xoves, 14 de xaneiro de 2021

Entrevista a... Fina Casalderrey

 A DOCENCIA DE FINA CASALDERREY: UNHA MODELO A SEGUIR

A súa longa experiencia persoal como autora e mestra que aproxima ao profesorado cara unha nova visión da educación que converte ao alumnado en lectores/as críticos/as e competentes



O propósito da entrevista a Fina Casalderrey é o de coñecer a súa perspectiva docente, facendo unha breve introdución e alusión á súa experiencia como escritora para afondar no seu estilo. A información recadada nesta entrevista vai destinada ao profesorado de Educación Primaria, unha guía que lle sirva para orientarse no mundo da lectura e como adentrarse na súa didáctica. A través da súa longa experiencia, pode contribuír ao coñecemento de estratexias que logren propiciar nun futuro o interese e a curiosidade do alumnado, ao mesmo tempo que adquiren destrezas e valores actitudinais. 

A nosa entrevistada, Fina Casalderrey, naceu en Xeve (Pontevedra) no ano 1951. Como ben relata na súa Web oficial, xa desde cativa comezou a asistir a clases de costura, para posteriormente cursar o bacharelato elemental. Estudou maxisterio coa especialización de Matemáticas e Ciencias da Natureza. E foi con tan só 19 anos cando se converteu en mestra, profesión que exerceu durante máis de corenta anos, compaxinando os estudos coa faceta de escritora en lingua galega. 

Desde 2013 forma parte da Real Academia Galega. Actualmente, ten escrito un gran abano de libros, os cales son merecedores de premios tan importantes como: Premio Merlín –Dúas bágoas por Máquina–, Premio Barco de Vapor e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil –O misterio dos fillos de Lúa–, Premio Edebé de Literatura Infantil –O estanque dos parrulos pobres– e o Premio Frey Martín Sarmiento –A lagoa das nenas mudas–, entre outros.

As súas obras, entre as que se atopan as anteriormente mencionadas, dan a coñecer múltiples aspectos da realidade e inclúen temas que a sociedade considera tabús para os nenos/as, abordándoos de forma cómica, como: a morte, a violencia de xénero, o sexo, o racismo, a discapacidade… As súas historias continúan a ter éxito, ademais de seren traducidas a moitos idiomas, incluído ao braille. Adicionalmente, tamén escribe obras populares adicadas ó mundo gastronómico. 

Outrosí, as súas facetas son múltiples: fai representacións teatrais, colabora na prensa, exerce de pregoeira en feiras de libros de diferentes lugares, participou no informe da UNESCO, etc.

Por todas estas facetas foi polo que decidimos entrevistar a Fina Casalderrey, xa que desde cativas lemos libros da súa autoría que marcaron a nosa infancia como: Quen me quere adoptar?, O misterio dos fillos de Lúa e Eu son eu. Ademais, tras coñecer a súa biografía, pareceunos unha mestra exemplar, unha modelo a seguir como futuras docentes de Educación Primaria. Tras a charla da autora no Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil: "Sen tabús. Ler para pensar" interesámonos por saber máis sobre ela. Así, decidimos seleccionar unha serie de preguntas básicas sobre a súa traxectoria como escritora e experiencia docente co obxectivo de poder levar a cabo algunha das súas estratexias nun futuro.

A entrevista, realizada a través da plataforma do CampusRemoto da Universidade de Vigo e en conxunto con outros/as compañeiros/as, tivo como resultado as seguintes preguntas e respostas: 

En canto á túa experiencia persoal como escritora, que autores/as influíron en ti? Tes lecturas favoritas? Repites lecturas?

“Da literatura popular quédome con toda a que aprendín, con toda a que teño dentro. Sobre todo do meu pai, algunha da miña tía Esmeralda. Hai moitas historias de lobos e raposos. De feito, influíronme en que unha vez escribise un libro baseado nesa literatura popular, que titulei Desventuras dun lobo namorado. (...) Aí mesturei varias das historias populares que me contaba meu pai relacionadas con lobos e raposos.

