Fariña, Anxo (2007). Os Megatoxos e o aprendiz de druída. Vigo: A Nosa Terra, col. Os Megatoxos, nº 1, 123 pp. (ISBN: 978-84-8341-147-6).
A obra escollida para a realización desta recensión crítica foi Os Megatoxos e o aprendiz de druída do autor Anxo Fariña. Esta foi unha das múltiples obras que lin ao longo da miña infancia na etapa de Educación Primaria e que sen dúbida me resultou moi interesante e entretida. Agora, uns cantos anos máis tarde, e dende outra perspectiva diferente, decidín volver lela. Resultoume tan interesante e máxico coma a primeira vez. Sen dúbida é un moi bo libro para motivar e incentivar ao alumnado a ler, xa que pertence a unha saga que pode atrapalos coa súa inquietante historia.
En canto ao formato que presenta esta obra, cabe mencionar que é de tapa branda. Na súa cuberta presenta aos protagonistas da historia sobre un fondo verde, que parece facer referencia a unha fraga, como a que se describe na historia. Tamén aparecen uns gravados ao fondo que semellan simboloxía celta. Aparece tamén na cuberta, en letras rechamantes e con un maior tamaño, o nome da obra, o cal coincide co nome do grupo de rapaces protagonistas da historia. Xusto debaixo atopamos o título que o distingue dos demais libros da serie, o cal se corresponde co E o aprendiz de druída. Debaixo deste cara á dereita e escrito noutra tipografía diferente aparece o nome do autor. O nome da editorial aparece xusto aos pés da ilustración dos protagonistas. Na contracuberta, ao igual que na cuberta, aparece tamén a simboloxía celta xunto co emblema dos Megatoxos.
A historia divídese en sete capítulos, cada un con un título diferente. O primeiro capítulo comeza dando un salto cara ao desenlace, creando así un halo de suspense e intriga, para captar a atención do lector/a. Así mesmo, ao comezo de cada capítulo aparece, ao igual que na contracuberta, o emblema do grupo. Dito emblema, xa mencionado anteriormente, está formado por unha letra M e unha letra T en maiúsculas e superpostas, situadas dentro dun círculo. Acompáñaos o número en grande do capítulo así como o título correspondente. Por outra banda, en relación ao aspecto físico da obra, as súas medidas son 21x13,5 centímetros e o seu peso 189 gramos.
En canto ás 10 ilustracións que acompañan e reforzan a historia, dándolle un enfoque de fantasía e maxia, serven para representar algúns dos momentos máis álxidos da trama. Ademais, serven para reforzar de forma visual as descricións que fai o autor sobre cada personaxe.
O libro conta a historia de catro rapaces novos que debido a un incidente acaban desenvolvendo unha serie de poderes máxicos, que os unirá ata solucionar o feitizo que o provocou. Xuntos vivirán multitude de aventuras e coñecerán novos amigos polo camiño. Esta entrega céntrase na aventura que viven os catro rapaces que forman dito grupo cando viaxan no tempo para atopar o toxo causante dos seus poderes, os cales non saben usar nin moito menos controlar. Esta viaxe levaraos a moito tempo atrás, onde coñecerán a un rapaz da súa mesma idade ao que axudarán para vencer ao diaño. Ademais, aproveitarán a súa viaxe para coñecer máis sobre as persoas que habitaban en tempos pasados en Galicia e empregarán a experiencia vivida para realizar un dos seus traballos de clase.
Este libro baseado na vida de dous nenos e dúas nenas de idades semellantes ás dos alumnos que cursan 5º e 6º de Educación Primaria, pode ser un recurso de grande utilidade para achegalos á lectura, xa que poderán sentirse identificados con certas situacións como por exemplo a realización de traballos en grupo. Así mesmo, coa axuda desta obra poden traballarse diversos contidos e áreas dentro da Educación Primaria. Entre as áreas do coñecemento que poden traballarse atópanse as Ciencias Socias, e dentro desta, contidos tales como a xeografía de Galicia e a súa etapa prehistórica. Tamén pode abordarse dentro das Ciencias Naturais temas como o proceso de evaporación e os distintos estados da materia; así como, o desenvolvemento das plantas.
Por último, pero non menos importante, os recursos en liña que poden atoparse de acceso aberto sobre esta obra son un blog sobre a serie dos “Megatoxos” creado polo propio autor, Anxo Fariña, onde informa sobre as noticias relacionadas con cada libro: Fariña, A. (2008). Os Megatoxos [Blog]. Recuperado de:http://megatoxos.blogspot.com/
Por outro lado, como recurso audiovisual, en YouTube atópase un booktrailer sobre este libro, o cal se presentou no III Concurso de Microrrelatos e Booktrailers do Grupo Dado. [Bibliotecas Municipais da Coruña]. (2019, maio 27). Os Megatoxos. [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=O-UR8XHper0
Ningún comentario:
Publicar un comentario