Aprendemos entre páxinas con Diana Graña Caramés
Formámonos informándonos e coñecendo máis con Diana Graña Caramés, responsable de biblioteca escolar que loita polo fomento da lectura nun colexio do rural
Fai once anos que Diana Graña Caramés comezou a súa andaina no eido da educación; actualmente é docente nun colexio público do rural: o CEIP de Maceda. Ademais, foi a elixida polo equipo directivo do centro para ser a encargada de levar o mando da biblioteca, algo que fai sempre que ten a oportunidade porque lle gusta moito ler e porque se sente verdadeiramente orgullosa.
Así, decantámonos por entrevistar a Diana Graña porque nos parece moi interesante e nos gustaría saber máis acerca dos hábitos lectores do alumnado do centro, os seus gustos e preferencias, as actividades e propostas de lectura tanto da biblioteca do centro como nas propias aulas, se dispoñen de radio escolar, blog propio da biblioteca, se contan co libro viaxeiro e con visitas de autores e/ou contacontos...
A nosa conversa coa entrevistada reprodúcese a continuación.
Diana, que foi o que te levou a ser actualmente a responsable da biblioteca do centro? Foi por vontade propia e interese ou por sorteo? Estás contenta?
Fun proposta polo equipo directivo, aceptei encantada xa que sempre me gustou a lectura e formar parte do equipo de biblioteca. É moi satisfactorio, persoalmente estou moi a gusto e contenta.
Que nos poderías contar do uso que fai dela, en xeral, o alumnado do colexio?
Este ano é un pouco diferente por mor da pandemia que estamos a vivir, pero dende o equipo de biblioteca apostamos por seguir facendo uso dela. Establecemos quendas por días para que cada curso poida ir e facer o empréstito de libros igualmente.
Tanto mestres como alumnos fan bastante uso dela; para documentarse en caso dos docentes, e para lecer por parte dos alumnos. Adoitan levar un par de libros ó mes, como norma xeral.
Deixando á marxe esta situación na que non podemos estar en aglomeracións, normalmente acoden rapazas e rapaces á biblioteca na hora do recreo ou prefiren saír ao patio e adicar o tempo a entreterse doutro xeito? Contades con ordenadores a disposición do alumnado na biblioteca?
En anos anteriores a biblioteca contaba con bastante afluencia nos recreos. Moitos nenos viñan ler nese tempo e outros a facer préstamo de libros.
A biblioteca conta con catro ordenadores, pero son de uso para os mestres; os alumnos poden usalos, se o precisan, acompañados dun mestre.
Destaca en especial o interese dalgún curso ou grupo en concreto por este recuncho do centro? Teñen preferencia por algunha colección de libros, autor… algún clásico?
Sobre todo son os cursos iniciais de Primaria os que máis adoitan ir a biblioteca, xa que cando se inician na lectura teñen máis curiosidade e interese.
Coleccións que sempre teñen éxito son as de Gerónimo Stilton, Kika Superbruja, Isadora Moon, Diario de Greg… Tamén lles adoitan gustar moito os libros da editorial Kalandraka, sobre todo aos máis pequenos.
Durante canto tempo poden gozar os nenos/as do préstamo de cada exemplar? Cantos exemplares poden levar á vez para a casa?
Normalmente o préstamo é de quince días, aínda que se o libro ten moitas páxinas pódese renovar o préstamo. Poden levar ata dous libros para a casa.
Participan alumnos/as de forma voluntaria como delegados da biblioteca para tarefas como a renovación de libros, ordenar andeis, forrar e clasificar libros? Ou, pola contra, é o profesorado quen o fai?
Ata o curso pasado si, e é unha labor que desempeñan moi gustosamente. Son os alumnos de sexto os encargados de ser colaboradores da biblioteca.
Con cantos exemplares conta a biblioteca do centro? Inclúe obras modernas e actuais?
Ao redor duns 10.000 exemplares, entre os que se atopan diversas obras publicadas recentemente.
Conta con libros para todas as idades e culturas? Dispoñedes de obras en outros idiomas que non sexan galego e español?
Si, conta con libros para todas as idades; van dende Infantil, Primaria e libros de literatura e documentación para adultos. Ademais de libros en galego e castelán, temos unha sección de libros en inglés.
Poden os nenos e nenas atopar exemplares que traten temas tabús? Hai libros sobre diversidade? Hai unha selección previa nestas compras?
Entendemos dende o equipo de biblioteca que non hai temás tabú, senón que os temas controvertidos teñen que ser tratados de acordo á idade e o razoamento dos alumnos. Hai libros que tratan da diversidade de xénero, das relixións, das razas… e sempre se mercan pensando en que estean adaptados á visión infantil.
Aínda que este ano non sexa posible, realízanse na biblioteca normalmente obradoiros ou actividades sobre a lectura nas que participen os nenos? Se é así, pódesnos pór algún exemplo?
Adoitan vir diferentes contacontos a dramatizar algunha obra e os nenos adoitan participar e implicarse moito. Algúns dos últimos foron o contacontos Benxa, o cal representou unha serie de contos que ao final resumiu cun debuxo, e os Electrecos (Os Bolechas), contando a historia de que os electrodomésticos vellos ou variados teñen un segundo uso. Porén, os titores tamén acostuman facer animación á lectura.
Pódense atopar murais, exposicións e materiais feitos polo alumnado polos corredores, aulas ou na propia biblioteca sobre as lecturas que se realizan?
Si, normalmente faise un proxecto en común que ten como eixe a biblioteca. Tamén hai na biblioteca libros feitos polos alumnos/as.
