xoves, 13 de xaneiro de 2022

Ameaza na Antártida

 


Caride, R. (1997). Ameaza na Antártida, ilust. Miguelanxo Prado, trad. María Jesús Fernández. Madrid: Edicións Xerais (ISBN:9788483025642).

O ilustrador do libro é Miguelanxo Prado. Foi editado en Madrid e traducida en galego por Fernández e María Jesús. O libro escollido titúlase Ameaza na Antártida. Está impreso en papel. É de tapa branda, xa que está recomendado para persoas maiores de 11 anos. 

Na cuberta, aparece no centro o título do libro e xusto debaixo atópase o nome do autor, Ramón Caride. Debaixo do nome do autor está o nome do ilustrador, Miguelanxo Prado. Abaixo de todo aparece o nome da editorial “Edicións Xerais”. Na ilustración da cuberta podemos ver aos dous personaxes principais da historia; Sheila e Said. Están dentro dunha nave espacial sendo perseguidos por unha nave robótica. A cuberta e a contracuberta son de cor azul. 

Na contracuberta atópase no centro o resumo do libro. Debaixo do resumo aparece de novo o nome da editorial do libro “Edicións Xerais”, o código de barras e á dereita unha recomendación de idade (de 11 anos en diante). Cabe destacar que o libro non contén solapa frontal nin traseira.

Ao abrir o libro atopamos a páxina de título de créditos con moita información acerca da elaboración do libro. 

Por último, antes de analizar con maior profundidade o contido do libro, temos a portada, co título do libro, o nome do autor, o nome do ilustrador e o nome da tradutora; María Jesús Fernández.

Este libro é unha novela composta por 152 páxinas, contada por un narrador en terceira persoa omnisciente. Está composto por 12 capítulos. 

Adentrándome no argumento, dende un punto de vista persoal, a historia é moi intrigrante e consegue captar a atención dos lectores e lectoras. Dous irmáns chamados Said e Sheila, viven nunha casa preto dun río e dedícanse a investigar nun laboratorio que teñen na súa casa. Un día atópanse cun montón de peixes mortos e deciden descubrir o que aconteceu. Sheila decide explorar pola súa conta e adéntrase nunha cova onde antigamente estraíase un mineral que xa non tiña valor. Alí é atrapada por uns robots e foi rescatada polo seu irmán. Os robots transportaban en segredo un montón de minerais chamados “uraninita”, responsable da morte dos peixes por ser un mineral radiactivo. Os dous irmáns deciden frear a exportación dese mineral en mans dun multimillonario cuxo nome é Anatoly Koprissos, obsesionado con dominar o mundo mediante a enerxía nuclear.

Finalmente conseguen concienciar o multimillonario e salvar o mundo. 

Os personaxes que se nos presenta nesta historia son os seguintes:

Sheila, acaba de cumprir 12 anos. É un nena con moita curiosidade, que sospeita de todo canto chama a súa atención, e en ocasións, tan intrépida que podería dicirse que é en realidade imprudente e temeraria. Co seu irmán vive nun muíño, dentro do cal teñen un taller de deseño. 

Said é maior que a súa irmá, ten 14 anos. Forma con ela un bo equipo, pero sempre lle corresponde a el salvala en todas as situacións que provoca. Está moi atento a todo o que a curiosa da súa irmá poida facer.

O avó Xan morreu tempo atrás, pero grazas a el coñecen moitos detalles tanto do lugar no que habitan como da ciencia. Está presente continuamente no recordo dos irmáns. 

Anatoly Koprissos trátase dun poderoso armador que fabrica naves transportadoras aeronáuticas.Vive nunha illa, rodeado de moitas medidas de seguridade. Koprissos tivo a idea de dominar o mundo. 

Irene, é a filla de Koprissos. Orfa de nai, Irina pasa gran parte do ano internada nun colexio suízo, e só acode á illa en vacacións, pero nin nese tempo o seu pai ten tempo para ela. A pesar de que a illa ten moitas cousas para divertirse, ela non é feliz alí. Coa chegada dos irmáns disfrutara como nunca. 

E por último, o doutor Kim-Sam. É un vello amigo dos irmáns, traballa para a Compañía Universal de Biotecnoloxía, en Suíza. 

Ao longo da novela aparecen algunhas ilustracións nunha páxina. Están en cor e son moi visuais. En xeral, representan o que está a ocorrer nese momento da historia e son moi sinxelas de comprender. Son debuxos cunha boa definición da estrutura corporal e facial dos personaxes e das paisaxes nos que transcorre a novela. 

Escollín este libro para un alumnado de sexto de Educación Primaria. Considero que aporta moitos valores ao alumnado, entre os que cabe destacar:

O respecto á natureza. Advirte da necesidade de actuar de maneira responsable co medio ambiente. Os irmáns saben que as accións do ser humano teñen unha incidencia importante no medio. Isto implica tamén unha reflexión sobre o uso da tecnoloxía. Os inventos do home deberían dirixirse cara a unha relación menos agresiva co medio, isto é, a non contaminalo. 

O espírito científico. A actitude dos irmáns é propia dos investigadores científicos. Están sempre atentos aos sucesos do seu mundo, e tan pronto como detectan algo que chama a súa atención, apresúranse a buscar unha resposta. 

Fomenta a curiosidade. Said e Sheila non se conforman con observar que algo sucedeu: eles perseguen e continúan a investigar con todo detalle. Pero non sempre a curiosidade condúcelles á solución dos problemas. 

A aventura. Trátase dun valor moi relacionado cos anteriores. Ante un suceso, caben dúas posibilidades, manterse á marxe, e deixar que as cousas sucedan, ou participar, ata onde a situación poida levar. Said e Sheila neste caso son de implicarse.

E por último, a responsabilidade global. As accións e responsabilidades dos homes non só teñen repercusións no medio onde a vida se desenvolve, senón tamén noutros, nos seres humanos. O que descobren Said e Sheila é unha ameaza moi seria, na que teñen que tomar unha decisión arriscada: impedir que suceda. É a súa maneira de cumprir co compromiso que todas as persoas teñen coas demais. 

En xeral, é unha novela moi entretida, que a pesar da súa extensión, consegue captar a atención dos lectores/as e ten moitas potencialidades.

Ademáis, apréndese moito acerca de diferentes tipos de minerais e as súas características, polo que é un libro que podería empregárse nunha aula de Ciencias da Natureza. Ademais tamén afonda moito no tema de coidar o medio ambiente. Sheila fala moito das consecuencias que ten a contaminación, especialmente nos océanos e ríos, para concienciar os pequenos lectores e lectoras dos problemas que se poden chegar a causar no noso planeta se non o coidamos. 

A finalidade é que os lectores e lectoras aprendan a coidar a nosa Terra, colaborando nas súas casas; aforrar auga, reciclar, apagar as luces, etc. E que aprendan cousas acerca da natureza. 

Unha actividade que se podería realizar antes de ler o libro é coñecer que saben os alumnos/as da Antártida. É só un anaco de xeo? Que investiguen sobre o continente xeado: dimensións, flora, fauna, contorna mariña... Poderán buscar información en enciclopedias e na internet, e con todo o que recompilen crearán por grupos uns murais sobre a Antártida, que despois colgarán nas paredes da clase. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...