venres, 15 de xaneiro de 2021

Entrevista á experiencia: Pilar Alonso

A situación da lectura, da lingua e da literatura na educación



        A entrevista foi realizada a unha profesora especializada de Lingua e Literatura Galega, que imparte clases nun instituto público de educación secundaria na vila de Meira, en Lugo. A entrevistada, Pilar Alonso Leivas, leva impartindo clases durante 26 anos, tras rematar os seus estudos de Maxisterio e de Lingua e Literatura Galega. Ademais de traballar na provincia de Lugo, de onde é orixinaria, tamén foi docente en lugares como Cangas do Morrazo ou Ribadavia. 

Durante os seus anos como docente, coordinou proxectos nos seus centros educativos como a creación dunha revista anual escolar ou varios clubes de lectura; ademais de ser a responsábel da biblioteca escolar.


Motivo e interesa da entrevista

Esta entrevista amosa unha gran interese para os/as compoñentes do grupo, porque, como se mencionou anteriormente, a entrevistada é unha mestra de Lingua Galega, o que ten un valor especial para nós como referente para o noso futuro laboral. Mediante esta entrevisa tratamos de recadar diferente información que nos aporte una visión do galego na educación e na literatura, enfocada dende una visión moito máis próxima: dende a súa posta en práctca cos discentes. A maiores, mostramos unha interese en recoller diferentes consellos para poder empregar nun futuro como docentes, co fin de impartir unha docencia adecuada. 

Por último, outro dos motivos da entrevista foi coñecer a posta en marcha dunha bilbioteca de aula, xa que se consideramos moi necesario que este tipo de instrumentos ou actividades estean presentes nas aulas, cunha organización e distribución adecuada.


Preguntas do corpo da entrevista

Contas cunha biblioteca de aula na túa clase? Utilízase? Pensas que é necesaria?
Neste momento, non pode haber bibliotecas de aula, posto que o alumnado non pode compartir material, tampouco libros, que teñen que pasar un determinado número de horas en "corentena" entre uso e uso. Anteriormente, si tiñamos bibliotecas de aula.

Si creo que son útiles, só polo feito de que alguén algunha vez as empregue, xa merece a pena que existan.

Cres que o alumnado debe estar involucrado coa biblioteca escolar? Ou só se emprega como unha ferramenta máis de consulta?

Si, creo que o alumnado debe estar involucrado na biblioteca escolar. Dende ela pódense levar a cabo múltiples actividades relacionadas con todas a materias do currículo. Pero para facelo, ademais do alumnado tamén ten que estalo o profesorado, tomar conciencia das posibilidades que ofrece e actuar en consecuencia. Se non é así, a biblioteca só terá un papel de dinamizadora de actividades extraescolares e celebracións puntuais.

Para fomentar a lectura nos discentes, consideras necesario que a biblioteca escolar cambie ou renove os seus libros? Se o consideras necesario que criterios principais empregarías para esa renovación?

Obviamente, a oferta bibliográfica -e non só bibliográfica- vai xogar un papel moi importante no interese do alumnado por ela. É imprescindible poñela ó día con frecuencia, tanto coa adquisición de fondos que resulten interesantes como co expurgo de obras que vaian quedando desfasadas. Non se trata de ter centos de volumes, senón de ter obras que poidan espertar interese e que respondan ás necesidades, mesmo ás peticións, de quen a vai utilizar.

Dende o teu punto de vista como docente, como consideras de importante unha biblioteca no centro educativo? Que funcións principais debería ter nese contexto?

Considero que a biblioteca escolar é imprescindible nun centro de ensino. Non, ou non só, porque albergue libros, películas, música..., senón como espazo aberto á consulta, á exploración, ó descubrimento; como lugar de encontro e de intercambio de intereses e experiencias; como plataforma dende a que levar a cabo proxectos e actividades conxuntas...

Este curso, suprimiuse, ou reduciuse a algo testemuñal, a biblioteca en moitos centros de secundaria (son os que coñezo)  porque se necesitaba o espazo para outros usos, porque non hai persoal para poder encargarse dela... Paréceme  unha medida extrema e que debería ser tomada despois de esgotar todas as posibilidades, porque me parece moi empobrecedor para un centro a súa eliminación.

Que actividades ou estratexias pensas que se poderían empregar para fomentar o hábito lector do alumnado tanto dentro da aula coma na vida diaria dun centro educativo?