A biblioteca ten blog propio? Que tipo de contidos se publican nel? Utilízase como recurso complementario de apoio ao que se fai na aula? Como é o uso que fai del o alumnado?
Non temos blog, trataremos de crealo este curso. Pero na páxina web do cole pódese ver o traballo que se fai na biblioteca, as creacións do alumnado (contos, cómics, murais que decoran os corredores do centro…), así como as visitas de autores e contacontos e tamén moitas fotos e vídeos dos rapaces/as traballando en diferentes proxectos. A finalidade disto é que os propios nenos/as e as súas familias poidan consultar e compartir na casa o traballo realizado no colexio.
A biblioteca está protagonizada por algún personaxe ou mascota atractivo para a animación á lectura? Contades co programa da mochila viaxeira? Se é así, que poden levar os nenos/as nela? Está moi demandada?
Temos unha mascota que se chama Castelix, na honra ao castelo que hai na nosa localidade. Tamén existe un libro sobre a mascota que fala deste castelo e da súa historia.
Tamén contamos co libro viaxeiro e co programa da mochila viaxeira: en cada aula hai dúas, que inclúen un marcapáxinas de regalo e un pequeno peluche de Castelix, unha película, debuxos, 4 exemplares da biblioteca e algún que outro xogo. É do máis demandado no centro. Os nenos e nenas poden levala para a casa durante unha semana. Agora, por mor da pandemia, as dúas mochilas rotan: unha semana viaxa unha mentres a outra queda en corentena. Cada vez que se leva e se devolve ten que ser desinfectada, así como todos os materiais cos que conta no seu interior.
Conta o centro con radio escolar ou con outra ferramenta educativa na que os educandos sexan os protagonistas e relaten e opinen sobre as lecturas? Se é así, que nos poderías contar desta?
Non.
Hai alumnos/as no centro con dificultades específicas de aprendizaxe na lectura? Como se traballa con eles/elas? Hai algún programa ou proxecto específico?
Si, hai varios alumnos/as que presentan dificultades á hora de ler. Estes alumnos traballan para mellorar neste eido cos especialistas de P.T e A.L.
Que nos podes dicir do Proxecto Lector deste colexio?
Que é un proxecto plural que pretende fomentar o gusto pola lectura e o uso dos espazos propios para ela, como pode ser a biblioteca. Tamén atende á diversidade do alumnado.
O centro está no PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares)?
Non.
Adícase tempo a ler na aula todos os días? Canto? En tódalas materias?
O tratamento da lectura é un tema transversal das diferentes áreas que conforman o currículo e, polo tanto, trabállase en todas elas.
Ademais, o mesmo currículo establece que os centros educativos na Comunidade Autónoma de Galicia deben adicar media hora como mínimo á lectura. No caso do noso centro esa media hora facémola de 15:00 a 15:30 horas.
Todos os grupos contan con biblioteca de aula? De que maneira se traballa? Quen elixe os fondos e cada canto se renovan? Como se avalía?
Non todos os grupos contan con biblioteca de aula. Por lei é obligatoria en Infantil, primeiro e segundo de Primaria. No resto dos cursos queda á escolla de cada titor.
Como titora do teu grupo, cres que os teus alumnos/as teñen hábito lector? Que propoñerías para fomentar a lectura neles? Facedes algunhas sesións na biblioteca?
No meu caso, que son titora de 2º, aínda están adquirindo fluidez lectora, e nestes cursos iniciais si amosan gusto pola lectura. Imos á biblioteca facer o empréstito dos libros dúas horas ó mes. Este ano pola situación que estamos a vivir non podemos ir máis.
Proposlles libros de lectura obrigatoria ou daslles liberdade de elección?
Doulles liberdade de elección; o gusto pola lectura debe partir sempre dunha escolla persoal e non dunha imposición.
Que temática de contos lles gusta ler máis? Que tipo de personaxes cres que lles gustan?
Historias fantásticas con personaxes imaxinarios, contos surrealistas, de superheroes, animais…
Traballades a caracterización de personaxes?
Sempre presentamos os personaxes do conto e personificámolos.
Traballades biografías ou materiais relacionados cos autores das obras que ledes? Cales son os autores/as e as temáticas que máis traballades?
A escolla do libro é moi persoal; cada neno interésase por un libro diferente, e é bo que primeiro adquiran gusto por ler e despois se presenten os autores.
Conta o centro con recursos para poder ofrecer visitas de autores que falen das súas obras?
Si, é moi común que veña todos os cursos algún autor a presentarnos a súa obra.
Trabállanse libros específicos en datas sinaladas como o Nadal, o Entroido, o Magosto, o Día da Paz, o Día das Letras Galegas, o Samaín ou o Día do Libro?
Sempre a biblioteca conta cun espazo específico para cada conmemoración e, por suposto, con libros para cada festividade ou conmemoración que se traballa no centro.
Hai algún aspecto que queiras destacar que nós non trataramos ao longo da entrevista?
A adquisición da lectura é un proceso que se debe iniciar cando os nenos están preparados para iso. Debe partir sempre das súas inquedanzas persoais e gustos.
Como mestres debemos inculcar nos nenos ese gusto pola lectura e explicarlles o abano de posibilidades que nos presenta. A lectura non debe ser nunca unha imposición, se non non contaxiaremos nunca o entusiasmo por ela. E, coma sempre, o exemplo é contaxioso. Un neno que le será un adulto que pensa.
Integrantes do grupo:
Yago Vilarchao Cid
Miriam Zorelle Pinto
Ningún comentario:
Publicar un comentario