luns, 11 de xaneiro de 2021

O segredo de Flora




A obra escollida para este traballo é O segredo de Flora escrita por Paloma Rodríguez e Cristina Justo e ilustrada por Špela Trobec. É un libro ilustrado que utilizamos o ano pasado nun proxecto da materia de lingua galego e gustoume a maneira na que explica a ira e o enfado.

Rodríguez, Paloma e Justo Cristina (2010). O segredo de Flora. Ilust. Špela Trobec. Ferrol: Edición Embora, col. A igualdade conta, 32 pp. (ISBN: 978-84-92644-15-5).

Dende o punto de vista do formato, a obra é cadrada 23x23cm e tapa grosa. A cuberta e a contracuberta son de cor amarela. Na parte superior da cuberta observamos o título O segredo de Flora en branco, agás o “o” de Flora que é de cor negra e cunha flor debuxada no seu interior. Debaixo, aparece unha rapaza de cor branca e cos ollos en forma de flor, cabelo curto e negro e ten un vestido vermello. Ao carón da rapaza, aparece un gato negro que non ten expresión, mentres na parte inferior esquerda aparecen os nomes das escritoras e a ilustradora. Na contracuberta encontrámonos cun fondo amarelo e un breve resumo da historia do libro, tamén o nome da edición e colección, o código de barras e o selo da Xunta de Galicia.

A obra está escrita en terceira persoa. A protagonista é unha nena chamada Flora que cando se enfada comeza a dar patadas, a berrar e sente que está chea de formigas que non pode controlar. Ata que un día pensou que se sacudía todas as formigas e á vez cantaba un retrouso podería controlar o seu enfado para sempre. E así foi como Flora conseguiu controlar a súa ira e ter un gran segredo que só ela e a súa gatiña Mincha saben.

As ilustración son obra de Špela Trobec, nelas podemos apreciar o uso de diferentes cores que enfatizan as imaxes e certa orixinalidade, un exemplo disto son os ollos da protagonista que figuran dúas flores. Outra das características máis salientables é o cambio de expresión da cara que sofre Flora ao longo da historia, é capaz de transmitir a emoción do personaxe ao lector. Tamén, destacar que cando Flora se sente enfada emprega no fondo tonalidades coma o negro ou o vermello para darlle máis énfase á ira.

Entre as potencialidades de lectura desta obra podemos destacar a aprendizaxe sobre a ira e como controlar as diferentes manifestacións. O profesorado pode traballar con libros as diferentes emocións e a ira podería ser traballada con este libro. É moi importante ensinarlles a recoñecer a ira ante unha situación que non lles gusta e causa frustración. Tamén fai referencia a temas como a violencia de xénero. O profesorado podería aproveitar para concienciar ao alumnado sobre a necesidade de cambio e a loita pola igualdade.

Dos recursos en liña de acceso aberto sobre O segredo de Flora que atopei na rede destacaría a excelente interpretación dos nenos e nenas do CEIP do FOXO na IV Mostra de Teatro Escolar "Olimpio Arca Caldas", por parecerme sorprendente a capacidade interpretativa do alumnado e a orixinalidade coa que representan a obra e dinamizan en todo momento a posta en escena. Posibilidade de acceder premendo na imaxe:


Tamén encontrei unha interpretación da obra con marionetas feita polo CEIP Plurilingüe A Fraga. Paréceme unha proposta moi interesante na que os alumnos/as de cursos máis avanzados comparten e practican a lectura cos máis pequenos. Posibilidade de acceder premendo na imaxe:



Por último, atopei un stop motion que non específica o centro no que se realiza. Paréceme unha idea moi orixinal de traballar a historia cos nenos e nenas, podendo elaborar debuxos ou formas para a representación. Posibilidade de acceder premendo na imaxe:




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...