Eu atreveríame a dicir -sen dicir nada que non estea demostrado- que o hábito lector hai que fomentalo dende que o neno ou a nena nace. Unha persoa á que se lle le dende que é pequeniña, vai ver os libros como algo próximo e familiar. Non sei como se fai nos primeiros anos de educación infantil e Primaria, pero supoño que todo pasa por lerlles, lerlles moito e moi variado, facendo que vivan a historia que se lles está contando. Nos primeiros cursos de Secundaria, a lectura en voz alta por parte da persoa docente, adoita suscitar aínda moita atención. E unha axeitada selección de suxestións tamén pode axudar, sobre todo se vai acompañada de actividades que estimulen a creatividade.

O modelo actual para avaliar a lectura obrigatoria por trimestre acostuma caracterizarse por un exame escrito, cal é a túa opinión ao respecto? Pensas que é a mellor maneira ou que poderían atoparse outras alternativas?

Non, penso que é unha maneira cómoda -para docentes e discentes- de facelo, pero moi pobre. Persoalmente, levo varios anos dando voltas para atopar outras opcións; en casos concretos, por exemplo en grupos pouco numerosos, vou atopando algunha outra posibilidade, pero resúltame complicado e tampouco vexo un gran entusiasmo por parte do alumnado á hora de cambiar de hábitos.

Moitas veces a lectura e o fomento do hábito lector relaciónanse exclusivamente coas materias das linguas e ao profesorado especialista nestas, cres que é unha actitude acertada ou debería ser un proxecto global que implicara a todo o claustro?

Algo disto apuntei anteriormente. Efectivamente, asóciase biblioteca con profesorado de linguas ou, no mellor dos casos, "de letras". E desde logo, creo que a biblioteca debería implicar a todo o profesorado, porque só así se poden levar a cabo proxectos interdisciplinares e se pode converter realmente en elemento integrador do centro.

Consideras adecuada a lexislación vixente e as normativas dela derivadas para o fomento da lectura ou cres que sería necesaria unha modificación?

Con respecto á lexislación vixente..., case prefiro non opinar. Entre outras cousas, porque unha cousa é a lexislación, e outra as medidas que despois se poden levar a cabo. Explícome cun exemplo: a lexislación di que "todos os centros de niveis non universitarios deberán establecer as medidas organizativas oportunas para poñer a disposición de alumnado e profesorado e, na medida do posible, do resto da comunidade educativa, unha biblioteca escolar". Tamén di -resumo para non estenderme moito- que haberá unha persoa encargada dela e un equipo de apoio, que deberán ter horas asignadas dentro do horario para dedicar á biblioteca..., e acaba dicindo que todo isto dependerá da disponibilidade do centro. Cos recortes sufridos polos claustros nos últimos anos, moitas veces a biblioteca queda practicamente reducida ás horas de lecer.

Cres que o número de libros en galego presentes na biblioteca do teu centro é adecuado? Que autores galegos están máis presentes?

Supoño que depende do centro. No centro do que veño había un número considerable de volumes de literatura galega; no que estou agora, hai bastantes menos, pero iso é algo que ten fácil solución.

Case todos os autores de literatura están presentes en maior ou menor medida. Dependendo da idade do alumnado pode variar un pouco: non é o mesmo un centro de Primaria ca un de Secundaria con ou sen bacharelato.  

Con que frecuencia son escollidos de forma voluntaria libros en galego polos estudantes?

Tristemente, con pouca. Pero tamén depende un pouco das modas do momento; agora mesmo manga e sagas de vampiros ocupan os primeiros postos de máis solicitados e ese tipo de literatura non se produce moito en galego.

Consideras que a lectura voluntaria de libros en galego está desaparecendo, é dicir, que só se limita a aquelas lecturas obrigatorias impostas polos docentes? Que estratexias proporías para fomentar o seu interese?

Creo que á lectura voluntaria, sexa na lingua que sexa, saíronlle moi fortes competidores en forma de redes sociais, de videoxogos e de outros entretenementos tecnolóxicos moito máis fáciles de consumir. A galega, como literatura minoritaria -en canto a número de lectores e de autores, comparada con outras linguas,- sofre, se cabe, máis aínda estes cambios de hábitos.

Nos últimos tempos hai expertos que están a chamar a atención sobre posibles cambios cognitivos no alumnado a causa do abuso das tecnoloxías; coa experiencia de todos os teus anos como docente consideras que existe un empobrecemento na capacidade lectora e de comprensión no teu alumnado actual? Ou que mudou a forma de ler?