Eu creo que os referentes é todo. O que lles importa moitísimo, pero tamén é o que vives e o que sintes. E… todo o que te rodea, o que estudaches, a xente coa que te relacionas… Efectivamente, as túas lecturas, pero tamén foi todo. De feito, a ver, cando eu xa era mestra, aínda non deramos galego nas aulas (...). A literatura galega que nos sonaba era Rosalía porque tamén escribira en castelán. (...) En galego non descubriramos nada, todo o descubrimos despois os mestres da miña quinta. (...) Foi descubrir aquel mundo de literatura tan rico, non solo a popular, senón a escrita.”

A que idade comezaches a sentirte interesada pola lectura?

“A interesarme pola lectura eu creo que comecei dende antes de aprender a ler coma todo o mundo de maneira inconsciente. Acórdome que meu pai era os sábados cando cobraba e traíame un contiño cada fin de semana (...) e decíame agora non, ahora fas isto e logo xa o les. Eu tomaba iso como unha larpeirada. E aí é cando empezas a sentir ese gusto. Dunha maneira consciente quizais tardei máis en darme conta de que aquilo era literatura (...). O primero libro que fun consciente de que difícil conseguir isto foi de Hemingway, El viejo y el mar, que parecía que eu quería facer forza axudándolle aquel vello a pescar ese peixe grande que non daba pescado.”

Que é o que te levou a escribir historias para nenos/as?

“Historias que me contaba meu pai como Isidro o labrego, logo eu escribíao outra vez suavizando a historia.”

Que te motiva para seguir escribindo?

“Escribo por e para os nenos.”

Planificas as historias antes de poñerte a escribir ou van xurdindo gradualmente mentres escribes?

“Xorden gradualmente a partir dunha idea. Improviso (...), incluso me inspiro nos nenos para as historias.”

Se te tiveras que quedar só cun dos teus libros, cal sería? E da literatura popular galega?

“Uff, creo que agora non podería. Se fora hai vinte anos igual che decía que O estanque dos parrulos pobres porque foi escrito nun momento especial para min. É un libro que se o le un neno de 7, 8, 9 anos rise e incluso di que é un libro divertido, e si o le un adulto di que é unha historia triste, e a historia é a mesma. Eu tamén a escribín chorando porque eu quixen meterme na pel dunha nena, pero non era capaz de ser só a nena. Era a nai, era o pai, era o propio avó (...). Cando me dixeron, e xa hai moitos anos, que a meu pai lle quedaban dous meses de vida, e coma calquera, ti derrúbaste. Eu quixen escribir rapidísimo unha historia para que a lese el, para que se soubese o que tiña e non tivese tanto medo a morrer. E parecíame que eu era a primera, en Galicia creo que si, non sei, en escribir para nenos sobre o tema da morte.”

Como describirías a importancia das ilustracións nas lecturas na etapa de Educación Primaria?

“Son moi importantes pero en calquera etapa, e a min gústanme que os libros teñan ilustracións, non me estorban. Por exemplo, O Quixote ten moitas ilustracións. Son importantes para todos, pero para a infancia máis, xa que axudan a contar. Aos nenos gústanlle moito as ilustracións e fíxanse en cada detalle delas. Axudan a que sexan descansos da lectura e un neno necesita parar un pouco e meterse na ilustración.”

Foi para ti tarefa complicada o feito de traballar de modo polifacético abarcando diferentes sectores laborais como é a docencia e a escritura?

“Non, no meu caso non. Eu creo que nunca. Son desculpas, porque fun docente, fun nai e creo que non fun mala mestra de todo, porque inda son das que teño nos papeliños: quérote mestra, ou sexa que… mal de todo non o debín facer. Non creo, hai outras persoas pois que van ao fútbol, outras que fan facer natación e outras fan senderismo ou as dúas cousas. Eu creo que non, o día ten moitas horas. Eu ademais nunca fun, quizais por ser mestra, por ter outra profesión, nunca fun moi ordenada niso. Escribo todos os días de tal hora a tal hora, non. Eu era ou é cando teño algo dentro que quero botar fóra, que quero contar, entonces fago con moitísimas ganas, pero no foi impedimento pa escribir. De feito, tamén me animei a facer cine algunha vez ou libros relacionados coa gastronomía. Outras persoas fan outras cousas,  non digo que sexan menos útiles, pra nada, como se queren plantar leitugas ao saír de clase... a parte de preparar as clases, que iso tamén o notan os alumnos (...).”

