Nesta obra literaria o argumento discorre a través da voz do gato Tex, o narrador e un dos protagonistas da historia. Un felino inquedo que ten que estar sempre a facer algo ou ir dun lado a outro. Por ese motivo encántalle ser un gato. Pero non deixa de pensar no seu amigo Burbulla (o outro protagonista), un peixe que sempre dá voltas ao redor da peixeira mirando sempre o mesmo. Para que a situación mude e Burbulla poida desfrutar do fascinante mundo exterior que os rodea, Tex argalla un plan para que o seu amigo coñeza varios escenarios entre os cales está o mar, repleto doutras especies mariñas. Aínda que no mar habiten máis peixes coma el, Burbulla tomará a decisión de tornar de novo ao seu fogar co seu fiel amigo Tex. Atopámonos pois ante unha emotiva e fermosa historia que ten como protagonista a dous animais de especies e características diferentes, pero cunha grande amizade en común que os une.
Como estamos ante un álbum ilustrado de contido gráfico, a imaxe posúe máis forza e ten máis presenza sendo o texto un aliado co que compartir a carga da historia. Relaciónanse así a imaxe e o texto de xeito paralelo articulándose nunha dobre páxina. Foreman ten un estilo singular á hora de elaborar as ilustracións empregando a técnica da acuarela en tons pastel, co predominio de cores vivas, claras. Cada imaxe que observamos ao longo do libro trasládanos á cidade de Nova Iork (lugar no que está ambientada a historia), facendo un percorrido polas diferentes paraxes e lugares máis simbólicos do Estado dende parques infantís e naturais, ata a beira do mar e espazos culturais e lúdicos (museo e zoo). Aínda que cada páxina nos amosa escenarios diferentes, todos eles teñen un elemento en común: a presenza do gato Tex suxeitando o caldeiro con auga que transporta no seu interior ao peixe Burbulla. O libro Amigos ten en conta a etapa cognitiva do público ao que vai dirixido (ata 6 anos), adecuándose perfectamente a imaxe e o texto á idade dos lectores e lectoras.
Traballar este álbum nos primeiros cursos de Educación Primaria sería todo un acerto pois enaltece valores como a amizade, a liberdade e o respecto e estima polos animais. A escola, como un dos principais axentes socializadores do ser humano, xoga un papel moi importante á hora de ensinar ao alumnado a convivencia e respecto polo grupo de iguais. Nas idades máis temperás xa comezan a ter un concepto de amizade que lle permiten establecer grupos e relacións con persoas afíns. Deste xeito, podemos facer reflexionar aos cativos e ás cativas sobre o que estarían dispostos a facer polo seu mellor amigo ou amiga. Ao estar inspirado nunha historia real entre Tex (o gato do autor) e Burbulla (o peixe da súa sogra) fainos ver que é posible que dous animais completamente diferentes (e segundo nos contan os mitos, inimigos), poidan establecer unha convivencia sa. Este feito danos pé a explicar na aula un tema moi importante como é a diversidade, para fomentar nas xeracións futuras a naturalidade para xestionar esta temática e poder así avanzar cara a unha educación inclusiva e de igualdade de oportunidades.
Tamén existen outras cuestións transversais a tratar a partir da lectura como pode ser a observación e distinción da paisaxe que nos rodea, a través de elementos naturais (bosque, mar, cidade) e humanos (barcos, faro, parque infantil, museo, cadro da Mona Lisa, rañaceos, ponte de Brooklyn) da contorna. E por outra banda, a observación e identificación de plantas e animais (os grandes grupos nos cales se divide o reino animal).
Referente aos recursos en liña, neste caso no se atopou ningún en lingua galega. A maioría dos que están dispoñibles na rede ou ben se elaboraron en lingua castelá ou ben en lingua inglesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario