venres, 24 de decembro de 2021

Entrevista a Iago Araujo Molina

 

Falamos con  Iago Araujo Molina, ilustrador, escritor e profesor, acerca da súa visión sobre como enfocar a lectura e o debuxo na educación primaria.

“É mais doado escribir e ilustrar para pequenos porque sempre os tomo como un lector máis atento e máis intelixente que un adulto”


Iago Araujo Molina, técnico superior en gráfica publicitaria, é ilustrador e deseñador freelance, especializado na elaboración de proxectos divulgativos destinados ao público infantil-xuvenil. É membro da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). Dende o 2010 imparte clases con María Vilar (ilustradora) nunha academia de cómic e ilustración.


Por Naiara Alborés, Alba Álvarez e Anahí Barros

 


Que obras che gustaba ler de pequeno? 

De pequeno tiven moita sorte, porque na miña casa sempre tivemos cómics, como Asterix e Tintín. Eu os devoraba continuamente, e os meus pais tamén. Doume de conta, canto máis avanzo no debuxo, de canto me influíron. Cando chegou o cómic de Dragon Ball a España linno e bucle, copieino e debuxeino sen parar. Dende ese día o debuxo converteuse nunha auténtica paixón.

 

Seguen gustando estes autores ao público actual? 

Si, seguen gustando. Iso si, como profesor decátome de que os nenos agora len menos porque hai unha oferta de ocio moi potente e moi variada coa que é moi difícil competir.  Pero si,  Tintín e Astérix (os clásicos) seguen aí, pero claro, son un patrón de aventura máis anticuado.  Aínda que baixou o consumo, cando os atopan bos lectores danse de conta da marabilla que son estes produtos. 

 

Ao longo da túa carreira tiveches a oportunidade de ilustrar para adultos e para nenos, cara que tipo de público cres que prefires enfocarte? 

Penso que é mais doado traballar para pequenos porque sempre os tomo como un lector máis atento e máis intelixente que un adulto. Cando penso en escribir para un adulto penso que o vai ler con máis presa, con máis prexuízos e con menos ilusión: Iso é así: a medida que medramos imos perdendo un pouquiño o amor pola lectura. Non digo que sexa inevitable, porque eu, por exemplo, o sigo tendo, pero hai que traballalo. Eu intento ler cousas novas, intento fixarme, pararme. A lectura é unha cousa un pouco sagrada, ao que hai que dedicarlle tempo e concentración.

Sei que os rapaces vanme escoitar, vanme ler con calma e vanse fixar en todos os pequenos detalles. Eu meto moitos detalles nas ilustracións xusto por iso, porque eu o desfrutaba moito de pequeno, fixábame nas mensaxes. Gústame pensar que a persoa que recibe os meus traballos está nas mesmas condicións. 

 

Adaptas o teu estilo, ou só os temas? 

No mundo da ilustración existe un debate dende fai moitos anos sobre se debemos ter un único estilo transversal a todas as nosas obras ou traballar un estilo variado para que nos poidan contratar de moitos sitios diferentes. Penso que como ilustradores é mellor ten unha identidade, porque hoxe en día para atopar un pouco de todo xa existe en internet.

Eu, por exemplo, intento escoller só traballos para infantil-xuvenil e que teñan un toque un cómico. Por outra parte escollo tamén un idioma que é totalmente diferente; que é  ilustración máis realista, traballos científicos para universidades. Neste caso adáptome, emprego un debuxo que é totalmente diferente ao meu estilo. Pero penso que como ilustradores é mellor ten unha identidade concreta e que o portfolio non pareza un caixón de sastre. 


As ilustracións ou a estética dunha obra pode axudar a facer máis atractivo o contido ou é unha cuestión meramente decorativa? 

Ilustrar é darlle un valor e unha vida ao texto, engadir unha visión máis. O debuxo fai que o texto sexa máis rápido entender como para aportar a unha visión máis rica do contido. Por exemplo, podemos estar a ler a biografía de Rosalía, pero se a debuxamos  cunha roupa específica, cun xeito de mirar diferente… xa estamos aportando un valor engadido. Unha imaxe vale máis que mil palabras, é un tópico que é verdade. 

 

Como se atopa o mercado de banda deseñada infantil en Galicia? Lense autores galegos ou só cómic importado?

En xeral de aquí hai moi pouco cómic publicado. Existen pequenas cousiñas, coleccións de banda deseñada como a que publicou Jacobo Fernández, Marco Pola. Pequenos intentos,  pero que son puntuais. Unha cousa anecdótica.

