CARLE, ERIC (2005). A xoaniña rosmona. Pontevedra: Kalandraca, Col. KÓKINOS, [42 pp.]. (ISBN: 84-8464-558-4).
A xoaniña rosmona é un álbum literario narrativo que relata as aventuras dunha xoaniña e a súa teima por querer ser o animal máis forte. Outrosí, aborda numerosos valores actitudinais e contidos transversais mediante a manipulación e a exploración das súas páxinas. Por isto mesmo é que contén numerosas potencialidades destinadas ao alumnado de 2º de Educación Primaria. Estas potencialidades pódense diferenciar en dous apartados: as características físicas e os contidos transversais.
No referido ás características físicas, A xoaniña rosmona presenta un gran número de calidades positivas que favorecen a curiosidade, o interese e a motivación do alumnado cara a lectura. É interactivo e lúdico, permitindo asemade a manipulación das súas follas –como a representación do coletazo que lle proporciona unha balea á xoaniña e que se pode observar xogando coas páxinas cara adiante e atrás–. A técnica empregada na súa elaboración foi o colaxe, unha técnica rechamante e atractiva á vista. Ademais, é un álbum numerario, xa que introduce ou permite reforzar o coñecemento e a distinción das horas nos reloxos analóxicos. Pola contra, a súa lectura ten lugar de forma convencional, de esquerda a dereita.
As ilustracións son as principais protagonistas e abranguen a maior parte da folla; mentres que o texto é breve e complementario, acompañando a ditas ilustracións. Por outro lado, hai diferentes perspectivas dentro da historia, na cal participan doce animais. É curioso para o alumnado decatarse de como a xoaniña se atopa cun animal diferente a cada hora –avespa, santiña, pardal, lagosta, mofeta, serpe, hiena, gorila, rinoceronte, elefante e balea–, ao mesmo tempo que pode observar o transcurso do día pola posición do sol nas diferentes horas. Con isto, o alumnado pode chegar á conclusión de que pasar as páxinas significa avanzar temporalmente, é dicir, que a historia se converte nunha secuencia. Ademais, canto máis grande sexa o animal, máis grande é a folla e a tipografía do texto.
Adicionalmente, o lector/a figura como partícipe da historia, xa que se ve involucrado/a nela grazas aos movementos que simula o álbum –o coletazo, por exemplo–.
Ao longo desta obra son amosados aspectos relacionados cos valores, as actitudes e as emocións a través das imaxes. Nun primeiro momento ó inicio da obra, tal e como queda exposto no título e nas imaxes, a actitude da xoaniña é negativa: rosmona; pero, a medida que a obra avanza, esta vai mudando a súa actitude, motivada polo transcurso dos feitos, o que fai que acabe sendo empática e sentíndose moi arrepentida polo seu comportamento.
Outro dos aspectos a ter en conta é a presenza dunha lenda a modo de dedicatoria ás xoaniñas e a súa importancia no mundo animal. Por outro lado, cabe mencionar que todas as follas deste álbum ilustrado contan coa presenza dun reloxo, o cal simboliza o paso do tempo e onde se representa a hora á que suceden os feitos. Así mesmo, estes reloxos están acompañados por un texto a modo de apoio no cal se pode ver escrita dita hora.
Paralelamente, tamén son incluídos numerosos temas nos que se traballan diversas áreas de forma transversal: Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Matemáticas, Educación Artística e Valores Sociais e Cívicos.
Na área das Ciencias Sociais faise referencia ao tema dos ecosistemas e á paisaxe que nos rodea, xa que presenta numerosos animais no seu hábitat. Na área de Ciencias Naturais preséntanse temas como os distintos tipos de animais, posto que no transcurso da historia se pode observar a presenza dunha gran variedade de seres vivos. Tamén se traballan os temas da reciclaxe e da adaptación ao medio; ademais de que se pode observar o labor das xoaniñas, o cal é explicado na lenda previa á historia e que se retoma ao final do álbum cando as plantas lle agradecen a súa actuación.
Por outra banda, tamén se inclúe a área de Matemáticas, xa que en cada páxina aparece un reloxo analóxico cunha hora diferente, polo que o alumnado debe ser capaz de identificalas. En Educación Artística faise referencia ás diversas texturas presentes nas páxinas do álbum, así como ás cores primarias, secundarias e terciarias. Finalmente, na materia de Valores Sociais e Cívicos trátase o tema do respecto e da regulación emocional, representado nas dúas xoaniñas. Isto pódese observar ao final cando a xoaniña rosmona muda o seu comportamento e pide as cousas dicindo “por favor” e “grazas".
Inés Fernández Prieto
Laura Fernández Rey
Alba González Bretaña
Alba González Rodríguez
Ningún comentario:
Publicar un comentario