No referido á túa experiencia docente, que farías nunha aula sen interese pola lectura? Que estratexias empregarías para fomentar a lectura e pensas que son as máis adecuadas para o alumnado de Educación Primaria?

“Un alumno colle o xiz e enche a pizarra de garabatos, logo xogan a ver que elementos identifican deses garabatos (...) e crean unha historia. Levar xente ao cole a dar charlas e que conten as súas experiencias.

Lede unha páxina que vos guste moito, moito. Alabádelle moito as cousas que escriben eles, anque lle corrixades algunha cousa. Non tedes por que ser escritores, non fai falla… hai materiais por un tubo dos que botar man. Pero hai xogos tamén, xogos literarios. Hai montóns de libros de xogos ou de lingüísticos que che ensinan a ser poeta. Abonda que lles poñas un poema. Por exemplo, un poema de Manuel María e que lle borras tres palabras e que eles poñan as que queiran (...). Borrar unha estrofa enteira e que a inventen ou que inventen outro cambiando só tres palabras ou simplemente dándolle unha frase e inventar un. As cousas que inventan eles, iso si que vos aseguro, que lles gusta moito que sei que nos deteñamos niso. En que poidan lelas, en que poidan escribilas, e que logo axuda a que cando levedes a algún autor ou autora que non sexa unha rutina.”

Como identificarías ao alumnado que ten problemas para ler e como tratas de axudarlle?

“Eu tamén tiven algún alumno, algunha alumna, que lle costaba moitísimo aprender a ler. Algún método que lembro era casi… parece una parvada, pero eu facíao e funcionaba con algún. Dicíalle: ti le este cachiño. Porque o problema é que non teñen interiorizada a mecánica. 

Moitas veces non é que non lles guste ler, é que non saben ler e cústalles tanto que prefiren dicir xa non lles gusta. Ti leslla e tamén lles gusta cando lla les, entón non é iso. É que prefiren dicir que non lles gusta antes que dicir é que eu non sei ler. 

Non importa a velocidade coa que lean, senón que aprendan a facelo pouco a pouco. Apréndese a ler lendo. Hai que convencelo para que lea. Incluso se lle pode decir que mañá lle imos mandar ler este anaco para que o preparen antes na casa. Ler en voz alta dá gozo cando les ben diante doutros. Ler cousas que lles gusten ata que descubran que lendo se poden sentir cóxegas por dentro.”

Que libros recomendarías que formasen parte dunha biblioteca de aula de Educación Primaria? Para escoller os libros de lectura buscarías entre as tendencias infantís ou os que consideras que, aínda que non sexan amplamente coñecidos, a longo prazo espertarían o seu interese?

“Que collan libros na biblioteca según os seus gustos. (...) Non lles recomendedes un libro que non vos interese a vós, que non sexa do voso interese.”

Canto tempo ao día ou á semana de lectura recomendarías dentro da aula? En que momento en concreto (ao iniciar o día, tras o recreo, ao finalizar a xornada)?

“Moito tempo, as veces menos e outras de forma máis intensa. Ata acabar o capitulo que lles gustaba non parabamos. Eu fun unha mestra moi mal… desobediente. Téñolle dedicado moito tempo. (...)

Collían un libro e levábano para casa. E despois contábanllo aos compañeiros e ás compañeiras. E outras veces iámolos venres, ofrecíamonos poñendo un cartel, e os venres pola tarde ían de contacontos ás clases dos pequenos. Os de sexto. E gustáballes. Creo que foi unha bonita experiencia.

Púxenme dacordo con outros coles e carteábanse. Cartas que se votaban de verdade no correo e que iamos a recoller. Foi unha bonita experiencia. Para que intenten escribir e que o fagan de mellor gana. Eu creo que paga a pena.”

