Muñoz Puelles, V. (2012). A expedición dos libros, ilust. Fernando Vicente, trad. Roxelio Xabier García. Madrid: Oxford, Editora. (ISBN: 9788467356670).
O libro escollido titúlase A expedición dos libros. Está impreso en papel. É de tapa branda, xa que está recomendado para persoas maiores de 10 anos. Na cuberta, aparece enriba á dereita o título do libro e xusto a esquerda atópase o nome do autor, Vicente Muñoz Puelle. Debaixo do nome do autor está o nome do ilustrador, Fernando Vicente. Abaixo de todo aparece o nome da editorial “Oxford”. No centro da cuberta podemos ver aos tres personaxes principais da historia; Alicia, O sabuxo e a Ilíada. Están un enriba do outro, axudándose para intentar abrir unha porta. A cuberta e a contracuberta son de cor laranxa.
Na contracuberta está, situado no centro, o resumo do libro. Enriba do resumo hai unha recomendación da idade aproximada para a compresión do libro, para maiores de 10 anos. Debaixo do resumo aparece de novo o nome da editorial “Oxford” e o código de barras.
Contén solapa frontal coa información recollida doutros títulos da biblioteca de Víctor Muñoz Puelles (Raio veloz, Gatos e leóns e Unha historia familiar). E tamén contén solapa traseira con máis títulos da biblioteca do autor (O ocupante, Dor de rosa e Cinco contos sobre Velázquez).
De seguido, atopamos a páxina de título de créditos con moita información acerca da elaboración do libro.
Por último, antes de adentrar na lectura, temos a portada, co título do libro, o nome do autor, o nome do ilustrador e o nome do tradutor, Roxelio Xabier García Romero.
Este libro é unha novela que está composta por 148 páxinas e é contada por un narrador en terceira persoa omnisciente. Está composto por 13 capítulos cuxos títulos son os seguintes: "A biblioteca do soto", "Os visitantes", "A casa roubada", "Primeira saída", "Os outros libros", "O decálogo dos libros", "Segunda saída", "A viaxe da Ilíada", "A viaxe de Gulliver", "Historia do quinto tomo", "A fuxida", "A familia", e "As choivas".
Adentrándome no argumento, dende un punto de vista persoal, a historia é bastante entretida e interesante. Nun soto hai moitos libros que levan tempo sen ser lidos. Un día uns ladróns asaltan a casa e rouban un libro da colección de Julio Verne. Estrañados os libros pola ausencia da familia e asustados polo atraco, deciden saír os persoaxes principais dos seus sitios e investigar a casa dos seus donos. Falando con outros libros que vivían no interior da casa, descubriron que os seus donos xa non vivían alí e decidiron realizar unha expedición en busca da familia e do libro roubado. A través dunha votación decidiron os 3 libros encargados de cumprir polo menos un dos dous obxectivos propostos. Estes libros foron As viaxes de Gulliver que foi atopado e enviado a China, a “quinta toma da colección de Julio Verne” que acabou nun escaparate de libros antigos e “A Ilíada” que atropelaron e foi rescatada e enviada por un xardineiro á biblioteca municipal. Finalmente a familia regresa e os libros perdidos durante a expedición conseguiron regresar á casa.
Entre os personaxes que se nos presenta nesta historia caben destacar os seguintes: Alícia (a protagonista da historia), O sabuxo, A Ilíada, Hamlet, o Manual para a restauración de libros, o Dicionario de sinónimos, as Obras completas de Julio Verne, a Biblia, a Enciclopedia de bricolaxe, a irmá de Alicia, a República de Platón, Xeometría, o gato sen nome, os dous ladróns, Peter Pan e Wendy, Laura, O vento nos salgueiros, La vida del Buscón Don Pablos, As viaxes de Gulliver, o xardineiro, un can, o carteiro, o home das lentes, Ricardo e o pai da familia.
Cabe destacar que todos estes personaxes teñen nomes de obras clásicas ou canónicas da literatura universal e española.
As ilustracións que se presentan recrean aspectos relevantes da vida dos personaxes. Son ilustracións en branco e negro e tanto a figura dos personaxes como os lugares no que se presenta a escena, están moi detalladas.
Escollín este libro para nenos e nenas de sexto de Educación Primaria. Dende un punto de vista animado, os nenos e nenas poden empatizar cos libros que senten soidade por non ser lidos e ao final mostrar máis interese pola lectura. Tamén durante a lectura se aprende moito porque a protagonista “Alicia” representa unha nena pequena, e pregunta bastante por moitos conceptos que os lectores e lectoras igual tampouco entenden, potenciando así a adquisición de novos coñecementos.
A principal potencialidade desta obra é que ofrece un percorrido por obras da literatura universal que nenos e nenas da idade para a que está recomendada, xa coñecen ou poden ler. Polo tanto é unha invitación a ler obras clásicas ou a recoñecer os seus personaxes nesta obra.

Ningún comentario:
Publicar un comentario