xoves, 7 de xaneiro de 2021

Desventuras dun lobo namorado

        

Casalderrey, Fina (2002). Desventuras dun lobo namorado. Ilust. Manuel Uhía. Madrid: Editorial Galaxia, col. Árbore, 42 pp. (ISBN: 84-8288-571-5).

 

    A obra escollida foi Desventuras dun lobo namorado de Fina Casalderrey recomendada para nenos e nenas dos 9 anos en diante. Escollín esta obra porque se basea nos nosos contos populares e paréceme adecuada para traballar certos valores cos nenos e nenas.

Este relato presenta unha tapa branda e sinxela. O tamaño das letras é grande, polo que é adecuado para a idade e está escrito en prosa. A cuberta componse por dúas cores, verde na parte superior, acompañado do título da obra, e azul na parte inferior, co nome da autora e coa imaxe dun lobo levando a carranchapernas a un raposo. Seguindo o mesmo patrón de cores na contracuberta. Ademais, conta con numerosas ilustracións ao longo do relato. A maioría destas ocupan unha única páxina, pero conta con algunha a dobre páxina. Todas elas caracterízanse pola cor laranxa, acompañada sempre de negro, branco e gris. Mostran unha escena clara e precisa do relato e expresan á perfección o que se narra nel. Isto facilita moito a comprensión do texto. 

En canto ao contido, esta obra chea de humor, trata dun lobo namorado que lle quere demostrar á súa familia, tras a morte do seu pai, que non é parvo, ademais de conseguir namorar á Loba Nova levándolle un agasallo. Pero no camiño vaise atopar cunha serie de dificultades por culpa dun raposo que se aproveita del (come o mel que lle quería regalar á súa namorada, lévao a carranchapernas, come os cultivos plantados polo lobo... por poñer algúns exemplos). Finalmente, o raposo é castigado e o lobo segue co seu obxectivo de namorar á Loba Nova.

No referente ás potencialidades da lectura de Desventuras dun lobo namorado para nenos e nenas de Educación Primaria, dicir que é recomendada a partir dos 9 anos, polo que se pode traballar a partir do terceiro curso de primaria en diante. Pódese destacar a figura do lobo, do raposo e de Isidro (un labrego humano que ten certa importancia ao final da historia). O lobo ten unha actitude inxenua, é moi manexable. O raposo engánao sempre pola súa falta de información e a súa grande ignorancia, polo que a ensinanza que se pode sacar disto é que coa ignorancia non se chega a ningunha parte, posto que se poden aproveitar de ti e non lograrás os teus obxectivos. 

Por outra parte, o raposo amosa unha actitude astuta, pero á súa vez calculadora e malévola. Aprovéitase sempre do lobo con frases como “Eu de boa gana che axudaría (...) se non fose que estou enfermo da columna. Mentres ti cavas, eu vixío (...)”, “Eu acompáñote, pero xa sabes dos meus problemas de saúde... Se me levases a carranchapernas...”. Ademais, unha vez consegue o seu obxectivo, rise do lobo con cancións coma esta:

O mel era sabedeiro,

Lambín nel ata fartar.

Con coidado, compañeiro,

Que aínda podo rebentar.

 

Tamén o culpa de certas accións que el mesmo fixo e non descansa ata o final da historia, que intenta convencer o labrego de que o lobo quere comer os seus bois. Por iso, é castigado pola súa conduta. Finalmente, Isidro mostra valores de respecto, confianza, reciprocidade, empatía etc. xa que cando o raposo pretende convencelo de que o lobo non é bo elle conta todas as desfeitas que lle provocou, este decide axudar o lobo e “castigar” o raposo por todo o dano que lle fixera. Con todo isto, penso que se trata dunha historia relacionada cos nosos contos populares, que conta con moitos aspectos a tratar nos cursos de Educación Primaria. Ademais, o vocabulario empregado é moi sinxelo e adecuada para a idade e o acompañamento das ilustracións axuda á súa comprensión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...