Xavier Estévez:“ENTRE LIÑAS ATÓPASE A FELICIDADE”
Facendo referencia á videoconferencia que deches hai unhas semanas para a nósa facultade, falaches dun libro que comezaches a escribir cando eras un neno, o cal cres que nunca se publicará. Por iso, gustaríanos facerche dúas cuestións: a primeira, saber cal foi o motivo polo que aínda non remataches dita ibra, e a segunda, se nos puideras revelar o tema da mesma ou dicir se se trata dun relato biográfico?
Cando tiña 16/17 anos, gustábame moito o tema da fantasía en literatura, entón eu lía moita fantasía (por exemplo o señor dos aneis). Un día ocorréuseme unha historia e empecei a escribila, o problema é que é unha historia na que se van incorporando personaxes e chega un momento en que esto parece Xogo de Tronos, teño demasiados personaxes e a historia aínda que avanza, faino moi despacio, entón vouna escribindo cando teño algúns ratos pero nunca vexo momento de acabala entón, teño aos personaxes dando voltas por ese mundo pero falta aí un pouquiño. Espero acabala algún día, pero de momento leva xa uns cantos anos aí e sírveme como refuxio; cando me apetece desconectar un pouco, recupero esa historia, escribo un pouquiño e avanza así, moi pouco a pouco.
A túa obra Todos os soños, desenvólvese nunha vila de Galicia, dito espazo está relacionado contigo? Se é así, de que maneira e que significa para ti?
Ese libro foi un xogo que me propuxen a min mesmo, de mesturar nunha obra lembranzas miñas do ano 1983 con cousas que pertencen á imaxinación. Entón, hai moitas cousas que son da miña vida (por exemplo, os suspensos [risas]).
A vila, bueno, eu vivín gran parte da miña vida en Vigo, unha cidade na que pasei parte da infancia e da adolescencia. Nunca vivín nun sitio máis pequeno, polo menos naquela época non. Entón, estaba como moi acostumado a vivir en cidades grandes e cando empecei a escribir o libro, unha parte do xogo era imaxinar como tería sido vivir noutro lugar. Entón bueno, é unha vila na que creo que tería disfrutado de pasar un verán alí en plena adolescencia. Por iso era un pouco un xogo e, si que me parece que é moi diferente á cidade en canto a establecer espazos cando un ten 13/15/17 anos, a forma de vivir un verán sería completamente diferente, aínda que non me queixo porque os meus veráns en Vigo foron maravillosos.
Na mesma obra, Todos os soños, fas referencia a Clara, unha rapaza que se converte no primeiro amor do protagonista. Esa personaxe representa a alguén real na túa vida ou pola contra trátase dun personaxe ficticio?
É ficticio. Despois de tantos anos, cando miro cara atrás e me poño a lembrar como era eu de adolescente… si que unha parte importante da miña vida foi por exemplo; ese primeiro amor, que é algo que non se olvida nunca e, claro, non é un personaxe real pero si que hai pinceladas dalgunha persoa que foi importante para min. Posiblemente de máis dunha, porque inconscientemente toda a xente que o final queres, acaba formando parte dos personaxes, pero como Clara, tal como un solo personaxe non, pero si que hai cousiñas de persoas importantes, sobre todo naquela época na que para min, abrirme á xente era máis difícil.
Na túa obra, O corazón da maxia, atopamos dúas historias que se desenvolven de forma paralela, respecto á de Aulea e Místera por que elixiches ese contexto de dragóns, gardiáns, guerreiras…?
Eu quería facer ante todo un libro sobre dragóns, porque me gustan moito os dragóns. O tema da fantasía gustábame moito de novo, pero non quería facer solo un libro de dragóns, quería facer algo máis. Entón, unha parte da miña infancia, eu pasaba a vida enfermo e lembro ter 5/6 anos e pasar uns cantos días nun hospital. Eu era moi pequeno, pero é unha lembranza que teño aí moi moi clara. Lembro, por exemplo, que un bo día canso de estar na cama botei a correr polos pasillos e intentei escapar do hospital, trincáronme na porta. Pero o mal que o pasaba eu naquel hospital, tamén se me quedou grabado. E, cando empezei a pensar en facer un libro sobre dragóns, díxen: que momento pode ser para que unha nena lle conte unha historia de dragóns a outra? e, encaixou perfectamente o tema de estar enferma no hospital, a necesidade de comunicar… así nace o libro, aínda que en principio a idea era que fose un libro de dragóns. De feito, o título orixinal do libro, que non é o corazón da maxia, era a última frase do libro, que é: os dragóns soñan con voar. Despois a editorial dixo: non, é moi longo, é un título nefasto! Entón cambiámolo. Ademais, proveito para xogar coa historia de Aulea a Místera, que neste caso son personaxes reais, son nenas que coñezo e que quería introducir na historia para xogar un pouco con elas.
Dos teus libros, cal foi o que che deixou un mellor sabor de boca unha vez rematado ou co paso dos anos?
Teño dous que son un pouco especiais. O primeiro é A rapaza da fiestra, porque tardei moito moito moito en escribilo. Foi un parto complicado. Cada frase que aparece nese libro foi escrita, revisada, reescrita, volta a cambiar… Tardei un ano en facer ese libro porque practicamente foi palabra por palabra entón claro, cando rematei de escribilo, estaba exactamente como eu quería que estivese e é un libro do que me sinto moi orgulloso. O segundo foi completamente o contrario; Avións de papel. Con Avións de papel tiven a idea; eu cando escribo, primeiro teño que imaxinar todo o libro, son incapaz de escribir se non teño claro cara onde vou, como acaba o libro. Entón, imaxinei a historia de Lucas e de Sara e me puxen a escribilo, e foi como maxia. Senteime e creo que tardei 3 ou 4 días en escribilo enteiro, foi rapidísimo, foi espectacular. Cando acabei non daba crédito porque normalmente tardo moito máis en escribir un libro, pero eso foi dun día para outro. É un libro que tamén me gusta moito e tamén creo que acabou como moi redondo. Os dous son libros polos que sinto especial predilección pero bueno, calquera dos libros que escribín creo que, polo menos para min… a min me gustan.
