O mestre, escritor e político Fernando Groba Bouza achéganos a súa perspectiva da situación que vive o galego nas aulas actualmente.
Presentación xeral do entrevistado
A persoa que imos entrevista é Fernando Groba Bouza. Naceu en Santiago de Oliveira, Ponteareas, no ano 1979.
É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2004 é mestre colaborador na Secretaría Xeral de Política Lingüística para impartir e examinar cursos Celgas e cursos de linguaxes específicas. Tamén foi técnico de normalización lingüística en distintos concellos, profesor de secundaria, profesor na escola oficial de idiomas.
Publicou obras como Descrición sociolingüística e formulación de plans de normalización locais, Un caso de estudo (Ponteareas) (2005), Vocabulario galego-castelán de carpintaría de madeira (2006), Dichos y refranes en dialecto vianés de Laureano Prieto (1951), A cabalo regalado non se lle mira o dente. Tamén escribiu, entre outras obras, Compilación da fraseoloxía equina galega actual (2010) ou Onde hai eguas, podros nacen, A realidade vista dende os equinos, entre outras cousas (2011) e Galegos no Minho.
Fernando, colaborou en varias obras colectivas como A lexicografía equina en galego: unha necesidade emerxente (2018), A hipoloxía en dous dicionarios galegos actuais: DRAG e GDX (2018) e A terminoloxía en campos de especialidade tradicionais: tradición e innovación na hipoloxía (2018), entroutros.
Ademais, foi secretario da Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega (Puraga) e, no 2019 foi candidato ao BNG Ponteareas. Actualmente é mestre de Educación no IES Pazo da Mercé impartindo lingua e literatura galega. Tamén exerce de concelleiro das áreas de Cultura e Lingua no Concello de Ponteareas.
Motivo/interese da entrevista
Con vistas ao futuro, interesábanos indagar sobre a realidade educativa que posiblemente imos ter que afrontar. Tamén buscábamos coñecer a situación da nosa lingua no contexto escolars tras a pandemia. Con isto, conseguimos identificar o valor que ten o galego nas aulas para as familias e o alumnado, dende a perspectiva dun docente.
Ademais, eleximos a Fernando Groba pola facilidade de acceso a el, posto que é un coñecido da familia. Tamén suscitou o noso interese que Fernando Groba aparte de mestre, traballa no campo da política e realizou varios estudos en galego de diversa índole.
Por último, dicir que tras a realización do traballo da biblioteca de aula, aumentou o noso interese por indagar sobre as mesmas e sobre a súa organización nas distintas aulas.
Preguntas do corpo da entrevista
Cantos anos levas traballando coma mestre de galego?
Levo arredor de 18 anos ensinando galego.
Cal foi a túa traxectoria (coma docente)?
Primeiramente, impartín cursos de 75 horas de iniciación a persoas funcionarias da Xunta de Galicia. Cheguei a impartir un curso preparatorio para obter un certificado de Celga 4 e examinei os 4 niveis en diferentes edicións.
Despois, comecei a impartir tamén cursos de linguaxe administrativa galega (nos niveis medios e superior), estes cursos pasaron a ter tamén unha modalidade en liña e tamén titoricei unas cantos.
Por ese tempo, tamén me presentei ás oposicións e comecei a facer substitucións no ensino secundario impartindo a materia de lingua e literatura galega, algunha destas substitucións foron incluso nas escolas oficiais de idiomas.
Cando chegou a crise, comezou a baixar o traballo e decidín presentarme a unha praza de lector de galego na Universidade do Minho (Braga) e alí estiven 3 anos (2014-2017) e, desde que rematei o contrato, retomei o ensino secundario até o día de hoxe.
Cal é a predisposición dos nenos e nenas de Primaria á hora de aprender galego?
Nunca dei clase no ensino primario. Agora ben, no secundario, en xeral, a predisposición é boa, independentemente da lingua habitual que falen, ou, polo menos, nos centros onde estiven. Saben moi ben que no contexto en que vivimos é máis doado atopar traballo sabendo galego ca inglés e que, a través do galego, poden comunicarse con todos os países de fala portuguesa. O que non semella doado é que adopten o galego como lingua habitual, na maior parte dos casos, por prexuízos e hábito.
Que cambios observaches a partir da pandemia?
Xeralmente, o alumnado estaba con moitas ganas de volver ás aulas e regresaron coa cara semitapada, cunha distribución da aula case asocial e con normas de desinfección e comportamento que alteraron, por completo, a dinámica das aulas, no entanto, viñan de estar 6 meses sen pisar unha aula e cun hábito de traballo roto.
Sabemos que fuches mestre de alumnos e alumnas de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Universidade, cales teñen maior disposición para aprender galego?
En primaria, non fun mais si nos outros dous niveis (aínda que a universidade en que traballei era de Portugal). As actitudes máis interisadas atopeinas na universidade, en persoas que están alí porque queren estudar. No instituto, ao haber mozas e mozos que todo lles dá igual porque non queren seguir estudando, semella que o interese é menor.
A nova forma de impartir as clase, de maneira online, cres que facilitou ou empeorou o proceso de ensinanza e de aprendizaxe?
