martes, 5 de xaneiro de 2021

Dúas bágoas por Máquina

                                                

    A obra escollida para realizar a recensión crítica é Dúas bágoas por Máquina de Fina Casalderrey. O motivo que me levou a realizala sobre esta obra foi o feito de rememorar a miña etapa de Educación Primaria analizando de forma crítica unha obra xa coñecida para min. ´

Casalderrey, Fina (2005). Dúas bágoas por Máquina. Ilust. Víctor Rivas, Premio Merlín, 1991. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Merlín, nº 31, 113 pp. (ISBN:84-8302-565-5).


En relación ao formato da obra é importante destacar o seu aspecto material. Na primeira ollada, o que se ve é a portada da obra que está chea de cores vivas e mostra unha escena que inspira felicidade e alegría. Despois de observala detidamente, decateime de que en realidade a ilustración mostra dúas fotografías, nas que aparecen os protagonistas da historia e a man dunha muller que está sostendo unha delas. No medio da portada, nun recadro en branco, aparece o título da obra seguido do nome da autora e finalmente o do ilustrador, en diferentes tipografías. Así mesmo, na parte superior aparece o nome da colección á que pertence a obra e na parte inferior dereita, o nome e o logo da editorial. 

O libro conta cunha encadernación rústica con solapas e tapa branda, o seu tamaño é de 13.5 x 19 cm; e o seu peso: 188 gramos. Ten en total dúas solapas, unha ao comezo e outra ao remate da obra. Na primeira aparece unha fotografía da autora xunto a unha breve biografía dela, e outra do ilustrador. Na segunda, e última solapa, aparece o nome da escritora e o nome das súas obras que se atopan dentro da colección Merlín.

A obra conta cunha dedicatoria da autora antes do comezo da historia e cun epílogo ao remate da mesma, onde fai unha breve continuación da historia da vida da súa protagonista. A seguir, atopamos o índice onde están organizados os seis capítulos polos que está formado o libro. Por último, despois do índice aparece unha listaxe dos libros máis reeditados da colección. 

En canto á parte interna do libro chamoume especial atención que hai certas frases que aparecen en letra maiúscula, para que resalten con respecto ás demais. Así mesmo, ao comezo de cada capítulo a primeira letra aparece nun tamaño moito maior que as demais.Por último, a parte de atrás do libro contén un breve argumento da obra, o premio que lle foi outorgado e o nome da editorial.  

Esta obra, de carácter narrativo, escrita pola mestra Fina Casalderrey Fraga e ilustrada por Víctor Rivas conta a historia dunha nena e a súa relación co seu can, Máquina. Con este libro a autora pon de manifesto a importancia do amor e respecto cara aos animais, dende un punto de vista emotivo e cunha chispa de humor.


As ilustracións deste libro realizadas por Víctor Rivas, en total 9, preséntanse todas en branco e negro e serven de acompañamento visual para narrar a historia das aventuras de Máquina e Xusta, a súa dona. As ilustracións mostran momentos específicos da historia e teñen certo carácter humorístico e divertido. 


En primeiro lugar é importante subliñar que esta obra vai dirixida a un público de 11 anos en diante, é dicir, para traballar no último curso de Educación Primaria. O contexto no que se desenvolve a historia é de ámbito rural, unha aldea, polo que sería interesante que esta obra se traballase nun colexio con características semellantes para que os alumnos e alumnas simpatizasen mellor coa trama. 


As temáticas, baixo o meu punto de vista, que poden abordarse grazas a lectura desta obra son: a amizade, a responsabilidade, o coidado e respecto cara aos animais, a intelixencia emocional e as relacións de carácter interxeracionais.  


Este libro tamén pode ser un bo exemplo para reforzar contidos que se traballan noutras materias como por exemplo, en Ciencias da Natureza, concretamente no Bloque 3: os seres vivos, onde se inclúen contidos tales como; hábitos de respecto e coidado cara aos seres vivos. Outra materia na que se podería traballar outras temáticas do libro, como a intelixencia emocional e a amizade, sería en Valores sociais e Cívicos. Dentro de dita materia traballaríase con un dos seus contidos que afirma que deben aplicarse valores cívicos en situacións de convivencia no contorno inmediato (familia, centro escolar,  grupo, amizades, localidade) así como desenvolver actitudes de comprensión e solidariedade, e valorar o diálogo como método para solucionar conflitos. 


Entre os recursos que se atopan en aberto na rede cabe citar a lectura dun capítulo da obra por parte da autora e unha nena, que se pode atopar en: 

[Ronsel ronsel]. (2014, setembro 4). O autor acompaña ao lector. Fina Casadelrrey [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=pC5tjWtApg


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...