Agora, se imos ao dixital, fanse tiradas incluso de 500 exemplares, descóbrese aquí uns editores que non teñen intención de volver a editar ese título porque queren todo o tempo que a máquina estea en movemento, entón é un absoluto desastre. Lectores nese senso hai, pero o 60% das vendas do 2020, foron manga. Hai un 20% é un caixón onde se mete cómic infantil e novela gráfica. Esas cifras dinnos que os nenos non len moito. Nós na academia vemos que o único que len en materia de banda deseñada é manga. 


Trabállase ben o debuxo e a creación artística nas escolas? O profesorado está ben formado?

Penso que non,  o alumnado o que encontra é unha oposición total ao que lles gusta e así non hai posibilidade de diálogo. O que debuxan eles, os profesores de plástica rexéitano e, en xeral,  ven que o que teñen que facer na clase é unha cousa que non lles vai. Iso para min demostra o pouco próximos que están os profesores cara os rapaces. Dáme a sensación de que aos profesores tócalles un pouco de rebote materia de plástica. Ti non podes estar impartindo unha ensinanza artística se non te interesaches pola arte na túa vida, se non sabes nada de cine, de música, se non tes nada que transmitir. Vemos profesores que non teñen criterio para poñer exercicios nin para corrixir. Todos vivimos iso, o triste é que pasan os anos e a cousa segue igual...

 

Os mestres e mestras nas escolas falan dabondo cos nenos e nenas sobre os seus intereses? 

Hai mestres que si pero en xeral diría que non. Os pobres como van falar diso? Eu pregúntolle a alguén aquí sobre os seus gustos e como son consumidor destes temas sei do que falo, se me falan de videoxogos, dunha peli de animación etc., podo ter unha conversa, podo saber cales son os seus intereses e podo facer exercicios aplicados a eses intereses. Cando o primeiro eslavón desaparece, xa se perde a comunicación e o sentido. Hai que ter paixón, paixón por esta materia. Hai pouca formación.

Os nenos quéixanse de que nas bibliotecas non hai nada, pode que de refilón atopen algún cómic; pero do estilo de Mortadelo e Filemón, que xa está pasado, eles demandan máis variedade nas súas bibliotecas.

 

Un lugar ou acontecemento relacionado con cómics e lectura que recomendes para nenos e nenas de primaria.

Un exemplo sería o salón de cómics de Moaña. Ese salón é un éxito e sempre ten moita asistencia.

Aquí en Vigo, por exemplo, eu organizo un club de lectura de 6 anos para adiante. Na biblioteca Juan Compañel fanse continuamente talleres de lectura, concursos de escritura para nenos, pero non de cómic. De ilustración hai concursos a nivel nacional. Sempre existe a categoría infantil e ten moita participación. Nótase como os nenos sempre participan e debuxan.

A nivel local falamos de  iniciativas de xente que estamos facendo cousas para que isto non morra, pero o apoio institucional en Galicia é nefasto. Cómpre destacar  o salón do cómic de Coruña. Coruña é o centro de Galicia en canto a cómic e lectura.

 

Cal sería o consello que lle darías a alguén que se quere dedicar a ilustración? Cal é o mellor que che deron a ti?

O mellor que me deron a min? Eu penso que Jacobo Fernández e Norberto Fernández: Nulla dies sine linea, unha frase que esta atribuída a Plinio. Pois iso; debuxa todo o tempo. Practicar, practicar e practicar, e o outro xa ben dado.

O consello que eu lles dou aos rapaces da academia é unha versión adaptada aos nosos tempos: “Tolerancia á frustración”. O que quero dicir é que cando te pos a debuxar se non te sae algo non tires o lapis e collas un videoxogo. Se non sae algo, sigue. Pero que pasa? que vivimos nunha sociedade hiperestimulada, onde non existe tolerancia á frustración. Se non hai motivación para ler un libro, menos a haberá para crear. Sen a disciplina non se chega a nada.

 

Fainos tres recomendacións para unha biblioteca escolar.

Recomendo Hilda, de Luke Pearson e, por propor un máis cómico, Sarah's Scribbles de Sarah Andersen, o cal emprega  humor para todas as idades. Engadiría o único manga que escribiu Miyazaki: Nausicaa, un cómic súper bonito de concienciación medioambiental.


Fragmento dunha páxina da súa sección “Alén do real”, no xornal infantil Papagaio. Guión e ilustración realizados por Iago.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...