É moi doada a resposta, empeorou. A mocidade está a crecer e precisa estar ao carón dos seus iguais e do profesorado para sentir que está acompañado/a por unha persoa (profesor/a). Ademais nunha clase de lingua. Ademais, nin a Xunta nin o Goberno do Estado facilitaron medios e directrices para manter unha maior porcentaxe dos contidos que faltaban por traballar.
Cal é a visión que teñen as familias sobre o ensino de galego na escola?
Salvo casos extremos, penso que teñen unha visión boa ou incluso moi boa de que os nenos e nenas aprendan galego na escola.
Sabemos que impartes cursos para obter o CELGA, cales son os niveis dos que se compón?
Existen cinco niveis do Celga, dende o Celga un ata o Celga cinco. O Celga 1, recoñece a comprensión de frases e expresións de áreas relevantes como a familia, a comida, as ocupacións, entre outrras. de comprender. O Celga 5, recoñece que as persoas que o obteñen son capaces de comprender textos orais e escritos independentemente da súa extensión, do tema ou do formato.
Respecto ao CELGA, cales son os aspectos que máis lle custan aos/as estudantes?
Depende da persoa. Non obstante, a pronuncia do x, do nh, da segunda forma do artigo, do ao, das vogais abertas, a centuación, a colocación dos pronomes átonos, a distintión entre te e che e eliminar castelanismos habituais é o que máis aparece.
Cres necesario que se esixa a titulación do CELGA para obter unha praza pública como docente? Por que?
Se o creo necesario? Claro. Como non vai ser necesario esixirlle a un traballador ou traballadora público/a o coñecemento da lingua dun país? Da lingua que fala habitualmente máis da metade da poboación?
Que cambios máis relevantes ten observado na escola durante a túa traxectoria?
Non notei moitos cambios, a verdade. O que máis podería ser a introdución das novas tecnoloxías.
Que mudou nas nenas e nenos destes anos?
Que, en xeral, só lles preocupa aprobar e non aprender. E, se poden ter un aprobado sen estudar, pois xa nin se molestan. Despois, que son moito máis dependentes (debido á sobreprotección dos seus proxenitores ou titores legais).
Que necesidades observas na infancia actual?
Os nenos e nas aos que lle imparto docencia son moito máis dependentes.
Como mudou o papel do docente na aula, se é que mudou, dende os teus inicios ata hoxe?
Dende o meu punto de vista non mudou.
Segue sendo igual a relación entre as familias e a escola?
Isto tampouco mudou, ou sexa que si, continua igual.
Ti como docente, que relación tes coa lectura?
É un hábito case diario.
Que obras recomendas ler ao teu alumnado?
De xéneros variados de forma proporcionada, libros que estean moi ben escritos e de temas que lles poidan interesar.
Catálogos de libros ou libros que merco pola miña conta (visitas a librarías, feiras do libro...) e que vou lendo.
Como te informas das obras de máis interese para os nenos e nenas?
A través da lectura de libros e falando con outro profesorado.
Fuches o responsable da biblioteca de centro nalgún momento?
Non fun responsábel da biblioteca dun centro nunca mais si traballei medio anos xestionando unha biblioteca pública municipal que mantiña moita relación cos centros de primaria e secundaria.
Que actividades facías?
Encargábame das actividades da animación á lectura.
Tiñas biblioteca de aula?
Si, tiven mais só nun centro.
Como titor de aula, que actividades facías en relación á biblioteca da súa aula se a había ou do colexio?
Só fun titor no curso pasado mais tiven poucas horas de titoría porque estiven 2 meses de baixa e despois chegou a corentena. Nas horas que tiven, non traballamos a lectura unha vez que o propio centro nos marcaba algúns dos temas para tratar (que tiñan que ver con cuestións organizativas, administrativas ou mesmo ecolóxico-educativas).
Destacados co que se quere poñer de relevancia
A continuación, se sinalan algunhas cuestións relevantes:
Como mudou o papel do docente na aula, se é que mudou, dende os seus inicios ata hoxe? Non mudou.
Neste caso, sorprendeunos a súa resposta, xa que pensamos que o rol do docente nas últimas dúas décadas sufriu cambios. Polos coñecementos que adquirimos ata agora, sabemos que hai uns anos a relación entre o docente e o discente era vertical, e agora debería ser horizontal, é dicir, sen que exista unha xerarquía. Ademais, o docente actual debe ser un acompañante no proceso de aprendizaxe e o alumnado debe ser o proptagonista deste proceso.
Tamén nos chamou a atención a seguinte responsta:
Cres necesario que se esixa a titulación do CELGA para obter unha praza pública como docente? Por que? Se o creo necesario? Claro. Como non vai ser necesario esixirlle a un traballador ou traballadora público/a o coñecemento da lingua dun país? Da lingua que fala habitualmente máis da metade da poboación?
Concretamente, destacamos a seguinte cuestión: Como non vai ser necesario esixirlle a un traballador ou traballadora público/a o coñecemento da lingua dun país? Posto que emprega o termo “país” para referirse a Galicia. Sorprendeunos que un mestre deixase ver a súa ideoloxía política xa que estes profesionais están acostumados a non compartir os seus pensamentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario