venres, 24 de decembro de 2021

Onde viven os monstros

 

 

 

Sendak, M. (2014). Onde viven os monstros. Kalandraka

 

Neste documento achégase unha recensión crítica da obra Where the Wild Things Are, de Maurice Sendak, publicada por primeira vez en 1963. Traducida ao Galego no 2000 por Xosé Manuel González baixo o título Onde viven os monstros.

 

Atopámonos ante un álbum ilustrado, encadernado en tapa dura. A cuberta está ilustrada a tinta e acuarela, ensinando un monstro que durme nunha selva, á beira do mar, e un barco que se achega. A ilustración comprende a cuberta e contracuberta, debe visualizarse mostrando o libro completamente aberto. A contracuberta só amosa esta ilustración, non aparecen elementos textuais. 

 

Ao abrir o libro atopamos as gardas a dobre páxina, que mostra follas en diversas cores. Seguindo, a páxina de título de créditos.  A continuación, podemos atopar a portada cunha ilustración sobre fondo branco a dobre páxina, outra vez realizada en tinta e acuarela. Pasando a páxina, chegamos directamente ó inicio da obra.

 

Respecto o contido da obra, trátase dun relato escrito por un narrador omnisciente en terceira persoa. A historia contada é unha aventura á que se enfronta Max, o protagonista, un neno duns seis ou sete anos. O autor emprega para narrar a historia pequenos fragmentos textuais e moitísimo apoio visual das ilustracións, característica principal dos álbums ilustrados.

 

A trama comeza cando Max pon o seu traxe de lobo e fai trasnadas pola casa ata que a súa nai, farta, o manda á cama sen cear. Alí, a habitacións transfórmase nun mundo máxico, onde se atopa o lugar onde viven os monstros. As temibles criaturas converten a Max no rei de todos os monstros. Pasan unha noite de diversión, pero pronto Max comeza a sentir morriña da casa e da súa nai. A pesar das obxeccións dos seus novos amigos, o rapaz decide volver á habitación, onde aínda o agarda a cea, quente. A ensinanza da historia pretende aludir ao confort do fogar e á necesidade de sentirnos arroupados.

 

O retalo é moi sinxelo. A historia interna que se conta dura anos, pero o ritmo do relato é moi rápido, axudado pola presenza de multitude de diálogos, o escaso texto e múltiples ilustracións que aceleran a lectura, axudando a ofrecer moita información ao lector ou lectora nun espazo reducido.

 

A editorial non indica o curso ou idade ó que vai dirixida esta obra, pero podería ser tratada en calquera curso de primaria, sen excepción. Iso si, en Primeiro curso de Primaria probablemente a mestra deba facer de intermediaria e se deba presentar este libro a través dun contacontos, xa que unha lectura autónoma podería resultar máis complexa.


A transcendencia deste libro foi tal, que moitos autores e autoras refírense a Maurice Sendak como creador do álbum ilustrado e considérase esta obra o álbum ilustrado máis famoso da historia. O relato foi escrito en 1963, pero funciona perfectamente hoxe en día, sen incluír elementos anacrónicos ou ideas desfasadas que debamos rexeitar. O característico estilo deste autor foi copiado e reinterpretado por milleiros de autores e autoras nos anos posteriores.


Respecto á linguaxe empregada na obra, destaca o campo semántico do tempo, con palabras como semana, noite, día, ano, agora… Isto daría moito xogo para realizar na clase unha busca doutros campos semánticos a partir doutros substantivos da historia.


Unha das características máis destacables desta obra é como o tamaño das ilustracións xoga co contido do relato e o espazo que ocupan varía en función dos acontecementos que se relatan. A historia comeza cunha pequena ilustracións na páxina dereita da obra, encadrada no centro desta páxina e deixando moitas marxes brancas ata o límite da páxina. Esta imaxe vaise ampliando a medida que Max se achega á Terra dos monstros, ata que supera a páxina dereita e comeza a invadir a páxina esquerda, onde se atopa o texto. No punto álxido da historia, cando Max e os monstros pasan unha noite de diversión, o debuxo ocupa a dobre páxina e o texto desaparece. Cando Max decide retornar a casa, a ilustración volve a reducirse ata que, finalmente, ocupa só a páxina dereita.

A última dobre páxina, que pon o remate á historia e pecha o relato é unha dobre páxina en branco, sen ilustracións e cunha soa frase na esquina inferior esquerda: “[...]que aínda estaba quente”.

Todas as ilustracións da obra están realizadas con tinta negra empregando o que parece ser pluma ou bolígrafo (algún instrumento que realiza un trazo moi fino) e a cor dada con acuarela. O elemento máis característico destes debuxos é o emprego de trama raiada para sombrear e dar volume aos distintos elementos.

Este libro pode ser presentado nunha lectura conxunta, individual ou escoitando activamente a xeito de contacontos. Ao rematar a lectura, en gran grupo, comentaremos e analizaremos os sentimentos que nos provocou a obra, se cambiariamos o final ou que pensamos dos debuxos que acompañan o texto, adaptando os temas a tratar dependendo do curso no que nos atopemos.

Hai palabras no libro que poden representar unha dificultade para o alumnado de primeiros cursos, como “gadoupas” Se non coñecen o significado buscarémolo no dicionario e proporemos sinónimos, como “farpa” ou “garra”.

Explicaremos ao alumnado a importancia histórica desta obra e como cando este libro foi publicado, causou grande axitación porque os pais e nais aseguraban que provocaría pesadelos aos seus fillos e fillas. Eles e elas pensan que é un libro de terror? Ou é cómico?

Para afondar na clase no universo dos monstros e do terror, poríamos á disposición do alumnado outros títulos que traten estes temas. Para os primeiros cursos de primaria poderiamos ofrecer Un dous tres vampiro ti es, de Nadia Buddle, un libriño de rimas sinxelas e divertidas, ou Gato Guille e os monstros, de Rocío Martínez. Tamén poderiamos ensinar A casa enmeigada, de Jan Pieńkowski, un libro que ofrece un formato manipulable con pop-ups e unhas ilustracións cheas de detalles excepcionais. Nesta mesma liña, pero para cursos superiores poderiamos introducir Damned Writers, un libro que resume as biografías de vinte tres autores e autoras de terror, ilustrado por Ángel A. Svoboda, así como a Serie Minimortos e Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas.

 

Tratando o tema do medo e dos seres místicos poderiamos propor na clase unha busca acerca das orixes dunha importante tradición galega relacionada coa morte: o Samaín.

Para traballar a morriña, ese desexo de volver á casa que sente Max á metade da historia, podemos tratar obras como Morriña de Paula Ventimiglia. Preguntaremos ao alumnado que outros sentimentos cren que sentirían eles e elas ao longo deste relato e explicar o por que. Por exemplo: “Eu sentiría moita curiosidade ao chegar á illa dos monstros e atopar criaturas descoñecidas”.

Para practicar as descricións, cada neno ou nena debuxará un mostro arrepiante e deberá explicarlle aos seus compañeiros e compañeiras as características físicas e psicolóxicas do mesmo. (Ten enormes dentes ou lingua bífida? É un mostro malvado ou é bondadoso? Asusta só á rapazada ou tamén ós adultos e adultas?).

Finalmente, tras visualizar a representación teatral da obra (enlace ao final do documento), proporemos representar na clase a obra reescrita a xeito de guión teatral. Nas aulas de 5º e 6º xa podería o alumnado escribir un guión en pequenos grupos, mentres nos primeiros cursos a mestra ofrecería o guión elaborado.


-          Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra:

Contacontos con imaxes do libro: https://www.youtube.com/watch?v=rXUa2cYxQ7M

Representación teatral con monicreques: https://www.youtube.com/watch?v=nslFC0bfWrM

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...