luns, 11 de xaneiro de 2021

O día que choveu do revés

 Recensión crítica dunha obra literaria




Canosa, María (2016). O día que choveu do revés. Ilustrador Dani Padrón. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, colección Merliño, 40 pp. (ISBN:978-84-9914-965-3).



A obra que escollín foi O día que choveu do revés, un conto ilustrado infantil de María Canosa e Dani Padrón. A cuberta e a portada presenta o título, a autora, o ilustrador, a colección a que pertence e a editorial. Na ilustración da portada aparece un neno sentado no tellado da igrexa da aldea, que está expectante. Na contracuberta aparece unha breve sinopse da historia, un código de barras e novamente a editorial a que pertence.


Un día, as nubes do ceo enfadáronse co Sol. Estas matábanse a regar os campos ata que medrasen as verzas e o millo, mentres que o Sol secábao todo coa súa calor abrasadora. En canto as herbas tornaron amarelo, as nubes decidiron facer unha folga traballando, puxéronse a chover ata que quedaron sen auga, producindo unha inundación na Vila de Portoseco. As nubes, conscientes do seu desastre, decidiron pedirlle axuda ao Sol, quen a pesar de colaborar non foi capaz de evaporar tal cantidade de auga. Entón decidiron facer que chovese do revés. Mais de nada serviu. Foi entón cando un neno da aldea tivo a idea de mandar unha mensaxe nunha botella pedíndolle ao mar que acollese tanta auga como puidese, pero todo estaba mollado, tamén os papeis, polo que resultaba imposible escribir.  Desesperado, pediulle axuda ás nubes. Non tardaron moito en botar enriba de Portoseco unha marea de cadernos, bolígrafos, pinturas... e tamén letras e números. O neno logrou enviar a súa mensaxe, mentres que o resto dos veciños facían o imposible para que non se derramasen as demais cousas, ían recollendo as letras e os números nos cadernos, pechándoos cando estaban cheos, remexendo ben, e conseguindo que se escribiran historias dentro deles. Vendo que as nubes resultaron ser receptivas, algúns cidadáns fixeron as súas peticións. Un canón, co que conseguiron disparar parte da auga e o resto foi marchando cara ao mar polo río tal e como pedira o neno. Así foi como conseguiron ir amañándose. Botaron unha chea de días organizándose pero quedáballes moito por facer. Cos libros xa cheos de historias acordaron crear unha biblioteca municipal; os lapis e bolígrafos que sobraron xunto cos cadernos foron deixados na escola e o canón foi erixido como monumento da vila. Finalmente, os habitantes de Portoseco mercaron un cento de regadeiras que lles regalaron ás nubes, para que a partires dese momento sempre chovese amodo e con cordura.



As ilustracións desta obra teñen un carácter caricaturesco e complementando a historia do conto, o que axuda a facer a lectura máis sinxela. Os cromatismos danlle cor e personalidade aos distintos sucesos que transcorren ao longo da narración.


Entre as potencialidades da lectura desta obra dirixida á nenos/as de primeiro e segundo de Educación Primaria, salienta o interese por fomentar o gusto pola lectura. Outro aspecto a destacar é a reflexión sobre a importancia de non ser rancoroso, pois é o rancor o principal factor que desencadea que as nubes inunden a vila. Por outra banda cabe destacar que as accións propias supoñen consecuencias, que poden levar a desastres. O que nos leva ao seguinte punto: a resolución pacífica de problemas, así como a importancia de traballar en equipo para resolvelos. Na historia tanto os cidadáns como as nubes idean e colaboran en todo tipo de plans co fin de arranxar a situación.


Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra:

ROIG, B.-A. (dir.) (2016). Informe de literatura 2016. Recuperado de http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2016/Informe_Literatura_2016.pdf


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...