Algunha vez pensaches en escribir obras dramáticas sendo o teatro unha das túas paixóns?
Si, teño. Teño obras dramáticas e de feito, teño algunha amiga profe que sempre me di que as publique para poder espallalas pero me da non sei que publicar obras de teatro. Non me imaxino indo a editorial con obras de teatro, pero normalmente cando alguén me pide obras de teatro eu non teño ningún problema. De feito me parece que o chulo do teatro é compartir. Mesmo algunha vez, algún mestre me ten dito, por exemplo, que lle escriba algunha para quince nenos e que trate sobre a guerra, pois para min é un gustazo pero non coa mirada en publicalo. Tamén teño escrito cousas moi serias e moi dramáticas. Co paso do tempo creo que cada vez teño máis toques de humor, cousa que o principio non tiña. Si ledes o que escribía cando tiña os vosos anos, aquelo era todo dramas, dramas…(risas) moito sufrimento, era o que me gustaba. Sin embargo agora si que me gusta escribir cousas de humor, pero as obras de teatro teño algunhas sobre temas moi serios e moi de chorar e outras moi divertidas. Depende un pouco da idade á que van encamiñados, normalmente escribo para nenos entón para nenos o teatro ten que ser divertido.
Reflexión do autor.
Aproveitando o teu labor como docente de Educación Primaria, consideras que as novas tecnoloxías poden resultar atractivas para fomentar ó hábito da lectura nos nenos e nenas, empregando diversos recursos como por exemplo: libros electrónicos, xornais ou revistas dixitais, audiolibros, etc?
É unha pregunta complicada. Eu como docente, e máis que como docente, como lector, eu son partidario de quitar todo tipo de tecnoloxías dos centros escolares, todo. Penso que introducir as tablet, os ordenadores e tal nos centros, pode parecer unha boa idea pero o final non o é, porque o acceso as tecnoloxías téñeno perfectamente fóra do colexio. É dicir, un neno sabe manexar un móbil, e estou falando de nenos pequenos; nenos de 8 anos, porque todos teñen móbil na casa, e tablet tamén. Por eso penso que non é necesario introducir as tecnoloxías nos centros. Nos centros creo que é máis importante dar o que non teñen en casa, entón, se nos centros se fomentase moito máis a lectura, os nenos lerían moito máis porque o fomento da lectura en casa pode que algúns nenos o teñan pero a maioría non o teñen, porque para os pais é moito máis fácil darlles unha tablet con xogos que sentarse e dicir ``vamos a ler un conto´´. Tampouco se trata de volver á escola de hai 100 anos, é dicir, a tecnoloxía está ahí e está ben que se use pero podemos facer unha innovación educativa moi boa sen necesitar nada de tecnoloxía porque a innovación non pode estar aí, é dicir, esas ferramentas son ferramentas pero estanse usando coma fin e non como ferramentas. O importante é ter tablets na clase, para que? Quen sabe. Si non tes claro como o vas a usar, e mellor non usalo. Nese aspecto, o papel dos docentes é fundamental, importantísimo. Porque ao final educamos máis co exemplo que co que dicimos, é dicir, se un docente é un bo lector, os nenos van a ler, porque eso se transmite. Igual que se a un docente lle encanta o deporte, vai a transmitilo aínda que non teña que estar dicindo todo o tempo que lle gusta ir a correr. Por eso é moi importante que vos como futuras mestras e os futuros mestres teñan claro iso; que educamos máis co exemplo que co demais. É necesario que pensemos que lle queremos ensinar aos nenos. Se eu lles quero ensinar historia, primeiro teño que empaparme de historia porque senón, só co libro de historia ou coa tablet, a cousa non vai funcionar. Tedes un traballo moi complicado por diante! Ser profe agora eu creo que é moito máis complicado que ser profe hai 30 anos, porque hai demasiados elementos entrando no xogo, cousa que antes non sucedía.
Sabes que pasa? Tamén hai moitos moitos autores, moita literatura que vai en contra diso. Entón estanvos ensinando solo unha perspectiva pero non as dúas, é dicir, hai moitos autores que o tema da innovación parécelles negativo. Claro, estamos educando solo nun camiño, non vos están ensinando a outra parte. Eu non digo que o outro xeito de educar sea mellor, pero si que sería importante ter información das dúas, e non a tedes. Gamificación, traballo cooperativo… todo isto está moi ben que saibamos utilizalo e que o empreguemos nas aulas pero ó mesmo tempo a docencia ten que ser moito máis ca iso. É dicir, queres ensinarlle aos rapaces unha catedral gótica, por poñer un exemplo, está moi ben que o fagas en plan cooperativo, que busquen información… pero ó mesmo tempo ti necesitas ter moi claro que é unha catedral gótica, tes que saber por que xorden, que había antes, que ven despois, coñecer exemplos… é importante que nós teñamos coñecementos e non solo metodoloxía e dame a impresión de que hoxe en día todo vai dirixido á metodoloxía e nada ó coñecemento. E, paréceme negativo.
Autoras: Alba Prado Blanco e Alba Rodríguez Silveira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario