarelo, temos unha pequena sinopse da obra, o código de barras e o nome da editorial. Tamén podemos ler que foi unha obra finalista no Premio da XXIX edición do Merlín de Literatura Infantil en 2014 e que está recomendada de 9 anos en diante. No interior non ten gardas e o texto está situado no medio da páxina (a excepción das que presentan ilustracións), de tamaño acorde co potencial lectorado.

Dende o punto de vista do contido, este relato conta a historia dunha nena, chamada Erea, que todas as noites vixía ao seu veciño. De tanto facelo, sabe a roupa e os lugares que visita, como o café, pero o que realmente intriga á nena é o que fai o seu veciño Rubicundo polas noites. Sempre que se asoma á ventá, víao cunha caixa de madeira nunha bicicleta un tanto estraña e un paraugas. O percorrido que facía cada noite coa bicicleta partía dunha póla dunha árbore ata ascender, mais ela non sabía que facía entre que se ía e regresaba. Estivo moitos días intentando pillar a Rubicundo na súa volta para ver se así descubría o seu oficio, e aínda que non foi unha tarefa doada, logrouno. Porén, cando por fin viu chegar á casa ao seu veciño non lle proporcionou ningunha pista de a que se podía dedicar aquel home malhumorado. Polo momento só sabía que non volvía polo aire e que sempre o facía cun paraugas estragado. Erea non perdeu a esperanza e continuou intentando saber cal era o oficio de Rubicundo, así que ideou un novo plan. Aproveitando que o seu veciño saía de casa, a nena interrompeuno cun agasallo na man. Ao principio Rubicundo non lle fixo caso e ignorouna, mais cando se decidiu a abrilo e viu que era un paraugas botou a rir. Finalmente o veciño convida a Erea a pasar a tarde xuntos e foi entón cando confesa a súa profesión. Rubicundo é cosedor de ventos e tras unha longa conversa sobre o traballo e a familia, todas as incógnitas se resolven e o malhumor do seu veciño desaparece grazas á simpática Erea.


Na obra non encontramos ilustracións en todas as páxinas pero si que aparecen algunhas que acompañan a historia que se narra. Delas non depende o sentido da historia, é dicir, pódese entender a trama do libro sen a necesidade das imaxes, aínda que estas reflicten perfectamente o que se nos está a contar. Desta maneira podemos encontrar imaxes en cor que ocupan unha páxina completa, unha e media, dúas ou pequenos debuxos incorporados en espazos diversos ao longo do libro. A través delas podemos crear unha imaxe tanto da nena protagonista como do seu veciño. Neste tipo de imaxes podemos ver que para pintar á nena, empregáronse cores cálidas e intensas mentres que pola contra vemos que para Rubicundo se empregaron cores máis escuras. Tamén aparecen outros personaxes como a nai de Rubicundo, o seu gato ou o camareiro do café. Finalmente temos, na parte superior das páxinas, follas de árbores movidas por un vento que aparece por primeira vez na primeira páxina e retómase na última.


A través desta obra os nenos e as nenas poden potenciar o amor pola lectura, ao ser un relato cheo de misterio que incita a seguir lendo para descubrir que novidades esconde a seguinte páxina. Nunha aula de primaria poderiamos traballar valores como o respecto polos demais ao ver como Rubicundo a pesar de ser un home malhumorado e vello, remata por ser un home simpático cando Erea, a pesar de ser unha nena, intenta comprendelo. Tamén podemos traballar valores como a familia ou a amizade, que toma un valor moi importante ao final do libro. Aprenden tamén a seguir mantendo a curiosidade característica dos nenos e nenas, pois a protagonista actúa desa maneira polo seu desexo de saber e aprender cousas novas. Por último, a través desta historia traballamos a importancia da perseveranza, pois a persistencia que mantén a nena ao longo da historia, a pesar de que os seus plans non sempre saian ben á primeira, é digna de aprender. Grazas a iso podemos ver que se somos constantes en algo pode dar resultados, que non nos rendamos cando temos un obxectivo que cumprir.


En relación aos recursos en liña de acceso aberto sobre a obra, hai unha ficha de lectura, onde aparece información básica sobre a autora, a ilustrada e os valores. Ademais incorpora actividades para que os lectores realicen antes e despois da lectura. O enlace é o seguinte: https://www.xerais.gal/catalogos/proyectos_lectura/XG00236101_9999975279.pdf 

Por outra banda se buscamos no blog da editorial atopamos diversos recursos como por exemplo a noticia de que o libro vai ser representado como teatro por unha compañía galega (https://blog.xerais.gal/a-compania-ghazafelhos-representa-rubicundo-en-vigo/ ), que se vai presentar na Feiria do Libro de Cee (https://blog.xerais.gal/presentacion-de-rubicundo-na-feira-do-libro-de-cee/ ), recensións críticas da obra (https://blog.xerais.gal/a-procura-de-respostas-rubicundo-de-maria-canosa-finalista-do-premio-merlin-2014/, https://blog.xerais.gal/unha-fabulacion-que-enche-rubicundo-de-maria-canosa/  ) e críticas e novas sobre esta, que podemos atopar neste enlace: https://blog.xerais.gal/search/rubicundo/page/1/?s=rubicundo 

Tamén, en Youtube, aparece a obra de teatro completa que representa o libro neste enlace https://www.youtube.com/watch?v=XfbBBAJAgsk 

Na mesma plataforma hai un vídeo dela contando a nenos e nenas dun colexio a orixe da obra e dos personaxes, explicándoo de manera sinxela para que a poidan comprender, e podemos ver o recurso audiovisual neste enlace https://www.youtube.com/watch?v=3bHF-9YX-MY 

Entre os recursos en liña tamén encontramos o seguinte blog: O recuncho de Paula, no que aparece un vídeo no cal os nenos e nenas fan de booktubers e falan sobre aspectos do libro e recomendan a súa lectura. O enlace é http://orecunchodepaula.blogspot.com/2018/05/rubicundo-de-maria-canosa-ilustracions.html 

Por último nos Informes de literatura (http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2015/Informe_Literatura_2015.pdf ) pódese atopar a descrición e recepción crítica nos medios xornalísticos galegos durante o ano 2015.




     

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...