Muriel
Canosa, María e Cobo, Lucía (2017). Muriel. Vigo: Xerais, col.
Merlín, n.º 264, 192 pp. (ISBN: 978-84-9121-274-4).
Para comezar, analizaremos o formato
da obra. Na cuberta aparece un debuxo de gran tamaño dun neno enriba dun raposo
no ceo, o título da obra, o nome da autora e o da ilustradora. O nome da autora
está situado por riba do da ilustradora e o tamaño da letra é maior. Tamén
atopamos o logotipo da editorial na parte inferior e un pertencente á colección
na parte superior. Por outra banda, na contracuberta atopamos un breve resume
da obra, un premio que lle foi concedido e o logotipo da editorial de novo.
Conta con 192 páxinas, con moita
máis letra que ilustracións e as tapas son brandas, tanto a cuberta como a contracuberta
conteñen lapelas. Na lapela inicial observamos un breve resume da autora,
mentres que na final atopamos o nome doutras obras da colección. As
ilustracións son escasas pero moi visuais, as cores empregadas son bastante
vivas e rechamantes. A letra é fina e redonda.
A historia comeza relatando os
problemas de sono de Muriel, un neno que vive nunha vila de Cantabria case sen
ningún neno e nena. Dende que marchou a súa avoa, o rapaz bótaa tanto de menos
que xa non durme nin toma o leite quente pola noite. Un día aparece un leiteiro
na porta da súa casa, o que impresiona a Muriel e decide probar o seu leite. No
fondo das botellas o leiteiro deixáballe misteriosas mensaxes que lle chamaban
moito a atención, polo que un día decidiu observalo dende unha árbore. Mentres
o agardaba, apareceu o raposo, o cal acaba sendo un grande amigo do
protagonista. Muriel e o raposo querían coñecer moito máis, así que un día
seguen unha botella pendurada dun globo. Este lévaos por lugares descoñecidos
da súa propia vila, coñecendo lugares marabillosos nunca vistos por eles. Tras
pasar unha zona con néboa e atravesar unha ponte, chegan a un castelo, o lugar
onde estaba o leiteiro. Alí, o protagonista descobre que, ademais de producir
leite, o castelo era moito máis do que imaxinaban, nel almacenábanse cartas
pendentes de chegaren ao seu destinatario. E así desta forma, descobren tamén a
realidade do leiteiro: era un carteiro que facía chegar esas cartas esquecidas.
Deste xeito, o neno queda tan asombrado que decide acompañar o leiteiro no seu
labor e atópase de novo con vilas e lugares nunca vistos e moi diferentes á
súa. Vilas moi rechamantes e cheas de cores, especialmente de nenos. Para
rematar, un día inesperado, Muriel recibe unha carta da súa avoa. Nela
confésalle que o leiteiro en realidade é o seu irmán, quen a substitúe no posto
de carteira, e tamén revela que el tamén pode ser carteiro e gozar diso. Pero
para poder selo ten que cumprir unha promesa: non contarlle o segredo a
ninguén.
Respecto ás potencialidades da obra
para Educación Primaria, en primeiro lugar é necesario falar do público ao que
está destinado a obra. Muriel encádrase
no terceiro ciclo de Educación Primaria, é dicir, 5º e 6º. A primeira
potencialidade que amosa é a relación interxeracional. Paréceme un punto moi
importante a tratar en Educación Primaria, xa que é un valor imprescindible que
todo neno ou nena debe saber apreciar. O libro amosa esta relación entre Muriel
e a súa avoa e tamén ao final cando mostra a verdadeira relación entre o
carteiro e o protagonista. É un punto primordial hoxe en día, darlle
importancia á familia e todo o que nos rodea.
A segunda potencialidade que observo
é o coñecemento doutros lugares, valorar o descubrimento do mundo máis alá da
nosa realidade. O conto leva ao protagonista por lugares nunca coñecidos, xa
que el case nunca saíra da súa vila e lle resulta moi emocionante. Este aspecto
considero que é bastante importante para que os nenos e nenas teñan gañas de
coñecer, de valorar todo aquilo que está máis lonxe do coñecido.

Ningún comentario:
Publicar un comentario