Utilizarías a escritura como método para fomentar a lectura? En que sentido?

“Si, escritura de cartas a outros coles. Motívaos moito a escribir ben e a ler as cartas dos outros compañeiros.”

Que consellos lles darías aos futuros mestres/as? E aos futuros escritores/as?

“Empezar por historias breves que as hai moi bonitas como o caso de Adiviña canto te quero; ler poemas, é mentira que non lles gusta a poesía; xogar a cambiar os rimos; cousas que lles guste que o pasen pipa na aula.

Profesorado con entusiasmo. Un bo mestre é máis feliz que un mal mestre. Téñenlle que dedicar horas e que sexa por vocación. “

 

Como consecuencia das numerosas preguntas que todos os grupos lle tiñamos que formular a Fina, quedaron varias sen responder por falta de tempo. A pesar diso, gustaríanos incluílas para que sexan de inspiración en posibles futuras entrevistas: 

Algunha vez tiveches dificultades á hora de publicar un libro nalgunha editorial polo feito de ser  muller? E polo contido ou temática dos libros?

Algunha vez tiveches algún problema para publicar un libro en galego? Non che fixeron ningunha recomendación de publicalo previamente en castelán para ter máis “alcance”?

Con respecto aos numerosos temas tabú que abordas nos teus libros, como pensas que debería estar preparado o profesorado para comentalos na aula?

No ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil “Sen tabús: ler para pensar” lembramos que fixeches alusión a Dúas bágoas por máquina e como unha situación no ámbito escolar foi de inspiración para a súa escrita. En que momento soubeches que querías plasmar esa historia e con que finalidade? Sucedeu máis veces?

Traballarías coas novas tecnoloxías como método de aprendizaxe para a lectura? Pensas que dá resultados positivos ou que distrae ao alumnado?

 

Tras a realización da entrevista e quedar marabilladas polas súas formas e as súas variadas e amplas experiencias, podemos salientar que o seu labor como mestra deixou indubidablemente unha pegada no seu alumnado pola súa gran implicación e dedicación. Tamén nos decatamos da sentimentalidade e nostalxia coa que fala da súa experiencia docente.

Así mesmo, gustaríanos destacar a importancia da figura paterna para ela e para a súa vivencia como escritora. Ademais, durante a entrevista fixo unha serie de comentarios que nos conmoveron e deixaron moito no que reflexionar: “ler é como namorarte”, “non chegaría a escribir sen antes ser mestra”, “dando clase aprendín moito máis do que eu ensinei”, “o alumnado formaba parte da miña vida” e “comecei a escribir por e para eles”. Outrosí, con respecto aos temas tabú que aborda nas súas obras, ela mesma dixo “os nenos son máis novos, non menos intelixentes”, polo que podemos concluír estes temas deben ser dados a coñecer ao alumnado porque son necesarios para poder educalos adecuadamente. Teñen que coñecelos para comprender a realidade na súa totalidade, aínda que o docente sempre debe medir e pensar o xeito para introducilos.

Por último, e a modo de conclusión final, parécenos relevante mencionar unha reflexión que a propia Fina aclarou sobre os hábitos lectores do alumnado, e é que cando un neno/a asegura que non lle gusta ler é porque en realidade non sabe. Por iso, o noso labor como futuras docentes é o de empregar as metodoloxías e ferramentas máis oportunas, adaptadas ao nivel dos discentes, para desenvolver unha ensinanza significativa durante o proceso de aprendizaxe da lectura.

 

Casalderrey, Fina (s. d.). Web oficial de la escritora gallega: Biografía. Recuperado de https://fina.casalderrey.com/es/biografia-2/

Universidade de Vigo CampusRemoto (2020). Entrevista a Fina Casalderrey. Recuperado de https://recordings.campusremotouvigo.gal/recorded/video/e81a24ece4066d8c4351913db2b1c6e89f5921b1-1606142551957?meeting=759437614

 

Fernández Prieto, Inés

González Bretaña, Alba


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...