Pr
Caride Ogando, Ramón, Perigo vexetal, Premio Merlín de Literatura Infantil, ilustr. Miguelanxo Prado, Vigo: Xerais, col. Merlín, serie laranxa (de 11 anos en diante), decembro 1995, 111 pp. (ISBN: 84-7507-953-9).
O libro escollido é un libro narrativo que ten o título de Perigo vexetal. Este consta dunha cuberta (de tapa branda) onde destaca, ademais do título nun recadro da marxe superior xunto co nome do autor e do ilustrador, o debuxo plasmado da máquina do supercereal. Destacan as cores vivas e aparece reflectido un dos elementos que forma parte do relato deste libro.
En correlación coa cuberta estaría a contracuberta. Nesta atopamos unha breve sinopse do libro que nos pon en contexto para entender de que tratará.
Nas solapas deste libro está reflectida, na esquerda, información sobre o autor; na dereita, os títulos dos libros que ten escritos onde aparecen narradas as aventuras dos personaxes Said e Sheila.
Na anteportada aparecen datos bibliográficos do libro e na portada volvemos atopar os nomes do autor e ilustrador, o título do libro coa imaxe da cuberta (desta vez en branco e negro) e o nome da editorial.
Nas páxinas de dereitos recóllese o día da entrega do premio e unha dedicatoria á súa filla Uxía.
Perigo vexetal é un libro xa que o que destaca é a historia, dispoñendo unicamente de algunhas imaxes soltas que axudan a visualizar determinados momentos. Está escrito en primeira persoa por ambos os protagonistas deste relato que nos van narrando as súas aventuras.
Trátase dunha rapaza (Sheila) e o seu irmán (Said), dous rapaces do futuro que lle escriben aos do presente para contarlles o que están vivindo no ano 2075. Un día sáltalles unha noticia no seu ordenador de que hai un supercereal que vai acabar coa fame no mundo e simultaneamente, outra que di que hai unha praga producida por unha planta que está arrasando as pampas arxentinas. Sheila e Said póñense mans á obra e dispóñense a atopar o misterio que se agocha tras estas dúas novas, querendo descubrir se existe relación algunha entre elas. Tras visitar os lugares pertinentes para resolver este misterio, atopan que si que hai relación: o supercereal, unha vez se recolle a súa colleita e se corta, comeza a empodrecer e soltar líquidos viscosos ademais dun cheiro insoportable que destrúe o terreo. Ao longo desta aventura, os protagonistas fan novos amigos, rescatan persoas e saen vitoriosos, gañando aos que se querían facer co control do mundo arruinando a toda a poboación.
As imaxes son debuxos en branco e negro que aparecen cada certo número de páxinas e contribúen a unha representación visual da historia, representando certos momentos que se están describindo textualmente.
Relativo ás potencialidades que se poderían extraer deste libro para unha aula de educación primaria, destacar o tratamento de temáticas tan vitais e ás veces ignoradas no mundo como o é a fame. Ademais desta, abarca tamén a importancia das relacións e o respecto polas demais persoas, as consideracións positivas das relacións coa familia, o valor da amizade e a solidariedade, a convivencia, o mundo do futuro, o respecto polo medio ambiente, a paz… Todos estos temas serían tratados na clase a modo de reflexión e de actividades lúdicas que os axudasen a pensar e ao mesmo tempo, divertirse.
Os recursos activos atopados na web foron vídeos de rapaces e rapazas falando do libro e do autor Ramón Caride e tamén unha páxina web dun colexio onde, a través dun programa de radio creado por eles e elas, falan do mesmo. Como exemplo disto:
Vídeo de Iria Fernández Fermández, https://www.youtube.com/watch?v=WaTXaoqzeCY
Vídeo de Efrén Esquío, https://vimeo.com/201421193
Vídeo de Nico Yagüe, https://www.youtube.com/watch?v=STIYShOrfHI
Páxina da Xunta, http://www.edu.xunta.gal/centros/ceippazosdereis/node?page=24
Ningún comentario:
Publicar un comentario