Estévez, Xavier (2018). Avións de papel. Ilust. Marcos Viso. Vigo: Edición Xerais de Galicia, col. Merlín, n.º261, 200 pp. (ISBN:978-84-9121-190-7).
Trátase dun libro cunha cuberta branda e unha encadernación rústica con solapas, ten 200 páxinas e un tamaño de 19x14 cm. A cuberta do libro ten unha serie de elementos coma o debuxo da sombra dun paxaro sobre unha rama e o nome “Merlín” na parte superior, que identifican a colección á que pertence a obra; debaixo aparece un rectángulo de cor branca co nome do autor, do ilustrador e o título do libro; mentres que na parte inferior aparece o nome da editorial. Na ilustración principal pode observarse un edificio por dúas caras, nunha cara dálle o sol e na outra aparecen uns avións de papel de cores voando, predominando as tonalidades de cor azul e amarelo principalmente. No lombo aparecen o número da edición, así como o logo da editorial, o nome do autor e o título.
Na contracuberta predomina o ton azul, cunha caixa laranxa na parte inferior esquerda, nela aparece a idade recomendada que é a partir dos 11 anos; no resto da contracuberta aparece un texto cunha breve sinopse do libro. Na zona inferior aparece un cadrado branco co código de barras co ISBN e o nome da editorial. Tamén na segunda metade aparece unha frase que di que foi finalista dun premio Merlín en 2016. Finalmente, as cubertas contan con solapas. Na dianteira aparece unha fotografía e unha breve biografía do autor e do ilustrador; na traseira aparecen os últimos títulos da colección para o lectorado de 11 anos.
O argumento da obra xira ao redor de Lucas e Sara, os protagonistas da historia. Lucas xa vira varias veces como dunha das fiestras no noveno andar sae voando un avión de papel á mesma hora todos os días. Un día decídese ir a ver de quen son e coñece a Sara, unha nena que se encontra en cadeira de rodas. Os rapaces son nenos de sexto de primaria que dende o primeiro momento se levan moi ben. Lucas ten problemas no colexio por que se sente invisible ata que chega Lara, a súa nova mestra. Sara, por outro lado, nunca sae de casa máis que para ir ao colexio, é unha nena á que lle encanta debuxar e escribir poemas e cunha infancia un pouco dura debido ás visitas ao hospital e a morte do seu pai cando era pequena.
No barrio empezan a aparecer “grafitis” feitos por un tal Hopper. Á maioría da xente gústanlle moito as pintadas, pero o alcalde quere borralas e descubrir quen é o autor. A raíz deste feito, cambian as vidas dos nenos ao intentar descubrir quen é Hopper antes de que o faga a policía para advertirlle do perigo.
O libro ten varias ilustracións que serven de apoio á historia, aínda que esta non perdería o sentido se se eliminasen xa que a maioría de elas son a modo de banda deseñada, ilustrando algunhas escenas da obra. Todos os debuxos aparecen coa mesma forma excepto dous. A maioría aparecen nunha cara enteira e teñen tons azuis, amarelos e vermellos e, como se mencionou antes, exemplifican escenas da historia. Por exemplo, na primeira ilustración aparece a escena onde Lucas vai timbrar ao piso de Sara por primeira vez para buscar quen é o que fai os avións de papel. Trátase dunha ilustración con cinco imaxes: na primeira aparece a praia dende o ceo, debaixo, á esquerda as ventás do edificio e á dereita o portal, por último, nas dúas inferiores aparecen á esquerda un avión de papel e á dereita unha man pulsando o piso nove. Por outro lado, aparecen dúas imaxes de maior tamaño, xa que ocupan dúas follas cada un, na primeira aparece unha pintada de Hopper e na segunda uns edificios con pintadas.
Esta obra pode ser moi interesante para traballar na aula co alumnado, pois trata principalmente sobre a amizade e sobre os problemas de acoso escolar que pode haber no colexio. Tamén se tratan, aínda que de modo máis secundario, os prexuízos contra a arte urbana. Coa lectura pódese reflexionar sobre a importancia de tratar ben aos demais e ser máis empáticos, ademais da relevancia das figuras de mestras e mestres, moi importantes na vida da infancia. Por outro lado, tamén se trata o tema da morte e das enfermidades que teñen as persoas como a invalidez e como enfrontalas e non ter medo por ser diferente.
Polo tanto, a lectura de obras ficcionais que abordan problemáticas propias da infancia e que permiten reflexionar de modo crítico sobre elas son de interese para fomentar valores de respecto, ao empatizar cos personaxes e comprender as consecuencias que padecen nas súas vidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario