Blanco, C., Carballude, P., López Rodríguez, X., & Villar Janeiro,
H. (2004). Catro contos para unha data.
Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, pp.76.
A obra escollida para este traballo é Catro contos para unha data, volume no
que se reúnen as contribucións de catro creadores galegos de dilatada
traxectoria, como son Concha Blanco con “A fonte
das ras”, Pepe Carballude con “A amiga Inés...”, Xavier López Rodríguez con
“Quente coma a neve” e Helena Villar Janeiro con “Historias de Anahí”. Esta
obra foi publicada con motivo da conmemoración do Día do Libro Infantil no ano
2004. É unha obra que lin cando cursaba sexto de
Educación Primaria, que me regalaron ao gañar un certame literario na escola e
que me chamou moito a atención polo contido que nela se atopa.
Dende o punto de vista material, a obra
presenta un formato rectangular e con tapa branda. Na parte superior da cuberta
observamos a imaxe dun gato con sombreiro rodeado de paxariños e follas voando.
Na contracuberta, a diferenza da maior parte de libros, este non presenta ningún
tipo de texto ou fotografía, soamente ten o fondo verdoso que se ve no fondo da
imaxe inicial e os logotipos da Xunta de Galicia, da Consellería de Educación e
Cultura e do Xacobeo.
Dende o punto de vista do contido, o
primeiro conto, “A fonte das ras”, está escrito en terceira persoa. A historia
trata sobre Elisa e máis o seu irmán xemelgo, ao que lle gustaba moito a pesca.
Un día, cando el foi pescar co seu pai, Elisa aburrida decide subir ao faiado
para revolver nas caixas de xoguetes de cando era pequena. Alí atopa o seu
cabalo verde, co cal voaba e viaxaba por enriba das nubes ata chegar a unha
fonte onde os esperaba unha ra. Cando atopa o cabalo este dille que teñen aínda
unha visita pendente e moi importante onda a ra, e Elisa, pese ao paso dos
anos, segue con curiosidade por saber a importancia desa viaxe. É así que ás
doce da noite, como lle ordenara a ra facía anos, chegaron á fonte. A mensaxe
era clara e concisa, Elisa debía entregarlle a un descoñecido un botón de ouro.
Cando Elisa atopa o descoñecido sobe correndo ao faiado para contarllo ao
cabalo verde, pero este desaparecera. Elisa estaba triste por non poder ver máis
o seu xoguete cando seu irmán chegou cun peixe enorme e ao abrilo había dúas
figuras de cerámica coa forma dun cabalo verde e unha ra. Elisa colleunos e
agochounos na habitación e pola noite soñou que unha nai celosa de que seu fillo casase cunha rapaza pobre decidiu botarlle un mal de
ollo, o home ao ver que a muller morría púxose moi enfermo e a nai vendo que
morría o primoxénito pediu que a castigasen a ela para que non enfermase máis a noiva de seu fillo. A nai
converteuse en ra e a única forma de salvalas ás dúas era entregándolle o botón
de ouro ao rapaz. Aí Elisa entendeu todo e durmiu contenta coas súas dúas
figuriñas.
O segundo relato “A amiga Inés…” trata
sobre os prexuízos das rapazas novas ante a menstruación. Narrada en primeira
persoa e coa forma de carta, Marta escríbelle á súa amiga Silvia para contarlle
que tivo que inventarse que tiña a regra para aparentar ser maior e madura coas
súas compañeiras de clase e o que ocorreu cando isto se fixo realidade.
O terceiro conto, “Quente coma a neve”, está
narrado en primeira persoa e relata unha historia na que o amor queima tanto
como a neve no peito. A primeira historia de amor e desamor sería a da
protagonista e as súas irmáns, unha delas a piques de casar. Ela e máis a súa
irmá pequena namoran do mesmo rapaz pero ao final da historia a protagonista
comprende que o máis importante é a súa irmá. Pero a verdadeira historia de
amor é a dunha burra que acolle a unha cabritiña que quedou sen nai e que cría
como se fose a súa propia filla, da que ten que estar separada case catro días
por levar á protagonista á voda de súa irmá.
Neste período case morren do desgusto pero cando se reencontran vese de
verdade o amor que pode sentir un ser por outro.
O último conto titúlase “Historias de
Anahí” e está narrado en terceira persoa, aínda que hai momentos dialogados no
que pasa a primeira persoa. A historia trata de Anahí, unha nena que nos conta o
que sente tras a morte da súa avoa e de todos os recordos que garda dela,
explicando así o valor da morte e dos recordos.
Ao longo da obra, as ilustracións son
escasas e soamente aparecen ao inicio de cada conto. No caso da primeira
historia aparece un cabalo en branco e negro, na segunda unha rapaza apoiada
nunha fiestra, na terceira unha casiña de madeira e na última a imaxe dun
barco. Todas aparecen en branco e negro sen querer destacar demasiado sobre o
texto. Todo o libro está ilustrado por Xosé Cobas.
Entre as potencialidades da lectura
desta obra podemos destacar que propicia o traballo con diferentes temas e
incluso abarca varios aspectos do currículo. Entre as temáticas abordadas
destaca a das emocións e valores que aparecen en cada un dos contos; o corpo
humano e os seus cambios, como a historia de Marta; a creatividade que amosa
Elisa e o valor da familia que nos ensina Anahí. A raíz disto poderiamos
traballar con nenos e nenas na aula sobre os sentimentos e os valores e reforzar
a reflexión e coñecemento sobre certos cambios do corpo humano que se presentan
a certas idades. Este libro traballaríao en sexto de Educación Primaria, xa que
penso que debe ser reflexionado e estudado dunha maneira máis profunda e
completa.
De entre os recursos en liña saliento unha
noticia que se pode ler en: La Voz (2004). “Catro
contos para unha data’ agasallo no Día do Libro Infantil, La Voz de Galicia, recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/television/2004/04/01/catro-contos-unha-data-agasallo-dia-do-libro-infantil/0003_2559409.htm
Ningún comentario:
Publicar un comentario