Distancias
ANDRÉS, Tamara
e VISO, Marcos (2020). Distancias. Vigo: Galaxia, 64 pp. (ISBN: 978-84-9151-441-1).
Este libro ten un formato pouco
estándar. A súa forma é a convencional pero a forma de lelo non. A diferenza da
maioría de libros, que se len en vertical, este lese en apaisado,
característica que indica a vontade dos autores de romper cos convencionalismos.
As súas tapas son duras e de cor branca. No centro da cuberta podemos observar
un debuxo dunha cadeira negra sobre un elemento de cor vermella que aparecerá
en máis ocasións no interior do libro. Aos lados deste aparecen os nomes dos
dous autores escritos en negro e en maiúsculas e debaixo o título do libro en
letra máis grande. Por último no centro da parte inferior está o logo de
Editorial Galaxia. Na contraportada aparece unha ilustración rodeada por un
verso, imaxe que atopamos tamén no interior lo libro. E un logo da Editorial
Galaxia diferente ao da cuberta.
A portada ten o mesmos formato cá
cuberta só que nesta ocasión a ilustración utilizada é un ollo negro coa pupila
vermella. Ademais na parte superior da folla aparecen dúas citas feitas polos propios
autores do libro.
O formato interior do libro é
apaisado e a dobre páxina. A ilustración e o verso que compoñen cada unha das
páxinas ocupan en realidade dúas caras contiguas coma se fosen unha única
folla. As imaxes de Marcos Viso incítannos a fixar a nosa mirada nos obxectos
da vida cotiá, os cales se superpoñen cos versos de Tamara Andrés. Cabe engadir
que só empregaron tres cores (negro, branco e vermello) á hora de elaborar o
libro tanto para os debuxos coma para os versos.
Neste libro-obxecto as ilustracións
teñen a mesma importancia que os versos, ambas interactúan e dialogan no mesmo
plano. Compleméntanse e danse sentido mutuamente, non coma nos libros
convencionais onde, en moitas ocasións, os debuxos son unha interpretación
literal do texto. Os versos son moi breves, expresan ideas soltas. As
ilustración son claras, sinxelas e dicromáticas, xa que para debuxar só emprega
o vermello e o negro xogando co branco do fondo. Na maioría de debuxos o texto
segue a silueta da imaxe ou aparece superposto con ela, en ocasións chega
incluso a introducirse nela. Estas ilustracións guían a interpretación e
continuación dos versos, xa que en ocasións cos non versos é suficiente. Cómpre
engadir que as diferentes orientacións e localizacións dos versos obrigan á
continua manipulación do libro variando entre o eixo horizontal e vertical.
No referido ao contido, a autora
preséntanos a súas propias vivencias a través dos versos e as ilustración. Fai
referencia ás limitacións da memoria humana e relata as súas experiencias nas etapas
de Educación Primaria e Secundaria, onde fala de si mesma e das súas lembranzas;
de como estas afectan ao seu eu poético actual. A historia que contan proponnos
realizar un exercicio de introspección, revisando as nosas vivencias e
inquedanzas, polo que a idea que a autora quere transmitir nun primeiro momento
pasa aos lectores facendo a estes protagonistas da lectura.
Este volume non está recomendado
para ningunha idade en concreto, de feito nas páxinas web das librarías aparece
no apartado de novelas cando nós estamos a traballalo para a idade de Educación
Primaria, é dicir nenos e nenas de entre seis e doce anos. Tal e como expresou
o propio Marcos Viso, na entrevista que lle fixemos algunhas compañeiras da
clase, os seus libros dan moito xogo, xa que aínda que por ser álbums
ilustrados parecen para idades máis novas as ideas que expresa neles dan moito
en que pensar e poden aplicarse e adaptarse a ámbitos moi diferentes da vida
cotiá independentemente da idade que teña o lector.
Considero que este libro ten moitas
aplicabilidades en Educación Primaria. En primeiro lugar para traballar a
cultura e educación visual cos nenos e nenas, xa que este é un ámbito pouco
tratado na nosa sociedade. En segundo lugar sérvenos para introducir ao noso
alumnado na poesía. O feito de que os versos que aparecen sexan tan breves
fainos máis atractivos, más doados de entender e sobre todo dan vía libre á
interpretación, logrando así que o proceso de identificación do lector coas
ideas que quere expresar o libro sexa máis sinxelo. Ademais a continua
aparición de elementos cotiáns logran que a visualización dos conceptos que o
libro pretende expresar sexa máis fácil para os cativos e cativas.
Non atopei ningún recurso en liña sobre este libro para poder utilizar co alumnado de Educación Primaria. Mais si existen múltiples páxinas con comentarios e críticas sobre este libro-obxecto que tratan a súa trama e a suposta finalidade do libro. Case todas elas gaban o labor dos seus autores, como logran que o libro interactúe co lector facendo que este sexa o protagonista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario