luns, 11 de xaneiro de 2021

O autobús da selva

 

Uhía Lima,  M. (2008). O autobús da selva. Vigo: Editorial Tambre, col. Ala delta. (Serie vermella), nº 16, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-92404-05-6)


O autobús da selva é un libro impreso en papel con tapas brandas, cun formato de 20 x 18 cm e composto de 40 páxinas. O texto é de Manuel Uhía Lima, que a súa vez é o ilustrador. A lectura desta obra é recomendable para todos os cursos a partir dos 5 anos de idade e considérase unha obra de carácter infantil e xuvenil.


A maior parte da cuberta está ocupada por unha imaxe dunha tartaruga e dun coello nunha fraga. Na parte superior aparece un recadro en vermello co nome da obra, o nome do autor do libro e o nome da colección. Á esquerda dese cadro podemos observar en letra grosa o nome da editorial. A contracuberta está dividida en catro partes de cores brancas e laranxas: no primeiro cadro descríbese a sinopse, á súa dereita móstrase a idade recomendada do libro, na parte inferior esquerda está o ISBN e o código de barras e no último recadro hai unha pequena bibliografía do autor.


Con respecto ao texto, é unha narración moi sinxela e que se entende moi ben coa axuda das ilustracións. Conta cun vocabulario coñecido polos nenos e nenas dos cursos máis baixos de Educación Primaria, polo que o alumnado non terá moitas dificultades á hora da súa lectura. O libro non está dividido en capítulos, e ás veces non aparecen os números da páxina debido a que a imaxe ocupa integramente a folla.


Escollín esta obra debido a que foi un libro que tiven que ler cando ía en Educación Primaria e aínda gardo o libro porque me parece moi importante a mensaxe que quere transmitir o autor do libro, e ao mesmo tempo, que me sentín moi ídentificada cun dos personaxes cando era pequena.


A historia trata sobre Pepa, unha tartaruga que vivía nunha fraga xunto con outras especies animais. Un día, no seu camiño de volta ao seu fogar, Pepa encontrouse cun rato que estaba ferido e que lle pediu que o levase enriba do súa cuncha ata a súa casa. A tartaruga aceptou, aínda que non esta moi contenta co trato. 


Durante o traxecto, moitos animais acercáronse a ver que estaba a pasar, e cando viron aos dous animaliños xuntos, tiveron envexa e decidiron que eles tamén querían subirse na cuncha de Pepa. Ao día seguinte todos discutían para ver quen ía subir primeiro no lombo do que chamaron “o autobús da selva”. Á sufrida tartaruga non lle quedou máis nada que transportar a todos os animais que andaban por alí, entre eles estaban un coello, unha galiña, un porco espiño, un can e ata un león.


Cada vez, os animais que desexaban subir eran máis grandes e pesados. A historia da “tartaruga autobús” chegou ata a elefanta Robustiana, a cal quería montarse enriba de Pepa. Ela rexeitou a súa proposta, mais trala insistencia da pesada elefanta, tivo que dicirlle que si. O rato soubo do mal que o estaba pasando Pepa e tivo unha idea para librarse do gran animal: o rato e maila elefanta fixeron un pacto no que no pequeno roedor non se podía achegar a Robustiana e ela tería que levar a todos os animais que quixesen subir.


As ilustracións, como xa mencionei anteriormente, están feitas polo mesmo autor do libro: Manuel Uhía Lima. Estas teñen moita importancia na historia porque reflicten de maneira especial as emocións dos protagonistas. Case todas as páxinas da obra teñen un debuxo, isto é porque o autor tende a crear primeiro as imaxes có texto, polo que as palabras son as que acompañan ás ilustracións neste caso.  Emprega cores moi variadas, mais chama a atención dos lectores a característica de que o ceo que se contempla nas imaxes, na maior parte delas é de cor amarela e non azul como adoitamos pensar. Tamén destaca na maneira no que o autor reflectiu as diferenzas de tamaño que hai entre os animais, xa que logran o efecto que busca de esaxeración dos elementos. Toda a historia sitúase na súa totalidade nunha localización, a selva, polo que o fondo das ilustracións é moi similar e contén os mesmos elementos: árbores, herba, arbustos, etc.


Como futura docente, considero que este libro será un bo recurso para empregar nos cursos máis baixos de Educación Primaria (1º e 2º) debido a que traballan varios valores que acostumamos ver na vida cotiá do alumnado, como a envexa, a subordinación ou a solidariedade. Este último punto é o máis importante e no que debemos involucrar totalmente aos alumnos e alumnas, facendo diferentes actividades e xogos de rol para que entendan o verdadeiro significado de compartir e de axudar aos seus compañeiros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...