martes, 18 de xaneiro de 2022

O MEU PAI É AMA DE CASA

 


UGIDOS, SILVIA & VALVERDE, MIKEL (2000). O meu pai é ama de casa. ¿E que?.

Galaxia.

Este é un libro de literatura infantil, publicado no ano 2000, que contén unha estrutura e aspecto que coincide co modelo da literatura convencional. Conta no seu interior con ilustracións que acompañan ao contido da historia narrada, pero que non teñen un peso fundamental ou indispensable para a comprensión da historia que se relata. A cantidade de texto, o vocabulario e o formato do libro indican que esta obra vai dirixida a un público de primaria que xa ten unha certa soltura na lectura. A súa vez, esta obra é unha tradución da obra orixinal Mio padre ye ama de casa, escrita en asturiano e que pertence a unha colección na que se recollen outros títulos como: Estou gordecho, A min non me gusta ó fútbol e Eu tghopezo no eghe.

Dimensión física

● Formato do libro: Presenta tapas brandas, nun formato de libro de peto. É un libro fino e lixeiro, con poucas follas. A súa vez, estas son algo máis grosas que as dos formatos da literatura adulta, preparadas para ser manipuladas e protexer as ilustracións.

● Cuberta: Nela recóllese o título da obra, o nome da autora como o do ilustrador e as editoriais que participaron na súa elaboración. En canto á súa estética, conta coa aparición das dúas personaxes principais nesta historia, sobre un fondo que xoga coas cores frías pero que xeran unha harmonía da mesma.

● Contracuberta: Resulta ser unha consecución da cuberta, pero non aporta unha información visual relevante, tendo unha función claramente estética. Na parte superior incorporáronse unhas pequenas liñas que presentan o obxectivo ou idea xeral do que se busca traballar co relato. Tamén se observa o código de barras e o ISBN, así como a recomendación da idade á que vai dirixida.

As gardas son simples, de cor azul, mantendo a estética. Na mesma obsérvanse dous globos nos que se recolle a frase que forma parte do título “ E que?”. A seguinte páxina está destinada aos créditos e dereitos de autor.

Na portada recóllese de novo a información que aparece na cuberta, pero agora sen

cores.

Debido a extensión do relato non son necesarios índice, sumario e prólogo. O relato ocupa unha extensión total de 28 caras. Nela a metade corresponden ao texto e a outra metade ás ilustracións que o acompañan. A estrutura é sempre a mesma, no lado esquerdo, sobre un fondo branco, recóllese o texto. No lado dereito, en cambio, sempre hai unha ilustración que ocupa a totalidade da páxina.

● Indicadores da idade do lector: A partir de 8 anos.

Lombo: Conta co título da obra e o número que ocupa na colección á que pertence.

● Tipografía e texto: É uniforme durante toda a obra, de cor negra sobre un fondo branco. Emprégase unha letra grande e sinxela, estilo Arial. Hai unha voz de narrador en primeira persoa que conta a historia; neste caso, a narradora é a nena protagonista.

Ademais, tamén conta con diálogos entre ela, seu pai e algúns personaxes secundarios. O conto nárrase en pasado e os diálogos recóllense en presente.

Resumo do argumento

Unha nena, durante as horas de escola, atópase nun apuro ao ter que escribir unha redacción sobre a profesión do seu pai. É a única da súa clase cun pai ama de casa e, tras as burlas e risas dos compañeiros, séntese avergoñada da súa profesión. Nun primeiro momento pensa en mentir e inventar unha profesión diferente e ben vista polos seus compañeiros; pero, poñéndose a pensar no seu día a día: o ben que o pasa co seu pai, todo o que é capaz de facer ao longo do día e a importancia que ten o seu traballo para poder vivir ben, cambia de idea e mantén a profesión orixinal. Finalmente, podendo deixar de lado os prexuízos e sabendo valorar os pequenos momentos, consegue transformar as burlas dos seus compañeiros en admiración.

Descrición da ilustración

As ilustracións desta obra foron elaboradas por Mike Valverde, escritor e ilustrador español. Os trazos son pouco definidos e simples, pero representan de xeito claro os contidos.

Emprega cores vistosas e intensas para chamar a atención dos lectores. Son ilustracións feitas a man coas siluetas a bolígrafo e coloreadas con rotuladores ou acuarelas. Cada unha delas recolle unha escena do que se está a contar no texto que acompañan na páxina anterior.

Explicación das potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12

anos

Este libro é adecuado para traballar co alumnado unha temática que, aínda que xa se leva afondado moito sobre ela, aínda permanece presente e moi aferrada ao noso comportamento e vida diaria. Estase a falar dos roles de xénero, ligados nesta obra máis concretamente aos prexuízos e desprezo que sofre a profesión de ama de casa, tradicionalmente relacionada coa muller e que aínda sofre un máis claro rexeitamento e desvalorización cando este labor o desenvolve un home.

A partir da mesma obra, preséntanse algunhas das súas funcións e a complexidade e desgaste que supoñen para quen as realiza; así como as vantaxes que ten o poder traballar no fogar e participar activamente no coidado e educación dos máis pequenos.

Por outra parte, abórdanse algúns temas como o mundo drag queen ou o vexetarianismo que, xunto coa temática principal, forman parte do noso mundo social pero que normalmente se atopan pouco visibles, sobre todo atendendo á época na que se publicou este conto. A partir disto, ábrese a posibilidade de facer coñecedores ao alumnado sobre estas cuestións, así como a evolución da sociedade en relación a temas tabús e o avance cara a un mundo máis libre e respectuoso coa diferenza de opinións e estilos de vida.

Por último, volvendo a facer constancia de que esta obra é unha publicación de hai 21 anos, tamén se observan diferenzas nas normas ortográficas, que co paso dos anos foron mudando. Deste modo, tamén a ortografía pode ser unha cuestión de traballo con este conto.

Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra

Apenas existen recursos en liña desta obra en lingua galega. Tan só existe unha presentación que recolle esta obra en versión dixital na plataforma Slideshare.

Recurso: https://es.slideshare.net/zuceac/meu-pai-ama-de-casa

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...