MCKEE, David (1997), Elmer, ilustr. do autor, trad. Montserrat Paz, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8302-149-1).
A obra seleccionada para esta recensión crítica é Elmer, un álbum ilustrado de David McKee.
Unha das razóns que me levou á escolla desta obra para primeiro curso de Educación Primaria foi porque o que máis se traballa son temas cos que o alumnado pode sentirse identificado e que forman parte da realidade cotiá dos nenos e nenas de hoxe en día. Os valores fundamentais da obra son o respecto cara aos demais e a importancia de ser unha mesma.
A continuación, se describimos o formato, trátase dun álbum ilustrado rectangular, con encadernación de tapa dura. Na cuberta aparece o protagonista desta historia, o elefante multicolor Elmer. O fondo da cuberta tamén conta con moitas cores, polo que Elmer practicamente se funde nel. Isto contrasta coas ilustracións que aparecen ao longo da obra, nas que observamos un forte contraste entre Elmer e os demais personaxes. O título aparece na parte superior da cuberta, escrito con letras maiúsculas, centrado e cun ton negro groso, para que se diferencie na colorista cuberta. Ao longo da obra, Elmer é representado empregando infinidade de cores, mentres que entre o resto de personaxes predomina a tonalidade de grises, ata que ao chegar ao final da obra cambian as tornas: é Elmer o debuxado con tons grises, mentres que o resto aparece cunha ampla variedade deles e ata formas. Este recurso serve para contar a historia de Elmer, un elefante multicolor que un día se farta de ser diferente e decide colorear o seu corpo de cor gris como o resto de elefantes.
Entre os diversos temas que se abordan coa lectura desta obra para calquera idade, cabe destacar algúns como a diversidade, a autoestima, o autoconcepto, a aceptación da diferenza, a inclusión etc. O obxectivo non é educar en valores, senón mellorar e axudar ao desenvolvemento emocional e moral do alumnado.
De feito, na obra salienta o feito de que Elmer aprende a quererse tal e como é e descobre que o que en realidade lles gusta aos demais del é o seu interior e non o seu aspecto físico. É máis, ao final da historia descubrimos que aos demais personaxes tamén lles gustaría parecerse un pouco a Elmer.
Esta obra trata abondo o tema da diversidade e fai moito fincapé en que cada persoa é diferente, como Elmer, pero que iso non ten por que ser malo, senón todo o contrario, a diferenza enriquece a todas as persoas.
Por último, desta obra podemos atopar un recurso en liña moi útil para o noso alumnado de primeiro de Educación Primaria, un vídeo de YouTube no que contan a obra escollida, Elmer: https://www.youtube.com/watch?v=T3u0AoA-E-s)
Ningún comentario:
Publicar un comentario