luns, 11 de xaneiro de 2021

Ás de mosca para Anxo

 

A obra da cal vou facer a recensión é Ás de mosca para Anxo da escritora Fina Casalderrey. Elixín este libro de forma meditada debido a que a temática que trata, a discapacidade, é do meu interese.

 


Casalderrey, Fina (2019). Ás de mosca para Anxo. Ilustr. Uhía, Manuel. Vigo: Xerais, col. Sopa de libros, nº 6, 144 pp. (ISBN: 84-8302-863-8).

En canto ao formato da obra, atopamos un libro recomendado para maiores de dez anos, dunhas dimensión de vinte por trece centímetros e cunha cuberta rústica con lapelas. Nela aparece o título da obra Ás de mosca para Anxo; o nome da autora, Fina Casalderrey; e do ilustrador, Manuel Uhía. Así mesmo tamén aparece o nome da editorial, Xerais, e o da colección á que pertence, “Sopa de libros”. Nesta cuberta cabe destacar unha ilustración na cal aparece Estrela de pé no tellado. Unha das súas mans está apoiada na cheminea mentres que a outra tena na súa cabeza como se estivese buscando algo ou a alguén. Por outro lado, o lombo deste libro non é moi grande, xa que conta con cento corenta e catro páxinas. Seguindo coas partes do libro, na contracuberta hai un pequeno resumo da obra na que se presenta unha pregunta, a cal me chamou a atención e da pé a reflexión: “Chegará algún día en que poida existir unha convivencia feliz entre os seres humanos máis alá das diferencias de ideas ou capacidades?”. Así mesmo, nesta contracuberta hai un debuxo dunha mosca nun tarro. Tamén contén un código de barras do libro e o ISBN.

Cando abrimos o libro hai unha pequena portada onde aparece o título da obra e o nome da autora. A seguir, aparece o índice do contido formado polos capítulos, o epílogo e os créditos. En canto aos capítulos do libro emprega unha caligrafía en minúsculas e todas as ilustracións son en branco e negro.

O argumento xira ao redor de Estrela, unha nena moi especial que empezou as clases nun novo colexio. Ao principio os seus compañeiros de clase non a entenden, pero ela co paso do tempo é capaz de gañarse o seu agarimo e respecto. Un día en clases exponse un debate acerca da liberdade debido a que había un industrial secuestrado. Estrela decide facer unha carta pedíndolles aos raptores que traten ben ao secuestrado. A protagonista cre que o seu pai está en perigo xa que escoitou á súa nai dicir que o tiñan secuestrado no traballo. Estaba a traballar en Alemaña, e é por este motivo polo que Estrela está decidida a salvalo. Para iso a nena deixa todo de lado e sóbese ao tellado da súa casa aguantando a choiva, o frío e estar sen comer para que así puidesen liberar ao seu pai. Cando finalmente ve ao seu pai alégrase moito pensando que o seu método funcionara.

Con relación ás ilustracións, estas foron feitas por Manuel Uhía. Están feitas con augadas en branco e negro, caracterizando moi ben as personaxes da historia. A única ilustración en cor que hai neste libro é a da cuberta.

A través desta obra pódense traballar valores relevantes para o lectorado agardado, pois nenos e nenas de once ou doce anos xa se decatan, a medida que avanza o conto, destes contidos. Entre os valores que se poden destacar despois da lectura saliento os seguintes:

·         A solidaridade: en varias ocasións durante a obra vese esta solidaridade, sobre todo con relación á desaparición do empresario e a posterior desaparición de Estrela.

·         Respectar aos demais: ao principio, aos compañeiros de Estrela cústalles aceptala tal como é. Mesmo chegan a gastarlle bromas pesadas, pero pouco a pouco chegan a comprender as deficiencias da nena e finalmente aprenden a sacarlle partido ás súas aptitudes. Deféndena cando o xornal a trata como deficiente mental.

 

No tocante aos recursos en liña, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten unha páxina web onde publica anualmente os Informes de literatura dende 1995. Neste caso a obra de Fina Casalderrey foi publicada en 1998, como mostra o informe do seguinte enlace, así mesmo contén varias referencias que se fixeron a esta obra nese mesmo ano. Ver en: http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf1998/Informe_Literatura_1998.pdf

Outro dos recursos que destacaría é o documento de apoio á lectura da editorial Xerais, unhas fichas para o alumnado nas cales dan a coñecer á autora e ao ilustrador. Así mesmo, tratan os temas e os valores que traballa o libro e presentan unha serie de actividades para facer antes da lectura, durante a lectura e despois da lectura. Ver en: https://www.xerais.gal/catalogos/proyectos_lectura/XG00053801_1.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...