Penso que si. As tecnoloxías dannos respostas inmediatas a cuestións inmediatas e iso acostúmanos á recepción de información rápida e xa dixerida. Por outra parte, é unha información visual que, moitas veces non precisamos decodificar. A lectura, pola contra, precisa da nosa complicidade para achegarnos a toda a información que esconde, polo tanto é unha tarefa intelectualmente máis complexa. E ás veces, prefereimos ir ó fácil.sii

Cal é a túa opinión acerca do uso das novas tecnoloxías no proceso educativo? Cres que existe un abuso excesivo delas na aula ou que é necesario adaptarnos á nova xeración tecnolóxica e substituír os materiais tradicionais?

Creo que as novas tecnoloxías son necesarias e que o alumnado ten que saber usar ferramentas que nos facilitan o traballo e que, seguramente terán que empregar na súa vida adulta.

Pero ás veces deixan de ser ferramentas para converterse no obxectivo do proceso de ensinanza aprendizaxe.

Recentemente saíu unha noticia na prensa de que o galego xa tiña data de defunción, cres realmente que o galego desaparecerá, tal como se especificaba, aproximadamente nuns 50 anos? Ou cres que aínda se pode recuperar? Se consideras que si, cres que a mocidade de hoxe en día daralle suficiente importancia como para facelo?

Eu non me atrevo a poñer data. É máis, gosto de pensar que tal morte non vai acontecer, ou polo menos, non tan axiña. Entre voltas e reviravoltas, o galego superou épocas moi críticas, e segue existindo. Pero si é certo que mentres as políticas de normalización lingüística non cambien e mentres sigamos gobernados por políticos interesados na súa desaparición, a súa situación vai seguir empeorando. E mentres, como sociedade, non tomemos conciencia da importancia de manter a nosa lingua non será posible comezar un proceso de recuperación.

Aproveitando que impartiches docencia en diferentes zonas de Galicia, viches moitos cambios en relación ao idioma máis empregado polos mozos en función da situación xeográfica? Cal cres que é a razón desta diferenza?

Pois si. Moitos. Concretamente este curso pasei de impartir clase a un cen por cen de alumnado castelánfalante a traballar cun cen por cen de alumnado galegofalante, incluíndo o alumnado de procedencia estranxeira. Agora podo dar clase de lingua e literatura, e non só de uso correcto do idioma.

Para analizar as razóns, poderiamos estar horas. Na zona da que veño perdeuse a transmisión xeracional da lingua hai xa varias décadas, co cal o alumnado non só non fala galego, senón que tampouco o escoita falar, polo tanto nin o coñece, nin o valora, nin lle interesa; de feito, son frecuentes as actitudes de rexeitamento. 

Xa puidemos comprobar que o fomento da lingua galega dende os altos cargos de Galicia non é un aspecto de interese, polo que depende principalmente dos centros educativos e do persoal docente. Cal é a túa opinión respecto a este feito? Que metodoloxía ou que forma de impartir o galego cres que é a mellor para que o alumnado adquira un verdadeiro coñecemento e uso da lingua?

A lingua propia debería adquirirse no seo da familia. Os centros educativos e o persoal docente pouco pode facer ante a presión social, os medios de comunicación, as redes sociais... E ó goberno galego, este tema, se lle interesa, é para ir minorizando a lingua un pouquiño máis cada vez.

Impartir clases de Lingua galega e Literatura nalgunhas zonas de Galicia case é como impartir clase dunha lingua estranxeira e, obviamente, non se pode ensinar unha lingua propia coa metodoloxía dunha lingua estranxeira.

Para rematar coa entrevista, gustaríache resaltar algún aspecto ou dar a túa opinión sobre outra cuestión? E poderías darnos algún consello como profesional do ámbito para o noso futuro como docentes?

Non se me ocorre nada máis para engadir. Poderíase afondar nalgunhas cuestións, pero resultaría excesivamente longo.

E en canto a consellos, non me considero quen de dalos: mostrarnos como somos e ser fieis ás nosas ideas creo que é unha boa maneira de chegar ó alumnado. E paciencia, moita paciencia, tamén para ir aprendendo día a día. Non hai receitas máxicas.

E moito ánimo para ir aprendendo e descubrindo, o lado dalgúns sinsabores, todas as satisfaccións que esta profesión nos proporciona.


Autores:

Parcero Figueira, Évora

Pérez Álvarez, Daniel

Pintos López, Sara



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...